Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

15/03/2021

Os líderes europeos instan a unha mellor preparación da UE ante futuras crises sanitarias

5285F_1615835003_21_03_12-_Consello_Europeo._Febreiro_2021.jpg

·      Os líderes europeos intercambiaron impresións sobre o tratamento da crise sanitaria. Reiteraron a importancia de restrinxir as viaxes non esenciais e de cumprir as Recomendacións do Consello sobre os desprazamentos cara á UE e dentro dela, de acordo con o principio de proporcionalidade e de non discriminación.

·      Os membros do Consello Europeo valoraron a necesidade de fortalecer o papel da Organización Mundial da Saúde e traballar na creación dun tratado internacional sobre pandemias.

·      Tratáronse amplamente asuntos relacionados coa seguridade e defensa europea, priorizando o compromiso de cooperar estreitamente coa OTAN.

·      Reafirmouse a asociación política e estratéxica cos países da veciñanza meridional. 


Bruxelas, 15 de marzo do 2021- Entre o 25 e 26 de febreiro celebrouse de maneira virtual unha reunión do Consello Europeo na que os xefes de Estado e de Goberno dos Estados membros debateron sobre a situación actual da pandemia e a futura preparación fronte a emerxencias sanitarias. Ademais, os líderes europeos tamén trataron cuestións de seguridade e defensa e as relacións da UE coa veciñanza meridional.

1. A crise da COVID-19

Os dirixentes do Consello Europeo conviñeron na necesidade de restrinxir, polo momento, as viaxes non esenciais. A este respecto acolleron con satisfacción a adopción das dúas Recomendacións do Consello sobre os desprazamentos cara á UE e dentro dela, solicitando que se aplique o principio de proporcionalidade e de non discriminación na súa execución e que se teña en conta a situación específica das comunidades transfronteirizas. No centro do debate estableceuse a necesidade de garantir a libre circulación de bens e servizos no mercado único, en particular aproveitando o uso dos carrís verdes (Green lanes).

No respectivo ás vacinas, os dirixentes europeos destacaron a necesidade de acelerar a súa autorización, produción e distribución, sen as cales será imposible desenvolver a estratexia de vacinación de maneira efectiva. Tamén subliñaron que é necesario mellorar a capacidade de vixilancia e detección para identificar as variantes do virus canto antes a fin de controlar a súa propagación.

O Consello Europeo tamén insistiu en que as empresas deben respectar os prazos contractuais de entrega das vacinas. Así mesmo, piden un compromiso de transparencia, en especial ás compañías que ten contratos coa UE e inician a produción na UE, pero rematan o ciclo produtivo fóra da UE (como, por exemplo, a fase de embotellamento). Neste sentido, poden xurdir problemas á hora de volver a importar as vacinas cuxa finalización se fixo noutros países como EE. UU. Neste contexto, a UE viuse obrigada a controlar as exportacións realizadas por estas compañías para asegurar que se cumpre cos contratos acordados.

En canto aos certificados de vacinación, os líderes europeos pediron que se prosiga o traballo para alcanzar un enfoque común. Con todo, trátase dunha cuestión controvertida debido a que o uso deses certificados parécelle prematuro a algúns Estados Membros, pero outros, como España, defenden firmemente a súa posta en marcha. Por agora, debido a que a fase de vacinación aínda é temperá, non se barallan os certificados de vacinación, se ben se estima que o Consello Europeo retome de novo esta cuestión cando a porcentaxe de poboación vacinada sexa maior.

En paralelo, os dirixentes da UE reafirmaron a súa solidariedade cos países terceiros e subliñaron a súa determinación de intensificar a resposta mundial á pandemia. Con todo, os líderes europeos acolléronse positivamente aos primeiros plans do Mecanismo COVAX para distribuír vacinas en 92 países de renda baixa e media. A idea é que os Estados Membros ofrezan as vacinas aos países terceiros que decidan, pero que o fagan de forma coordinada e dándolle a visibilidade adecuada. A expresión pola que se optou á hora de subliñar o destino das vacinas foi, primeiramente, o criterio de veciñanza (Balcáns, a veciñanza meridional e África) e, a continuación, o resto dos países (Beyond). Nesta última categoría entra América Latina, continente que España tería querido priorizar.

O obxectivo comunitario é ofrecer 1 300 millóns de doses a finais de 2021 para os 92 países. Neste sentido, a cuestión de como facer a doazón foi outro dos temas tratados no Consello Europeo. Inicialmente, acordouse establecer un límite de doazóns ou revendas dun 5% das vacinas por Estado Membro e posteriormente a intención é ir subindo esa porcentaxe a medida que avanza a vacinación. Con isto espérase impoñer uns valores comúns para todos os países da UE.

2. Sanidade 

Aínda que a crise da COVID-19 non terminou, os dirixentes acordaron empezar xa a reforzar a resiliencia sanitaria da UE para o futuro. Esta idea está estreitamente vinculada co novo paquete lexislativo sobre a Unión da Saúde.

Os dirixentes europeos traballarán para mellorar a coordinación da UE a fin de garantir mellores sistemas de preparación e prevención, ferramentas de resposta, cantidades suficientes de vacinas e subministracións esenciais a todos os Estados membros, o uso óptimo dos macro-datos e as tecnoloxías dixitais para a investigación médica e a asistencia sanitaria, así como o acceso aos medicamentos en todos os Estados membros.

Adicionalmente, o Consello Europeo aludiu á futura actividade da Incubadora HERA para responder as emerxencias sanitarias e acelerar as autorizacións na medida do posible, seguindo as indicacións da Axencia europea do Medicamento. O obxectivo é introducir procedementos rápidos (fast- tracks) para autorizar, producir e distribuír as vacinas adaptadas ás novas variantes do virus.

A crise da COVID-19 puxo de relevo a necesidade de colaborar coa industria farmacéutica, polo que se creou a nova Task  Force  for Industrial  scale- up  of  COVID- 19  vaccines, liderada polo comisario de mercado interior Thierry  Breton.

Neste marco, os dirixentes convidaron á Comisión a que presente, como moi tarde en xuño de 2021, un informe no que se expoñan os ensinos extraídos da pandemia de COVID-19 ata o momento.

Os dirixentes tamén debateron sobre a necesidade de fortalecer o papel da Organización Mundial da Saúde (OMS) e traballar na creación dun tratado internacional sobre pandemias.

3. Seguridade e defensa

Os dirixentes manifestaron o seu compromiso de cooperar estreitamente coa OTAN e reforzar as asociacións coas Nacións Unidas e os socios rexionais clave. Subliñaron que esperan con interese cooperar co novo Goberno dos Estados Unidos nun programa transatlántico ambicioso que inclúa un estreito diálogo en materia de seguridade e defensa.

Os membros do Consello Europeo sinalaron os importantes pasos que se deron para mellorar as políticas, ferramentas e instrumentos de seguridade e defensa da UE. Mencionaron os obxectivos de seguir intensificando a cooperación en materia de seguridade e defensa entre os Estados membros e a necesidade de aumentar o investimento en defensa e mellorar o desenvolvemento de capacidades civís e militares.

Ademais, os líderes europeos convidaron á Comisión a que presente, como moi tarde en outubro de 2021, unha folla de ruta tecnolóxica para impulsar a investigación, o desenvolvemento de tecnoloxía e a innovación e para reducir a dependencia estratéxica nas tecnoloxías e as cadeas de valor estratéxicas esenciais. Neste marco, para reforzar a autonomía estratéxica, os líderes europeos centráronse en incrementar a capacidade para actuar autonomamente e para ser estratéxicos, así como o obxectivo de aumentar a responsabilidade e priorizar a cuestión dos partenariados.

Adicionalmente, os membros do Consello Europeo tamén convidaron á Comisión e ao alto representante, Josep Borrell, a presentar un informe sobre a aplicación da Estratexia de Ciberseguridade como moi tarde en xuño de 2021 e a impulsar os traballos sobre o “compás estratéxico” (un documento que orientará a futura actuación europea en materia de seguridade e defensa) con vistas a adoptala en marzo de 2022.

4- Veciñanza Meridional

Por último, os dirixentes tamén debateron sobre a asociación política e estratéxica cos países da veciñanza meridional e reafirmaron as Conclusións do Consello Europeo de decembro de 2020.

 

Máis información

Declaración dos membros do Consello de 26 de febreiro de 2021

Recomendacións do Consello de 1 de febreiro de 2020 sobre a restrición temporal das viaxes non esenciais á UE e o posible levantamento de tal restrición


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante