Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

15/01/2020

Outros 20.000 mozos europeos explorarán Europa no ano 2020 a través da iniciativa DiscoverEU

Preto de 50.000 mozas e mozos europeos xa pudieron descubrir os 28 Estados da UE grazas á DiscoverEU. Fonte: © European Union 2017. Fotógrafo: Giorgio Benvenuti.jpg
  • As tres primeiras roldas de candidaturas de Discover EU deron xa a posibilidade a uns 50.000 mozos europeos de viaxar por todo o continente europeo.
Bruxelas, 15 de xaneiro de 2020. Segundo a web oficial da Comisión Europea, todo está listo para que aproximadamente 20.000 mozos de 18 anos reciban un bono de viaxe no marco desta 4ª rolda de DiscoverEU, na que se presentaron unhas 75.000 solicitudes procedentes de toda Europa. Estes mozos europeos, que son seleccionados conforme uns criterios de adxudicación fixados de antemán e a cotas específicas por Estado membro, poderán viaxar entre o 1 de abril e o 31 de outubro de 2020 durante un máximo de 30 días.

O vicepresidente Margaritis Schinas, responsable da carteira "Promoción do noso Modo de Vida Europeo" declarou o seguinte: «A partir de abril, 20.000 mozos vivirán unha viaxe memorable por Europa no que descubrirán a UE. O feito de que o compartan con xente da súa idade e doutros países fará que a experiencia sexa divertida e inesquecible. Formarán parte dunha ampla rede informal e inclusiva que indaga o que significa descubrir o noso continente, así como a súa riqueza, a súa diversidade e a súa solidariedade», declarou o político grego.

Pola súa banda, a comisaria Mariya Gabriel, responsable de Innovación, Investigación, Cultura, Educación e Mocidade, declarou ao respecto que «viaxar a través de Europa e coñecer mozos doutros países aumenta a comprensión intercultural, mellora as capacidades lingüísticas e reforza a confianza nun mesmo. Do mesmo xeito que as actividades de solidariedade e voluntariado financiadas no marco do Corpo Europeo de Solidariedade, DiscoverEU constitúe unha iniciativa inestimable para a aprendizaxe informal», asegurou a política búlgara.

Agora contactarase aos candidatos seleccionados, que xa poderán empezar a organizar as súas viaxes. Normalmente desprazaranse en tren, pero, para garantir un acceso inclusivo por todo o continente, será posible utilizar medios de transporte alternativos, como o autobús, o  ferri ou, excepcionalmente, o avión. Ademais do bono de viaxe, os participantes reciben tamén apoio e orientación, entre outras cousas, sobre viaxes sustentables. Así mesmo, convídase aos mozos a que se convertan en embaixadores de  DiscoverEU e informen sobre as súas experiencias. Tamén se lles anima a que se poñan en contacto con outros compañeiros viaxeiros nas redes sociais e a que compartan as súas historias.

Así mesmo, convídase a todos os participantes a que asistan aos encontros de  DiscoverEU que se celebran durante o verán en distintos lugares de Europa. Estes encontros versan sobre temas como «unha Europa verde e sustentable», o tema de  DiscoverEU para 2020. Outras actividades ofrecen oportunidades de voluntariado e inclúen o desenvolvemento dun itinerario verde para os mozos viaxeiros.

Contexto
DiscoverEU é unha iniciativa da Unión Europea que ofrece a oportunidade de coñecer Europa a través de propias experiencias. Esta iniciativa permite aos mozos da UE desprazarse principalmente en tren (hai excepcións para as persoas que viven en illas ou en zonas remotas), descubrindo as impresionantes paisaxes de Europa e a súa gran variedade de cidades e pobos. A Comisión anima aos mozos para presentar a súa candidatura nas dúas edicións que se organizan cada ano. Os mozos seleccionados gañan un bono de viaxe.  

Se os solicitantes son cidadáns da Unión Europea e teñen 18 anos, DiscoverEU ofrécelles a oportunidade de gozar da experiencia dunha viaxe que lles permitirá aproveitar a liberdade de circulación na Unión Europea, explorar a diversidade de Europa mentres viaxan, aprenden sobre a historia e o patrimonio cultural europeos e coñecen a persoas de todo o continente. Ademais, grazas a DiscoverEU, pódense desenvolver habilidades para a vida que son de gran utilidade no futuro, como a independencia, a confianza e a apertura a outras culturas.  

A Comisión Europea puxo en marcha DiscoverEU en xuño de 2018, por mor dunha proposta do Parlamento Europeo. As tres primeiras roldas de candidaturas deron a uns 50.000 mozos a oportunidade de viaxar por Europa. Para o exercicio 2020, o Parlamento Europeo asignou á iniciativa DiscoverEU un orzamento de 25 millóns de euros. O Executivo europeo anunciará ao seu debido tempo a próxima rolda de candidaturas e porá ao día a información no Portal Europeo da Mocidade.

Dado o gran interese que xerou DiscoverEU, a Comisión traballa constantemente para mellorar a iniciativa, baseándose na información transmitida polos viaxeiros e as principais partes interesadas. Ata o de agora, os participantes nas primeiras roldas comunicaron que DiscoverEU constitúe unha experiencia de aprendizaxe valiosa e inclusiva que contribúe ao compromiso cívico, ao crecemento persoal e ao desenvolvemento de capacidades. Viaxar capacita aos mozos e axúdalles a desenvolver competencias clave, como as lingüísticas e a sensibilización intercultural. A resiliencia, a capacidade organizativa e a resolución de problemas tamén son activos que deben terse en conta. Por outra banda, dous terzos dos participantes indicaron que, sen DiscoverEU, non poderían financiarse a viaxe. Para algúns dos participantes, era a primeira vez que viaxaban sós, sen os seus pais ou titores legais.

En maio de 2018, a Comisión propuxo incluír DiscoverEU como parte integrante do futuro programa Erasmus para o período 2021-2027, o cal, a condición de que sexa aprobado polo Parlamento Europeo e o Consello, permitirá a outros centos de miles de mozos de 18 anos beneficiarse da iniciativa durante eses sete anos.


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante