Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

06/04/2021

Oportunidades de prácticas en organismos e institucións da Unión Europea

5301F_1617716688_bolsasfgeimaxe.jpg
Santiago de Compostela, 6 de abril de 2021. Desde a Fundación Galicia Europa, achegamos as diferentes oportunidades de prácticas en institucións e organismos da Unión Europea, cuxo prazo de inscrición finaliza este mes de abril. Poderás atopar diferentes perfís, desde dereito, ciencias políticas e economía até bioinformática ou comunicación.

AXENCIA EUROPEA DE DEFENSA
  • A data límite é o 12 de abril.
A Axencia Europea de Defensa é a axencia intergobernamental encargada da cooperación en materia de defensa en Europa. Cada ano, ofrece bolsas de prácticas remuneradas destinadas principalmente a graduados/as universitarios/as, cunha duración de 12 meses. Hai bolsas dispoñibles en diversas áreas como: Cooperación Permanente Estruturada (PESCO), Revisión Anual Coordinada en Defensa (CARD), Mercado SatCom da UE, Apoio á investigación en Defensa, Comunicación Dixital, Xestión Documental, Recursos Humanos, Ciberdefensa, etc.

Os requisitos para poder acceder a estas bolsas son:
  • Ser nacional dun dos Estados membro que participan na Axencia.
  • Ter un título universitario.
  • Dispoñer dun amplo coñecemento en dúas linguas oficiais, sendo obrigatorio o inglés, posto que é a lingua de traballo da axencia.
  • Formación académica nun campo relevante ás actividades da Dirección ou Unidade á que a persoa candidata decida aplicar.
  • As persoas candidatas non poderán ter desfrutado durante máis de seis semanas doutra bolsa ou contrato laboral nunha institución ou organismo europeo.
Consulta toda a información na seguinte ligazón.

TRIBUNAL DE XUSTIZA DA UNIÓN EUROPEA
  • A data límite é o 15 de abril.
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea é a autoridade xudicial da Unión e, en colaboración cos órganos xurisdicionais dos Estados membros, vela pola aplicación e a interpretación uniforme do Dereito da Unión. O Tribunal ofrece cada ano un número limitado de prazas para realizar prácticas remuneradas nos gabinetes dos Membros do Tribunal de Xustiza e do Tribunal Xeral da Unión Europea, así como nos servizos do Tribunal de Xustiza, cunha duración de cinco meses (salvo na Dirección de Interpretación, na que o período será de dez a doce semanas).

Os requisitos para poder optar a estas bolsas son:
  • Ser nacional dun Estado membro da UE.
  • Ter unha titulación universitaria en Dereito ou Ciencias Políticas, e para as prácticas na Dirección de Interpretación, un título de intérprete de conferencias.
  • Ter un coñecemento perfecto dunha das linguas oficiais da UE así como un bo coñecemento dunha segunda. Recoméndase que unha das dúas linguas sexa o francés.
Podes atopar máis información na seguinte ligazón.

CENTRO COMÚN DE INVESTIGACIÓN

O Centro Común de Investigación oferta unha serie de prácticas para diferentes direccións:
  • Unha bolsa na Dirección de Saúde, Consumidores e Materiais de Referencia, co obxectivo de analizar as posibles futuras variacións do virus SARS-CoV-2. Está destinada a persoas con titulación universitaria en Bioinformática, Biotecnoloxía, Intelixencia Artificial ou eidos afíns, e que conten cun bo nivel de inglés (B2). A data límite é o 12 de abril.
  • Unha bolsa na Dirección de Crecemento e Innovación no eido da Intelixencia Artificial, dirixida a persoas cun máster en Economía, Administración de Empresas, Enxeñaría, Informática ou eidos afíns, e bo coñecemento en inglés (B2). A data límite é o 14 de abril
  • Dúas bolsas na Dirección de Estratexia, Programa de Traballo e Recursos: unha no eido da implementación e coordinación de programas de investigación para titulados/as en Comunicación ou Relacións Públicas, e que conten cun nivel B2 de inglés (a data límite é o 27 de abril); e outra para o desenvolvemento de material visual e de comunicación (SciArt), dirixida a persoas con titulación en Comunicación, Xornalismo, Historia da Arte ou disciplinas afíns, e cun nivel B2 de inglés (a data límite é o 20 de abril). 
Na páxina web do CCI podes atopar toda a información aquí referida. 

DELEGACIÓNS DA UNIÓN EUROPEA

As convocatorias en diferentes delegacións do SEAE publícanse de maneira regular na súa páxina web, polo que recomendamos que lle botes unha ollada por se algunha se axusta ao teu perfil!

GUÍA DE PRÁCTICAS DA FUNDACIÓN GALICIA EUROPA

Na Guía de prácticas e saídas laborais na Unión Europea e organizacións internacionais poderás atopar máis información sobre diferentes oportunidades dentro da Unión Europea e noutros organismos internacionais.


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante