Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

15/04/2010

O Comité das Rexións aproba un ditame que recolle a proposta galega de que a UE siga asignando fondos a Galicia despois de 2013

  • O CdR convértese no primeiro órgano europeo en formular unha postura oficial a favor de que a UE siga asignando unha parte do seu orzamento ás rexións que abandonarán por primeira vez o obxectivo converxencia
  • Jesús Gamallo participou en Bruxelas no 84º Pleno do Comité das Rexións, onde, ademais deste, se aprobaron varios ditames de gran importancia para Galicia

Bruxelas, 15 de abril 2010.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, acaba de participar na 84º Pleno do Comité das Rexións (CdR) en Bruxelas, no que, entre outros ditames, aprobouse un a favor de que a UE siga asignando axudas estruturais ás rexións que, como Galicia, deixarán de ser “obxectivo converxencia” despois de 2013.

A aprobación deste ditame sobre o futuro da política de cohesión significa un paso cara adiante na reivindicación das rexións que previsiblemente deixarán de percibir axuda rexional europea a partir do 2014. Ademais, con esta actuación, o CdR convértese no primeiro órgano europeo en formular unha postura oficial a favor de que a UE siga asignando unha parte do seu orzamento ao financiamento destas rexións.

O texto incide na importancia de que a cohesión económica, social e territorial continúe sendo un obxectivo prioritario da UE e recolle a proposta galega de asegurar unha “aterraxe suave” para as rexións que abandonan por primeira vez o obxectivo converxencia. Na súa elaboración Galicia tivo unha participación importante, xa que realizou as súas achegas na reunión da Comisión de Cohesión Territorial (COTER) celebrada o pasado mes de febreiro. Nela, o encargado das relación do Goberno galego coa UE, Jesús Gamallo, destacou a importancia de que non se renacionalice esta política rexional e de asegurar estes fondos independentemente de cal sexa a futura arquitectura desta política.


Mobilidade urbana

Alberto Jardim saúda a Jesús GamalloAdemais deste ditame, na sesión plenaria do CdR dos días 14 e 15 de abril aprobáronse outros de gran importancia para Galicia como é o relativo á mobilidade urbana, ao que Galicia presentou tres emendas. O ditame incide especificamente nas necesidades das zonas periurbanas e metropolitanas tendo en conta as diferentes realidades de asentamentos territoriais nas distintas rexións europeas.

Doutra banda, cabe destacar tamén a aprobación dos ditames sobre a solidariedade en materia de saúde que ten como fin reducir as desigualdades en termos de saúde na UE, e o referente a abordar os efectos do envellecemento da poboación da UE co fin de garantir o acceso a servizos e equipamento que permitan o aumento da taxa de emprego e a produtividade deste grupo de poboación.

Ademais, Jesús Gamallo participou como portavoz do PPE da comisión CIVEX no debate sobre a importancia dos retos da futura ampliación da UE polo que se refire a Turquía, Croacia e Macedonia, tema sobre o que trata un dos ditames aprobados pola plenaria.

Con motivo da reunión plenaria o director xeral tivo a ocasión de manter un encontro co presidente da Rexión de Madeira, Alberto Jardim, no que se interesou pola situación actual da illa despois das fortes inundacións ocorridas recentemente e expresoulle a solidaridade de Galicia coa rexión, en relación as graves perdas de vidas e recursos que sufriu.

A próxima sesión plenaria terá lugar do 8 ao 10 de xuño de 2010.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante