Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

05/09/2019

Chamamento final da Comisión a todos os cidadáns e empresas da UE a fin de que se preparen para a retirada do Reino Unido o 31 de outubro

O presidente da Comisión, Jean-Claude Juncker, explicando en abril no Parlamento Europeo o escenario dun Brexit sen acordo. Fonte: © European Union. Fotógrafo: Jean-François Badias.jpg
  • A Comisión Europea lembra que é responsabilidade de todas as partes interesadas prepararse para todos os escenarios posibles.
Bruxelas, 5 de setembro de 2019. A oito semanas da retirada do Reino Unido da Unión Europea o 31 de outubro de 2019, a Comisión Europea reiterou hoxe, na súa sexta Comunicación sobre a preparación do Brexit, o seu chamamento a todas as partes interesadas na Estratexia Europa 27 a fin de que se preparen para un escenario de retirada sen acordo. En vista da persistente incerteza no Reino Unido con respecto á ratificación do acordo de retirada, tal como se acordou co Goberno do Reino Unido en novembro de 2018, e da situación política interna xeral, un Brexit sen acordo o 1 de novembro de 2019 segue sendo unha posibilidade, aínda que non desexada.

Neste sentido, a Comisión Europea publicou hoxe unha lista de control detallada para axudar ás empresas que comercian co Reino Unido a realizar os seus preparativos finais. Para reducir ao mínimo as perturbacións do comercio, todas as partes interesadas nas cadeas de subministración co Reino Unido, independentemente do lugar no que teñan a súa sede, deben ser conscientes das súas responsabilidades e dos trámites necesarios no comercio transfronteirizo. Este chamamento baséase en comunicacións anteriores e noutras cen comunicacións ás partes interesadas, que abarcan sectores moi diversos.

Ademais, a Comisión propuxo ao Parlamento Europeo e ao Consello que realicen axustes técnicos específicos na duración das medidas de continxencia da UE para un Brexit sen acordo no ámbito do transporte. A Comisión tamén propuxo reproducir para o ano 2020 as medidas de continxencia de 2019 vixentes no sector pesqueiro e en relación coa posible participación do Reino Unido no orzamento da UE de 2020. Estas medidas son necesarias tendo en conta da decisión de prorrogar o período do artigo 50 ata o 31 de outubro de 2019.

Por último, a Comisión propuxo que o Fondo Europeo de Solidariedade e o Fondo Europeo de Adaptación á Globalización se poñan a disposición das empresas, os traballadores e os Estados membros máis afectados por un escenario de retirada sen acordo. As propostas deben ser aprobadas tanto polo Parlamento Europeo como polo Consello.

A Comisión lembra que é responsabilidade de todas as partes interesadas prepararse para todos os escenarios. Posto que unha retirada sen acordo segue sendo unha posibilidade, a Comisión anima encarecidamente a todas as partes interesadas a aproveitar o tempo adicional facilitado pola prórroga do artigo 50 para se asegurar de que adoptaron todas as medidas necesarias para preparar a retirada do Reino Unido da UE.

Axuste técnico das medidas de continxencia específicas para ter en conta a data de saída do Reino Unido do 31 de outubro de 2019
O 11 de abril de 2019, o Consello Europeo (artigo 50) ampliou o período do artigo 50 ao 31 de outubro de 2019. Isto fíxose a pedimento do Reino Unido e de acordo con este.

Ao gaio desta ampliación, a Comisión examinou todas as medidas de preparación e continxencia da UE para velar por que se sigan axustando aos fins perseguidos. A Comisión chegou á conclusión de que seguen cumprindo os seus obxectivos, polo que non é necesario modificalas en substancia. Con todo, a Comisión propuxo hoxe introducir algúns axustes técnicos en medidas específicas de continxencia para ter en conta o novo calendario do artigo 50.

Estes axustes afectan a tres ámbitos principais:

1. Transporte
  • Un Regulamento que garante as conexións básicas de transporte de mercadorías e de viaxeiros por estrada [Regulamento (UE) 2019/501]: a Comisión propuxo hoxe prorrogar este Regulamento ata o 31 de xullo de 2020, reproducindo a lóxica e a duración do Regulamento orixinal.
  • Conectividade aérea básica [Regulamento (UE) 2019/502]: a Comisión propuxo hoxe prorrogar o presente Regulamento ata o 24 de outubro de 2020, reproducindo a lóxica e a duración do Regulamento orixinal.
2. Actividades pesqueiras
  • Regulamento sobre as autorizacións de pesca: a Comisión propuxo hoxe ampliar o enfoque do Regulamento de continxencia adoptado [Regulamento (UE) 2019/498] cunha medida similar para 2020, de maneira que haxa un marco para que os pescadores da UE e do Reino Unido manteñan o acceso ás augas da outra parte en 2020.
3. Orzamento da UE
  • A Comisión propuxo hoxe ampliar o enfoque do Regulamento de continxencia sobre o Orzamento de 2019 [Regulamento (UE, Euratom) 2019/1197 do Consello] cunha medida similar para 2020. Isto significa que o Reino Unido e os beneficiarios do Reino Unido seguirán tendo dereito a participar nos programas con cargo ao orzamento da UE e a recibir financiamento ata finais de 2020 se o Reino Unido acepta e cumpre as condicións do Regulamento de continxencia de 2019, paga as súas contribucións orzamentarias para 2020 e permite que leven a cabo as auditorías e controis necesarios.
Axuda financeira da UE aos máis afectados por un Brexit sen acordo
Na súa cuarta Comunicación sobre a preparación do Brexit, do 10 de abril de 2019, a Comisión anunciou que podería facilitarse axuda técnica e financeira da UE en determinados ámbitos para apoiar aos máis afectados por un escenario de saída sen acordo.

Ademais dos programas e instrumentos existentes, a Comisión propuxo hoxe o seguinte:

  • Ampliar o ámbito de aplicación do Fondo de Solidariedade da Unión Europea para cubrir a grave carga financeira que poidan sufrir os Estados membros nun escenario de saída sen acordo, sempre que cumpran determinadas condicións.
  • Garantir que o Fondo Europeo de Adaptación á Globalización estea dispoñible para apoiar aos traballadores por conta allea e por conta propia que sexan despedidos como consecuencia dun escenario de saída sen acordo, baixo determinadas condicións.
No sector da agricultura, ofrecerase toda a gama de instrumentos existentes de apoio ao mercado e axuda financeira directa aos agricultores a fin de paliar os peores efectos nos mercados agroalimentarios. Para unha axuda máis inmediata, por exemplo, ás empresas máis pequenas cunha gran exposición ao Reino Unido, as normas sobre axudas estatais da UE ofrecen solucións flexibles en materia de medidas nacionais de apoio.

Irlanda
A Comisión e Irlanda seguen a colaborar no contexto da situación singular na illa de Irlanda e o seu dobre obxectivo de protexer a integridade do mercado interior, á vez que se evita unha fronteira física, a fin de determinar tanto medidas de continxencia para as consecuencias inmediatas dunha retirada sen acordo como unha solución máis estable para o período posterior. O mecanismo de salvagarda previsto no acordo de retirada é a única solución que preserva o Acordo do Venres Santo (Belfast), garante o cumprimento das obrigacións derivadas do Dereito internacional e mantén a integridade do mercado interior.

Preparación para un escenario de retirada sen acordo
Nun escenario de retirada sen acordo, o Reino Unido pasará a ser un terceiro país sen disposicións transitorias. A partir dese momento, todo o Dereito primario e derivado da UE deixará de aplicarse no Reino Unido. Non haberá un período de transición como o que se contempla no acordo de retirada. Obviamente, isto traducirase en grandes perturbacións para os cidadáns e as empresas, e tería un importante impacto económico negativo, que sería proporcionalmente moito maior no Reino Unido que nos Estados membros da UE-27.

Desde decembro de 2017, a Comisión Europea estivo a prepararse para un escenario de retirada sen acordo. Ata a data, a Comisión presentou 19 propostas lexislativas, todas as cales xa foron adoptadas polo Parlamento Europeo e o Consello. A Comisión tamén adoptou 63 actos non lexislativos e publicou 100 comunicacións de preparación. A Comisión non prevé adoptar novas medidas antes da nova data de retirada.

Como indicara o presidente Juncker ante o Parlamento Europeo o 3 de abril de 2019, no caso dun escenario de retirada sen acordo, espérase do Reino Unido que aborde tres cuestiones principais vinculadas á separación como requisito previo para que a UE poida contemplar o inicio de conversacións sobre a relación futura. Trátase das seguintes: 1) protección e defensa dos dereitos dos cidadáns que exerceran o seu dereito á libre circulación antes do Brexit; 2) cumprimento das obrigacións financeiras contraídas polo Reino Unido como Estado membro, e 3) mantemento en letra e espírito do Acordo do Venres Santo e da paz na illa de Irlanda, así como da integridade do mercado interior.

Todas as empresas que comercien co Reino Unido, tanto en bens como en servizos, veranse afectadas por un escenario de saída sen acordo. A Comisión publicou hoxe unha lista de control de preparación para o Brexit, que todas as empresas pertinentes deben examinar detidamente. As empresas deberán estar dispostas agora a realizar todos os trámites necesarios.

A Comunicación da Comisión de hoxe ofrece unha visión xeral do traballo de preparación naqueles ámbitos nos que se require unha vixilancia continua e específica, tales como os dereitos dos cidadáns, os trámites fronteirizos e o comercio, os medicamentos, os produtos sanitarios e as substancias químicas, os servizos financeiros e a pesca.

Para máis información: Que se debe facer nun escenario de retirada sen acordo?
De fronte ao período inmediatamente posterior á retirada sen acordo, a Comisión creou un centro de atención telefónica para as Administracións dos Estados membros, que lles permitirá acceder rapidamente á experiencia dos servizos da Comisión mediante o establecemento dunha canle directa de comunicación, tamén a fin de facilitar a necesaria coordinación entre as autoridades nacionais. Os cidadáns da UE que desexen saber máis sobre a maneira de prepararse perante un escenario de retirada sen acordo, poden expor as súas preguntas a Europe Direct. Tamén poden chamar ao teléfono gratuíto 00 800 67 89 10 11 desde calquera lugar da UE e comunicarse en calquera das linguas oficiais da Unión.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante