Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

30/09/2020

A Comisión Europea orienta ós Estados membros na elaboración dos seus Plans Nacionais de Recuperación

5117F_1601544148_martin-sanchez-Q_rwB5ECC2Y-unsplash.jpg Ver máis...
  • A Comisión Europea estableceu orientacións estratéxicas para a aplicación do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia na súa Estratexia Anual de Crecemento Sostible 2021, que marca un novo comezo do Semestre Europeo. 
  • Dada a súa vinculación co Semestre, os EEMM terán que presentar Plans Nacionais de Recuperación que expoñan os programas nacionais de investimento e reforma adoptados en consonancia coas Recomendacións específicas por país.
  • As orientacións destacan puntos como o carácter complementario con outros fondos, a coherencia con outros Plans, a aplicación do marco normativo de Axudas de Estado ou a presentación de proxectos destacados en áreas claves para a recuperación económica.
Bruxelas, 30 de setembro de 2020. A Comisión Europea vén de lanzar unhas orientacións estratéxicas para a aplicación do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) -instrumento a través do cal se canalizarán a maioría de recursos adicionais recadados mediante o Plan de Recuperación para Europa- que serven de guía ós Estados membros sobre a mellor maneira de presentar os seus Plans Nacionais de Recuperación e Resiliencia, fundamentais para acceder ós fondos da recuperación.

Estas orientacións saen á luz coa súa Estratexia Anual de Crecemento Sostible 2021, que inicia un novo ciclo do Semestre Europeo, proceso mediante o que as políticas económicas e orzamentarias dos Estados membros son coordinadas e axustadas ós obxectivos e normas acordados a escala da UE.

Orientacións:

  • Os EEMM terán que describir os retos e dificultades que afrontan no contexto da crise e como serán abordados mediante o Plan de Recuperación, ó tempo que logran os seguintes obxectivos: i) Promoción da cohesión económica, social e territorial da UE; ii) Fortalecemento da resiliencia económica e social; iii) Mitigación do impacto social e económico da crise; iv) Apoio á transición ecolóxica e dixital.
  • A Comisión Europea anima ós EEMM a que inclúan proxectos emblemáticos ou iniciativas insignia (“flagship projects”) nas seguintes áreas prioritarias:
    • Proxectos de enerxías renovables (“Activación”): aceleración do desenvolvemento e uso de enerxías renovables.
    • Renovación de edificios (“Renovación”): mellora da eficiencia enerxética dos edificios públicos e privados.
    • Ampliación do transporte público (“Carga e reposición”): fomento de tecnoloxías limpas con perspectivas de futuro a fin de acelerar o uso dun transporte sostible e a ampliación do transporte público. Preténdense construír un millón de puntos de recarga de vehículos eléctricos e 500 estacións de hidróxeno en toda a UE.
    • Banda ancha (“Conexión”): despregue rápido de servizos de banda ancha rápida en todas as rexións e fogares, incluídas as redes de fibra e 5G.
    • Dixitalización da administración e os servizos públicos, incluídos os sistemas xudicial e sanitario (“Modernización”)
    • Servizo de datos na nube (“Ampliación”): aumento das capacidades industriais europeas en materia de datos na nube e desenvolvemento de procesadores de máxima potencia, de última xeración e sostibles.
    • Reciclaxe e perfeccionamento profesionais: adaptación dos sistemas educativos en apoio das competencias dixitais e a educación e a formación profesional a todas as idades.
  • Os EEMM teñen que abordar as áreas que precisan reformas (pensións, mercado laboral, educación...) en consonancia coas Recomendacións específicas por país dos últimos anos, especialmente a dos ciclos 2019 e 2020.
  • Invítase ós EEMM a describir no Plans como se consultou e implicou a todas as partes interesadas para a súa redacción, así como o papel dos seus parlamentos nacionais e rexionais e outras autoridades locais e rexionais.
  • Empregarase un concepto amplo de investimento, no que se se poderá incluír o capital fixo (v.g investimentos en infraestrutura pero tamén intanxibles como I+D+i ou patentes), humano (gasto en saúde, protección social, formación e capacitación) e natural (accións destinadas protexer o medio ambiente ou mitigación do Cambio Climático) As reformas tamén deberán entenderse nun sentido amplo como todas aquelas accións ou procesos destinados a realizar melloras duradeiras no funcionamento dos mercados, as estruturas institucionais, as administracións públicas ou políticas relevantes como as transicións verde e dixital.
  • Coherencia con outros Plans: os Plans de Recuperación e Resiliencia deben ser coherentes cos desafíos e prioridades específicos de cada Estado membro identificados no contexto do Semestre Europeo, así como cos Programas Nacionais de Reforma, os Plans Nacionais de Enerxía e Clima e os Plans Territoriais de Transición Xusta.
  • Complementariedade con outros fondos: dado que un mesmo gasto non pode financiarse dúas veces, será preciso especificar no Plan de Recuperación as actividades financiadas con cargo ó Mecanismo das financiadas con cargo a outros programas e instrumentos da UE.
  • O marco normativo das Axudas de Estado aplícase plenamente ás medidas financiadas mediante o Mecanismo.

Conexión co Semestre Europeo

A aplicación do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia está vinculada ó Semestre Europeo, converténdose os Plans Nacionais de Recuperación no principal documento de referencia sobre as iniciativas políticas dos Estados membros. Dado o seu carácter complementario co Semestre Europeo, estase animando ós EEMM a integralos no seu Programa Nacional de Reformas como un único documento, que proporcionará unha visión xeral das reformas e investimentos que o Estado membro emprenderá nos próximos anos, en liña coas prioridades da UE. 

Así mesmo, para os EEMM que presenten o seu Plan de Recuperación e Resiliencia en 2021, a Comisión Europea acompañará ás súas propostas de actos de execución (para a súa aprobación) con documentos analíticos que avalíen o contido dos Plans. Estes documentos substituirán ós Informes País de 2021. Ademais, a Comisión non proporá Recomendacións específicas por país en 2021 para os Estados membros que presenten Plans de Recuperación.


Próximos pasos

Unha vez que o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia entre en vigor -como moi pronto o 1 de xaneiro de 2020- os EEMM poderán presentar oficialmente os seus Plans Nacionais de Recuperación e Resiliencia, tendo como data límite o 30 de abril de 2021, aínda que se poderá enviar xa un borrador á Comisión Europea a partir do 15 de outubro de 2020. En todo caso, a Comisión anima ós Estados membros a integrar a todas as partes interesadas na preparación dos Plans Nacionais, incluídas as rexións.

A Comisión Europea avaliará estes Plans Nacionais nun prazo de dous meses a partir da súa presentación. Posteriormente, o Consello, por maioría cualificada e a proposta da Comisión Europea, aprobará a avaliación dos Plans de Recuperación mediante un acto de execución que o Consello tería que adoptar nun prazo de catro semanas a partir da proposta. 


Contexto

O pasado xullo, o Consello Europeo chegaba a un acordo sobre o Plan de recuperación para Europa, que facultaba á Comisión Europea a contraer empréstitos nos mercados de capitais no nome da UE por un importe máximo de 750 000 millóns de euros. Estes ingresos transferiranse a diferentes programas comunitarios de conformidade con “Next Generation EU”, un instrumento temporal creado para tal fin vinculado ó orzamento a longo prazo da UE. Este proporcionará 360 mil millóns de euros en préstamos e 390 mil millóns en subvencións. 

O Mecanismo de Recuperación e Resiliencia correspóndese cun dos programas entre os que se repartirán os importes obtidos mediante “Next Generation EU”. Será empregado para apoiar o investimento e as reformas nos Estados membros, alí onde as necesidades derivadas do impacto da crise sexan maiores, e contará cun orzamento de 672 500 millóns de euros, dos cales 360 000 millóns euros correspóndense con préstamos e 312 500 millóns euros con subvencións. A España asignaránselle un total de 59 168 millóns de euros en subvencións entre 2021 e 2023.

O desembolso das subvencións unicamente será realizado se se cumpriron as metas e os obxectivos establecidos nos Plans Nacionais Nacionais de Recuperación e Resiliencia, nos que os Estados membros exporán o seu programa de reformas e investimentos para o período 2021-2023.


Máis información

Comunicación da Comisión Europea “Estratexia anual de crecemento sostible 2021” [COM (2020) 575 final]

Orientacións para os Estados Membros en relación cos Plans de Recuperación e Resiliencia

Modelo para a redacción dos Plans de Recuperación e Resiliencia




Imaxes relacionadas


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante