Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

28/10/2019

Aberta a convocatoria do programa ´Iacobus´ de mobilidade académica na Eurorrexión

Aberta a convocatoria do programa Iacobus de mobilidade académica na Eurorrexión. Fonte: © Xunta de Galicia 2019.jpg
  • A convocatoria na modalidade de estadías de investigación xa vai pola súa sétima edición.
  • Este ano vólvese convocar a segunda edición do ‘Iacobus Papers’, destinado a financiar publicacións e estudos científicos.
  • O prazo estará aberto ata o próximo 29 de novembro na primeira das dúas modalidades de Iacobus; mentres que a segunda estará dispoñible ata o 9 de decembro.
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2019. Na xornada de hoxe abriuse unha nova convocatoria do programa Iacobus de mobilidade académica na Eurorrexión. Concretamente, quedan abertas tanto a convocatoria do programa Iacobus-Estadías de investigación como a convocatoria do Iacobus Publicacións Científicas (Papers), ambos impulsados pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal. O prazo de solicitude estará aberto ata o próximo 29 de novembro na primeira modalidade de Iacobus, e ata o vindeiro 9 de decembro, no caso do segundo.

O programa Iacobus-Estadías de Investigación, que xa vai pola súa sétima edición, é un programa de gran éxito no mundo universitario da Eurorrexión. Suma xa máis de 1.400 candidatos nas edicións anteriores, entre os que foron seleccionados 798 proxectos de investigación en múltiples áreas de coñecemento.

Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar a cooperación entre os recursos humanos das institucións, centros de ensino superior e centros tecnolóxicos da Eurorrexión, a través dun sistema de intercambio transfronteirizo de profesores, investigadores, persoal administrativo e de servizos, xestores de innovación e técnicos de I+D+i.

Pola súa banda, o programa Iacobus-Publicacións científicas (Papers) vólvese convocar este ano, na que será a súa segunda edición. A finalidade deste programa é fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e divulgación científica a través de axudas económicas para a publicación de artigos científicos e de investigación en revistas de prestixio.

Sesións de presentación
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión está realizando actualmente sesións de presentación e resolución de dúbidas sobre estes programas. Xa se desprazaron ata Vigo e a Coruña; hoxe estarán na Universidade do Minho; mañá na de Porto; o 5 de novembro na Universidade de Santiago de Compostela; e o 13 de novembro na de Trás-os Montes e Alto Douro.

Proxecto Eurocidade_2020
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín é unha agrupación de municipios transfronteiriza con personalidade xurídica propia en España e Portugal que ten como misión xestionar de forma conxunta competencias locais co obxectivo de promover a converxencia institucional, económica, social, cultural e ambiental de todo o seu territorio de actuación.

O proxecto Eurocidade 2020 é en esencia un proxecto de cooperación transfronteiriza (CT) ao ser liderado e permitir a realización do obxecto social dunha AECT: a Eurocidade Chaves-Verín. Pretende fomentar o diálogo entre os diferentes axentes do territorio da Eurocidade e consolidar a CT entre eles mediante a promoción da súa participación nas accións do proxecto e preparar a Eurocidade Chaves-Verín para os desafíos post 2020 asegurando a sustentabilidade da AECT que a xestiona.

Esta iniciativa persegue dar cumprimento, en proximidade, aos obxectivos da estratexia Europa 2020, potenciando o historial da CT como elemento xerador do crecemento intelixente, inclusivo e sustentable, a favor da mellora da calidade de vida dos seus cidadáns.

Todas as actuacións da AECT teñen como primeiros beneficiarios os cidadáns, polo que o principal resultado esperado do proxecto é a melloría da calidade de vida dos cidadáns do espazo de cooperación (e da súa contorna máis próxima). 

Preténdese alcanzar unha cidadanía máis activa e participativa na construción da Eurocidade e, consecuentemente, na construción da UE, un maior recoñecemento do apoio e importancia da UE no desenvolvemento local.

Eurocidade_2020 consolidará a Eurocidade Chaves-Verín como ferramenta de integración europea e de desenvolvemento sustentable.

Pode atopar a información sobre a participación da Fundación Galicia Europa no proxecto Eurocidade 2020 aquí.

Fonte: Xunta de Galicia

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante