Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

06/10/2010

Jesús Gamallo amósase en Bruxelas optimista pola posible chegada da axuda transitoria para Galicia a partir de 2013

  • Tivo lugar no seminario organizado na Fundación Galicia Europa sobre o futuro da Política Rexional ao que asistiron representantes da Comisión Europea, o Parlamento Europeo e a Presidencia belga
  • Jesús Gamallo amósase moi optimista sobre a posible concesión dunha axuda transitoria a Galicia a partir de 2013 tras entrevistarse coa presidenta da comisión de Presupostos do Parlamento Europeo
  • O Director Xeral aproveitou este foro para presentar a macrorrexión Rexións do Suroeste de Europa (RESOE)

Título de la foto
Jesús Gamallo saúda a Danuta Hübner a súa chegada á sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas

Bruxelas, 6 de outubro de 2010. A Fundación Galicia Europa en Bruxelas acolleu hoxe a celebración dun seminario de alto nivel enmarcado na Semana Europea das Cidades e Rexións ‘Open Days’ que xirou entorno ao futuro da Política Rexional. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa presidiu o debate “Unha Política de Cohesión para todos, xustificación para o futuro” que contou coa participación de Danuta Hübner, do Parlamento Europeo, Pascal Goergen, en representación da Presidencia belga e membros da Comisión Europea. Así mesmo, participou no seminario o profesor da London School of Economics, Iain Begg, autor do estudio “O futuro da Política de Cohesión nas rexións máis prósperas”, e os responsables políticos de distintas rexións europeas implicadas no debate dos fondos de cohesión, entre os que se atopa o director xeral de Planificación e Fondos da Consellería de Facenda, Francisco Javier Rodríguez Seijo.

Jesús Gamallo expresou a necesidade de que as rexións como Galicia, que lidera o grupo de rexións CROWC (Convergence Regions on the way to cohesion) que superan por primeira vez o 75% da renda media comunitaria, “contribúan a este debate desde a experiencia na xestión dos fondos comunitarios”. O Director Xeral fixo fincapé na necesidade de obter unha axuda transitoria a partir de 2013 “tal e como vén ocorrendo nos períodos transitorios precedentes coa fin de non poñer en perigo as importantes inversións realizadas ata o de agora”.

Título de la foto
Vista xeral da FGE ao comezo do seminario

Así mesmo, e tras entrevistarse coa presidenta da Comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo, Danuta Hübner, Jesús Gamallo amosouse optimista en torno á demanda de Galicia en favor desta axuda. A resposta a esta demanda garantiría, en palabras do Director, ”que a partir de 2013 Galicia poida consolidar e avanzar en todos os esforzos feitos ata agora en materia de desenvolvemento e converxencia con Europa”. Aínda así, Gamallo amosouse cauteloso é asegurou que “aínda non se poden lanzar as campás ao vento porque queda percorrido por facer pero hoxe son máis optimista que hai uns meses”. “O traballo que vimos facendo comeza a dar algúns froitos e a estratexia impulsada polo presidente Feijóo sobre a aterraxe suave está cada día máis preto de acadarse”, engadiu. Pola súa banda, a presidenta da comisión de Política Rexional do PE asegurou que apoia as reivindicacións das rexións, como Galicia, que abandonarán por primeira vez o obxectivo converxencia e defendeu unha axuda transitoria que “deberá financiarse con cargo ao obxectivo converxencia”. Así mesmo, indicou que “Europa necesita unha política rexional para todas as rexións europeas, xa que todas teñen retos e contribúen ao crecemento e á mellora da competitividade da UE”.

Presentación Regiones del Sudoeste de Europa (RESOE)

Finalmente, Jesús Gamallo aproveitou este foro para presentar a macrorrexión Rexións do Suroeste de Europa (RESOE), constituída oficialmente o pasado 17 de setembro por Galicia, Castela e León e a rexión Norte de Portugal. O Director Xeral sinalou que este novo espazo europeo “constitúe un instrumento de traballo que servirá para intensificar a cooperación interrexional entre zonas que comparten intereses comúns, como o sector da automoción, os bens culturais ou a protección do patrimonio medioambiental”. Así mesmo, Gamallo matizou que RESOE “pretende ser complementaria á Estratexia Integrada Atlántica” que neste intre está en discusión na UE e que “está aberta á participación doutras rexións do occidente europeo con intereses coincidentes”.

Por outra banda, esta tarde terá lugar en Bruxelas o seminario “Unha estratexia integrada para o espazo atlántico: un marco adecuado para avanzar na cooperación marítima?”, na que a macrorrexión RESOE tamén será obxecto de debate e onde se exporán os seus obxectivos e proxectos.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante