Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

11/06/2012

A nova Axenda do Consumidor Europeo busca impulsar a economía reforzando a confianza no mercado

  • A CE revisará o marco normativo da UE para garantir a seguridade dos produtos e alimentos e reforzará a lexislación sobre consumidores
  • A UE e os Estados membros deberán adecuar os dereitos dos consumidores á era dixital

Bruxelas, 11 de xuño de 2012.- A Comisión Europea vén de adoptar unha nova Axenda do Consumidor Europeo para o período 2014-2020 que recolle medidas dirixidas a aumentar a confianza e a participación activa dos consumidores no mercado, co obxectivo de impulsar o crecemento económico na Unión Europea.

A estratexia adoptada pola Comisión pretende aproveitar plenamente o potencial do mercado único dando aos consumidores máis forza e confianza a través de catro obxectivos principais: reforzar a seguridade dos consumidores; incrementar a información; intensificar o control de execución e as vías de recurso; e axustar os dereitos e políticas dos consumidores aos cambios na sociedade e a economía.

O crecemento na Unión Europea necesita tanto dunha oferta competitiva como dunha forte demanda. Así pois, os consumidores deben situarse no centro de atención das políticas da UE e das empresas. Necesitamos infundir confianza aos consumidores para impulsar a economía europea”, declarou a comisaria de Xustiza da UE, Viviane Reding.

A Comisión Europea revisará pois o marco normativo da UE para garantir a seguridade dos produtos e alimentos no mercado único; reforzará a lexislación sobre consumidores, en estreita cooperación coas autoridades nacionais; potenciará os Centros Europeos do Consumidor, que proporcionan axuda e asesoramento gratuítos aos consumidores; e velará por que os intereses dos consumidores se integren de forma máis sistemática nas políticas da UE.

Un dos obxectivos para os próximos anos é estimular as compras transfronteirizas en liña, para o cal a UE e os seus Estados membros deben adecuar os dereitos dos consumidores á era dixital. Neste sentido, a Comisión Europea ten dado un primeiro paso coa Directiva sobre Dereitos do Consumidor e a proposta de modernizar as normas de protección de datos para reforzar a confianza dos consumidores nas transaccións en liña. Como seguinte paso, a Comisión prevé modernizar as normas da UE de 1990 sobre viaxes combinados habida conta de que cada vez máis xente encarga as súas vacacións na web.

O gasto en consumo, motor da economía

O gasto en consumo representa o 56 % do PIB da UE o que reflicte a enorme forza dos consumidores para impulsar a economía europea. A pesar de que os consumidores europeos gozan duns dereitos e unha protección dos mellores do mundo, que os salvagardan de produtos inseguros, publicidade enganosa ou prácticas dubidosas en liña, é necesario dispoñer dun marco global que aborde tamén os retos inminentes, como os relacionados coa dixitalización da vida cotiá, a vontade de avanzar cara modelos de consumo máis sostibles e as necesidades específicas dos consumidores vulnerables.

Fonte: Comisión Europea


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante