Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

15/11/2010

Feijóo transmite a Almunia a necesidade de que Galicia manteña “unha porcentaxe de fondos importante” no novo presuposto comunitario

  • “5.600 millóns de euros é o que se está xogando Galicia para o próximo presuposto comunitario 2013-2020 e imos pretender con razóns, con argumentos, con antecedentes que Galicia manteña unha porcentaxe de fondos importante no novo presuposto comunitario”, asevera
  • Destaca que se trata dun asunto que non soamente afecta á Comunidade galega senón a 13 millóns de españois; “as comunidades de Estremadura, Castela a Mancha, Andalucía e Galicia se verían con risco de perder os fondos europeos se non plantexamos unha aterraxe suave dos mesmos”

Bruxelas, 15 de novembro de 2010. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, espuxo ontes, en Bruxelas, ao vicepresidente da Comisión Europea e Comisario da Competencia, Joaquín Almunia, o obxectivo que ten Galicia “de seguir explicando a súa posición e de seguir defendendo os intereses xerais de Galicia e non perder o 100% dos fondos europeos, senón, pola contra, manter no seguinte período presupostario da Unión unha porcentaxe importante de fondos, a pesar de ter xa unha converxencia real do 89-90 por cento da nosa renda co resto da renda europea”.

“5.600 millóns de euros –destacou- é o que se está xogando Galicia para o próximo presuposto comunitario e imos pretender con razóns, con argumentos, con antecedentes que Galicia manteña unha porcentaxe de fondos importante no novo presuposto comunitario 2013-2020. Hai antecedentes, fíxose así ata o momento, e espero e desexo que as autoridades comunitarias entendan as razóns e os argumentos de seguir converxendo en innovación, en infraestruturas, en tecnoloxía e outras que están dentro da Axenda 2020 que é a axenda europea”.

Feijóo e Almunia

A tal efecto, Feijóo describiulle ao vicepresidente da Comisión Europea e Comisario da Competencia un recente informe da propia Comisión -o Quinto informe da Comisión que se presentou fai uns días-, onde a Comisión se amosa receptiva para manter un período transitorio na percepción dos fondos estruturais, dos fondos de cohesión ás comunidades autónomas.

Se ben, Feijóo recoñeceu que “aínda queda moito partido por facer”, aseverou que “non se pode baixar a garda e temos que seguir explicando a nosa posición”, logo de recordar que en xuño de 2012 a Comisión estará en condicións de posicionarse definitivamente e de marcar a súa posición para que, posteriormente, o Parlamento e o Consello adopten a decisión definitiva.

O titular da Xunta destacou, amais, que se trata dun asunto que non soamente afecta á Comunidade galega senón a 13 millóns de españois. “As comunidades de Estremadura, Castela a Mancha, Andalucía e Galicia se verían con risco de perder os fondos europeos se non plantexamos unha aterraxe suave dos mesmos”.

Outro dos asuntos que tratou Feijóo co vicepresidente da Comisión foi a postura inequívoca da sociedade galega e da maioría do pobo galego de non compartir a proposta do Goberno de España de prohibir a queima de carbón de importación nas centrais térmicas de Meirama e As Pontes, e que pón en risco 3.500 empregos en Galicia. “Espero que os tribunais lle dean a razón aos intereses xerais, aos principios de competencia e de libre mercado. Non é posible despois de todo o que gastamos nas centrais de ciclo combinado en Galicia que non poidamos queimar un carbón máis eficiente, con maior valor enerxético e con menos emisións á atmosfera”.

Así mesmo, Feijóo trasladou a necesidade de buscar unha solución para usar as gradas que non se utilizan nos estaleiros de Navantia-Fene-Ferrol. “Espero e desexo buscar unha solución entre a Xunta, o Ministerio de Economía e Industria a través da Sepi, e plantexar á Comisión unha proposta para utilizar aquilo que non está sendo utilizado por ninguén. Un país cun 20% de paro como España non se pode permitir o luxo de ter instalacións sen utilizar, instalacións que poden ser empregadas por outras empresas ou institucións para incrementar a nosa capacidade produtiva e a nosa capacidade industrial”.

Por último, en materia de pesca, Feijóo trasladou ao señor Almunia o impacto que está producindo na conserva e moi concretamente na do atún o feito de levantar os aranceis a Papúa Nueva Guinea, “feito que está permitindo que outros países como China, Filipinas ou Tailanda estean colando por esa ventá atún que non está cumprindo coas normativas medioambientais, laborais e de saúde e hixiene que a UE obriga ás conserveiras dos países membros”. “O comisario informoume de que, de xeito inmediato, trasladará unha nota co dossier que lle deixamos á comisaría correspondente para revisar as toneladas de atún que están saíndo por Papúa Nueva Guinea”, concluíu.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante