Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

08/10/2009

Feijóo: “Todos os asuntos que preocupan a Galicia son agora coñecidos en Europa”

  • O presidente da Xunta fixo balance da súa recente viaxe a Bruxelas e recoñeceu que serviu para que Galicia sexa escoitada en Europa Asegura que, no tocante ás propostas para promover unha aterraxe suave dos fondos europeos e un incremento dos fondos interrexionais, tanto Barroso como a presidenta da Comisión de Política Rexional “entenderon claramente a proposta de Galicia”
  • Resalta que o prantexamento do Goberno galego sobre as cotas lácteas “non ten volta atrás” e que Europa “é consciente” deste problema, polo que xa puxo en marcha unha mesa de traballo que en xuño de 2010 presentará unha proposta para solventar esta cuestión
  • “É evidente que si o Estado español non prantexa estas cuestións de forma concreta temos a obriga de suplir a falta de iniciativa e de sensibilidade do Estado; porque se a nós nos vai moito co leite, a outros lle vai moito menos”, di
  • Subliña que a axenda comprometida para levantar o veto para a construción civil naval nos estaleiros de Navantia en Ferrol é “imprescindible para Galicia”
  • Sinala que Barroso comprometeuse a facer un seguimento para que non se estableza unha plataforma franca en Papúa-Nova Guinea que sexa utilizada por grandes potencias asiáticas para introducir as súas conservas no mercado europeo, prexudicando ao sector conserveiro galego

Santiago, 8 de outubro de 2009.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou hoxe, á volta da viaxe de tres días que realizou a Bruxelas para reunirse cos principais líderes europeos, que todos os asuntos que neste momento preocupan a Galicia e que a nosa comunidade ten enriba da mesa “son agora coñecidos en Europa”. Os obxectivos da viaxe a Bruxelas, dixo, eran obxectivos “moi claros”: dar a coñecer a Galicia en Europa, facer que sexa escoitada alí e, tamén, que Galicia coñeza con maior claridade o funcionamento da UE.

O xefe do Goberno galego informou que na viaxe mantivo contactos con todos os presidentes das institucións europeas, e coa comunidade galega en Bruxelas, na Fundación Galicia Europa. Así, un dos encontros foi co presidente da Comisión Europea, Durao Barroso; co presidente do Parlamento europeo, Jerzy Buzek; co titular do Comité das Rexións, Luc Van den Brande; co comisario español de Asuntos Económicos, Joaquín Almunia, e coa presidenta da Comisión de Política Rexional, Danuta Hübner, “un dos asuntos que máis nos interesa preservar neste momento na comunidade autónoma”, asegurou.

Unha axenda que, nas súas palabras, “acredita que fomos traballar e a explicar a todas as autoridades europeas cales son as principais cuestións que Galicia ten que solventar nun espazo de intelixencia e de presentación de posibilidades, para ir preparándonos para o presuposto 2013-2020 que se vai aprobar a finais do ano 2012 na UE”, relatou o presidente. Feijóo detallou que con Durao Barroso, presidente da CE, abordaron temas como a política de cohesión, o sector lácteo, a pesca e a acuicultura, o sector da conserva e, tamén, as reformas imprescindibles no ámbito lácteo e o Xacobeo 2010.

Prantexoúselle, concretou, que Galicia non pode perder a totalidade dos fondos europeos no ano 2013, algo que dixo, “non sería razoable nin bo para Galicia, nin para España ou Europa”. Por iso, explicou que lle propuxo a Barroso unha “aterraxe suave” dos fondos europeos a partir de 2013 e “unha necesidade de incrementar” os fondos interrexionais, os fondos de cooperación transfronteiriza. Uns fondos que, en palabras de Feijóo “nunca deberon ser rebaixados”, fundamentais para relacionarnos co norte de Portugal e outros países da UE.

Tanto Durao Barroso como a presidenta da Comisión de Política Rexional, Danuta Hübner, “entenderon claramente a proposta de Galicia”, alegou o titular da Xunta ao respecto.

Resumiuno así: “Estamos traballando para liberar un lobby de 16 rexións europeas que poden verse na mesma situación que Galicia, que están a piques de perder o obxectivo 1 e, polo tanto, de perder os fondos europeos”, asegurou o presidente, que reiterou: “Estamos traballando con dous anos e medio de anticipación pero só traballando con anticipación poderemos lograr o obxectivo de manter boa parte dos fondos europeos e de ver incrementados os fondos interrexionais”.

Explotacións abocadas a desaparecer

O mandatario galego relatou que, no encontro co comisario europeo, prantexóuselle que “non é razoable” o que está a ocorrer co sector lácteo que, estendido a toda Europa, as producións gandeiras españolas e, concretamente as galegas, “están ante a posibilidade de ir desaparecendo paulatinamente no caso de que a UE non tome cartas neste asunto”, admitiu.

 Núñez Feijóo considerou que “non é posible que o leite doutros países da UE estea entrando a baixo prezo no mercado español, afectando claramente á debilidade das explotacións leiteiras galegas”. Como tampouco é razoable, proseguiu Feijóo, que a UE, “que obrigou aos gandeiros galegos para poder producir o leite a endebedarse para comprar cotas leiteiras sexa agora a mesma que lle prantexe aos gandeiros galegos que aquela débeda que tiveron que asumir para poder producir agora non vale nada”, esgrimiu.

O compromiso: xuño de 2010

Este prantexamento, dixo, “non ten volta atrás”, e un Estado como España “non pode aceptar, de ningún xeito, que por seguir as directrices da UE moitos dos gandeiros galegos estean nunha situación de bordear a quebra”, no suposto de que non haxa unha continxencia económica para indemnizar a aqueles que compraron cota e que agora se ven ante a posibilidade de que esa cota non teña ningún valor.

Como aspecto positivo o presidente da Xunta salientou o feito de que “Europa é consciente deste problema e que nesta momento acaba de poñer en marcha unha mesa de traballo e de reflexión permanente para que en xuño do ano 2010 haxa unha proposta concreta para o sector lácteo, e para que dentro de dous meses empece a haber xa avances neste senso.

“É evidente que esta competencia é do Estado español, pero tamén é evidente que si o Estado español non prantexa estas cuestións de forma concreta temos a obriga de suplir a falta de iniciativa e de sensibilidade do Estado; porque se a nós nos vai moito co leite, a outros lle vai moito menos”, resaltou, para apuntar que o 40 por cento da produción leiteira española é galega.

Unha axenda “imprescindible” para o sector naval en Galicia

No que atinxe ao sector naval, o xefe do Executivo galego alegou que en Bruxelas se propuxo “unha solución razoable”, que estea dentro do acordo coa UE; unha solución, esgrimiu, “que non supón ir contra o departamento de competencia da Unión Europea, senón “que entende calquera funcionario da UE”, e que pasa por que aquilo que non é utilizado e que non causa prexuízo a ninguén poida utilizarse para crear emprego en Galicia. Trataríase de segregar de todos os terreos ociosos do estaleiro Navantia-Fene a parte que non se utiliza para poñela en valor para calquera empresa que queira investir no ámbito de sector naval na ría de Ferrol, explicou.

Consciente de que esta negociación correspóndelle ao Estado, Feijóo reiterou o compromiso do presidente do Goberno de España para que o desbloqueo deste contencioso se poida facer no primeiro semestre do ano que vén. Por iso, alegou, o prantexado ao comisario de Asuntos Económicos da UE e ao presidente da CE foi que “esta axenda é imprescindible para Galicia”. O presidente recoñeceu que esta medida é fundamental para os estaleiros, “que poderían sufrir o mesmo que ocorreu co sector siderúrxico en Europa: que quedou sen sector”, observou. Algo que “sería grave”, polo que manifestou que esta proposición “non ten volta atrás”.

Flexibilizar os fondos da política pesqueira

No ámbito da pesca o que se avaliou na reunión foi a necesidade de flexibilizar os fondos para percibir os fondos europeos relativos á acuicultura, posto que, ao seu entender, “non é razoable” que eses fondos só se poidan dar nun determinado tipo de empresas, porque as empresas que se dedican á acuicultura “teñen unha facturación e un número de empregados superior” a aquelas que poden percibir os fondos.

Avaliouse, así mesmo, o perigo de converter a Papúa- Nova Guinea nunha plataforma franca sen aranceis para “inundar” de conservas as provincias de China, Tailandia, Filipinas e o mercado europeo.

O presidente da Comisión Europea, dixo Feijóo, “tomou boa nota” deste feito “real”. A xuízo do presidente autonómico, “unha cousa é axudar a un país en vías de desenvolvemento como Papúa-Nova Guinea e, outra cousa, é aproveitar esa plataforma para introducir conservas chinesas, tailandesas ou Filipinas, que non pagarían aranceis e que inundarían o mercado da UE”.

Esas conservas, segundo apuntou, “non teñen os parámetros de calidade, sanidade, nin os laborais aos que están obrigados as conserveiras galegas e, polo tanto, sería un incumprimento dos principios de competencia”. Durao Barroso, insistiu, “tomou boa nota destes asuntos e comprometeuse a facer un seguimento para que non se estableza unha plataforma franca, libre de impostos, e utilizar ese país por outras grandes potencias do continente asiático prexudicando ao sector conserveiro galego”.

Un lobby galego en Bruxelas

En Bruxelas, o presidente reuniuse tamén con todos os funcionarios galegos que están traballando na Comisión Europea e no Parlamento co obxecto de crear un lobby que respecte e que busque os intereses de Galicia en todas as institucións do país. Nesta reunión participaron funcionarios de orixe galego, directores xerais, para facerlles saber que o Goberno galego está “á disposición” destes empregados públicos comunitarios para traballar conxuntamente na mellora das nosas posibilidades no ámbito da UE.

Indicou, ademais, que na viaxe participou tamén no Comité sobre a crise do automóbil, unha industria ”fundamental, que xera o 17 por cento do PIB galego e case o 30 por cento das nosas exportacións”. É unha industria, dixo, “clave” e considerou que “se os estados membros non se dan de conta de que temos que actuar coordinadamente perderemos unha gran oportunidade nesta crise económica na que estamos”.

Por último, apuntou que a primeira xornada do Comité das Rexións, deu lugar ao debate sobre as políticas de prevención da violencia de xénero como un dos principais problemas da sociedade moderna, posto que máis do 16 por cento das mulleres maiores de dezaseis anos teñen algún problema deste tipo.

Feijóo informou de que na reunión co presidente do Comité das Rexións acordaron por primeira vez que este comité se reúna en Galicia para tratar os asuntos relativos ao sector pesqueiro.

E, concluíu, asegurando que a viaxe serviu tamén para expoñer o Camiño de Santiago e iniciar no Parlamento europeo a exposición Olladas no Camiño, que se dará a coñecer en Europa para ensinar esta ruta de peregrinaxe. Ademais, informou que todos os mandatarios cos que mantiveron reunións confirmaron a súa presenza no Xacobeo 2010.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante