Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

22/06/2020

Os dirixentes europeos aprazan ata xullo as negociacións sobre o Plan de Recuperación

5022F_1592862173_Consello_Europeo_19_de_xun__o.jpg
  • O 19 de xuño, os xefes de Estado e de Goberno reuníronse mediante videoconferencia para debater, entre outros, sobre o Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2021-2027 e a proposta sobre un Plan de Recuperación presentada pola Comisión Europea a finais de maio. 
  • Trátase da quinta videoconferencia informal que se leva a cabo dende o comezo da crise sanitaria, despois das celebradas o 10, 17 e 26 de marzo e o 23 de abril. 
  • Os líderes europeos volverán reunirse de maneira presencial a mediados de xullo. 

Bruxelas, 22 de xuño de 2020- Durante a reunión, os líderes europeos chegaron ás seguintes conclusións: 

PLAN DE RECUPERACIÓN E MFP 

Despois de que o Consello Europeo de 23 de abril acadase un acordo para traballar nun Fondo de Recuperación “temporal, específico e acorde cos custos extraordinarios da crise” e vencellado ó orzamento a longo prazo da UE (MFP) e de que a Comisión Europea presentase a súa proposta sobre un Plan de Recuperación para Europa o 27 de maio, os xefes de Estado e de Goberno europeos decidiron reunirse de maneira presencial a mediados de xullo para comezar as negociacións sobre a base de propostas concretas. 

As semanas posteriores á publicación das propostas da Comisión serviron para consultar ós Estados membros e aclarar a súa interpretación ó respecto, segundo o sinalado por Charles Michel, presidente do Consello Europeo. Pola súa parte, Ursula von der Layen, presidenta da Comisión Europea, remarcou que existiu unanimidade á hora de xustificar unha resposta común, ambiciosa e centrada nas dimensións verde e dixital, dada a gravidade da actual crise. As discrepancias, porén, céntranse na magnitude do Plan de Recuperación, no equilibrio entre préstamos ou subvencións ou no establecemento de novos recursos propios. 

BREXIT 

A presidenta da Comisión Europea e o presidente do Consello Europeo informaron ós mandatarios europeos sobre a reunión de alto nivel UE-Reino Unido mantida mediante videoconferencia o pasado 15 de xullo con primeiro ministro Boris Johnson. O obxectivo da mesma consistía en facer balance dos progresos rexistrados coa finalidade de acordar accións para avanzar nas negociacións sobre a futura relación. Así: 

  • O Reino Unido decidiu non solicitar ningunha ampliación do período transitorio, polo que este concluirá o 31 de decembro de 2020, de conformidade coas disposicións do Acordo de Retirada.
  • Preténdense intensificar as conversas en xullo, co ánimo de crear condicións máis favorables para celebrar e ratificar un acordo antes de que finalice 2020. 
  • Seguen existindo diverxencias: as condicións de competencia equitativa, a gobernanza, o alcance da cooperación policial e xudicial ou a pesca. 

OUTROS

  • Acordos de Minsk: os presidentes de Alemaña e Francia informaron ós líderes comunitarios sobre a aplicación dos Acordos de Minsk, firmados en febreiro de 2015 polos dirixentes de Francia, Alemaña, Rusia e Ucraína para fomentar o proceso de paz no este de Ucraína. En marzo de 2015, os dirixentes da UE decidiron vincular o réxime de sancións económicas a Rusia á plena aplicación de tales Acordos, prevista para finais de 2015. Xa que isto nunca sucedeu, a UE prorrogou as sancións por períodos sucesivos de seis meses dende o 1 de xullo de 2016. Os xefes de Estado e de Goberno europeos avalaron que o Consello prorrogue as sancións económicas contra Rusia por outros seis meses. 
  • Presidencia croata do Consello da UE: a presidenta da Comisión Europea e o presidente do Consello Europeo agradeceron á presidencia croata “a capacidade de liderado, a creatividade e a flexibilidade” mostradas durante a crise sanitaria, desempeñando un papel primordial en distintos aspectos e en especial “no que respecta ós debates sobre a ampliación e a posibilidade de chegar a un acordo no Consello Europeo sobre esta cuestión estratéxica”  


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante