Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

18/12/2019

Galicia destaca que o acordo final de cotas de pesca para 2020 suaviza a proposta de Bruxelas e permite manter o sector pesqueiro a flote

A conselleira do Mar co novo comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, o lituano Virginijus Sinkeviius. Fonte: © Xunta de Galicia 2019.jpg
  • A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu estes días en representación das comunidades autónomas españolas ao Consello de Ministros de Pesca da UE.
  • A titular de Mar lembra que o punto de partida era un dos máis duros dos últimos exercicios, con propostas de recortes en especies moi importantes para a comunidade como a pescada e o xurelo.
  • No global de todos os TAC nos que Galicia ten cotas mantéñense practicamente as mesmas posibilidades de pesca que en 2019.
  • As cotas de captura de xurelo ao sur de Fisterra aumentan un 24%, na liña do que propoñían os científicos e fronte á baixada do 50% que defendía Bruxelas inicialmente, mentres a rebaixa na pescada sur limítase ata o 5%.
  • Os puntos febles da negociación foron os recortes na pescada do Gran Sol e no xurelo do Cantábrico polo seu estado biolóxico, aínda que deste último sobe ata o 80% a flexibilidade para traer recurso das zonas de Francia e do Norte.
  • Bruxelas tamén expuxo a posibilidade de que os científicos fagan unha  revaluación do lagostino no Cantábrico Noroeste, o que podería abrir a porta para retomar a actividade extractiva como demandaba Galicia.
Bruxelas, 18 de decembro de 2019. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou esta mañá en Bruxelas que o acordo conseguido no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, en relación coas posibilidades de pesca nas augas do Atlántico e do mar do Norte, permite manter o sector pesqueiro galego a flote tendo en conta que o punto de partida -a proposta de totais admisibles de capturas (TAC) e cotas da Comisión Europea- era un dos máis duros dos últimos exercicios. De feito, entre os maiores recortes propostos nas posibilidades de pesca estaban o xurelo -a especie máis descargada nas lonxas galegas- e a pescada, que lidera a facturación nas lonxas, polo que se trataba «dun tiro á liña de flotación» do sector pesqueiro galego.

Galicia, que acompañou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en representación do resto de comunidades autónomas españolas, levou ao encontro varios informes socioeconómicos para defender que a xestión dos recursos debe basearse no equilibrio entre os aspectos ambiental, social e económico. Os avances neste ámbito permitiron mitigar algunhas das propostas do executivo comunitario e que, no global de todos os TAC nos que Galicia ten cotas, mantéñanse practicamente as mesmas posibilidades de pesca que en 2019. Das 36 cotas principais que posúe España na área do Atlántico europeo soben 10, mantéñense nove e baixan 17.

A titular de Mar do goberno galego destacou que un dos aspectos que permiten o mantemento da actividade da frota galega é o avance na cota de xurelo ao sur de Fisterra, para a que Bruxelas propoñía un recorte próximo ao 50% e que se conseguiu cambiar por un incremento do 24%, na liña do que defendían os científicos. Mentres, no xurelo do Cantábrico, un recurso que non se atopa en bo estado biolóxico, mantense a rebaixa proposta inicialmente do 41% pero logrouse elevar do 50% ao 80% a flexibilidade para traer recurso das zonas de Francia e do Norte, o que axudará a tratar de manter estable a frota.

No caso da pescada sur conseguiuse pasar dunha proposta de recorte do 19% a unha baixada do 5%, unha especie na que Galicia sempre defendeu o mantemento da cota de 2019, pero que, explicou Rosa Quintana, non se pode dicir que sexa un mal resultado tendo en conta o punto de partida. Entre as melloras nos TAC para 2020 tamén está a da  xarda, do 41%, un incremento positivo para contribuír a paliar as perdas do cerco e do arrastre, así como das artes menores. Á xarda súmase o aumento da cota de galo, nun 24%, e o mantemento das posibilidades de pesca da raia.

O punto máis feble da negociación dos TAC e cotas de 2020, que finalizou pasadas as 06.30 horas, é o da pescada de Gran Sol pois se mantivo a redución do 21% das posibilidades de pesca. Os informes do estado biolóxico da especie pesaron máis que os estudos socioeconómicos achegados respecto diso, polo que Galicia vai analizar o impacto socioeconómico que este recorte pode provocar así como o incidente ao tratarse dunha especie que podía servir para intercambios con outros países por outras especies. A conselleira do Mar explicou que a comunidade vai estar atenta a como evoluciona a actividade no 2020 e que traballará para comprobar o impacto que este recorte pode ter no desenvolvemento da frota galega.

Nova avaliación da cigala
A representante da Xunta tamén destacou como un punto de esperanza o da cigala do Cantábrico, para a que Galicia pedía a reapertura da pesqueira tras tres anos pechada e sobre a que a Comisión Europea expuxo a posibilidade de que os científicos do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) fagan unha  revaluación do recurso, o que podería abrir a porta para retomar a súa extracción.

O Consello de Ministros de Pesca acordou ademais manter a bolsa para todos os estados membros coa que facer fronte ao deber de desembarque e que evita que as especies accesorias, aquelas de escasa relevancia de captura, funcionen como especies de  estrangulamento impedindo a actividade da frota. Esta medida afecta a varias poboacións, como o bacallau, das que España non ten cota.

«Para a situación de partida na que estabamos coa proposta de Bruxelas, en liñas xerais podemos dicir que mantemos o barco a flote e que, desde logo, estamos na liña de manter o equilibrio social, o económico e o ambiental na xestión pesqueira», concluíu a conselleira do Mar.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante