Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

17/09/2020

Máis claridade nas restricións de circulación fronte à COVID-19

Lights

Bruxelas, 17 de setembro de 2020. A Comisión Europea adoptou o pasado 4 de setembro unha proposta de Recomendación do Consello apelando por unha maior coordinación entre Estados membros e unha mellor comunicación à cidadanía europea no que se refire ás restricións da liberdade de mobilidade no Espazo Schengen.

Neste sentido, o dereito da cidadanía europea a circular libremente polo territorio europeo é un dos principais motores da nosa economía, polo que a Comisión propón un enfoque máis coordinado, predicible e transparente para minimizar o impacto social e económico das restricións de viaxe e, ao mesmo tempo, garantir as condicións de seguridade da libre mobilidade evitando a propagación do virus.

Para iso, a Comisión pide maior colaboración aos Estados nos seguintes aspectos:

En primeiro lugar, exponse unha unificación dos criterios de avaliación á hora de establecer restricións de viaxe entre Estados membros. Deste xeito, a proposta da Comisión expón que os Estados non restrinxan a libre circulación cando:

  • “O número total de casos da COVID-19 recentemente notificados nunha zona determinada sexa inferior a 50 por cada 100 000 persoas durante un período de 14 días, ou,
  • A porcentaxe de resultados positivos de todas as probas da COVID-19 nunha zona determinada sexa de menos do 3 %”

Así mesmo, a proposta pide transparencia en canto á información relacionada coa COVID-19 e solicita que os Estados membros faciliten todos os datos pertinentes de maneira semanal ao Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades.

En segundo lugar, a Comisión propón que o Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades publique semanalmente un mapa cun código de cores común para asistir aos viaxeiros, clasificando o territorio europeo en diferentes zonas:

  • Verde: zona segura sen alto risco de contaxio. Libre mobilidade
  • Laranxa: zona con risco considerable de contaxio. Os Estados membros poderán establecer medidas recomendadas, non obrigatorias, como corentena ou proba da COVID-19
  •  Vermello: zona con risco alto de contaxio. Os viaxeiros someteranse obrigatoriamente a corentena ou a unha proba da COVID-19 despois da súa chegada, sendo esta última a opción recomendable
  • Gris: zona non-avaliable debido a que a información obtida non é suficiente para avaliar os criterios propostos pola Comisión

Por último, a proposta da Comisión pretende clarificar as canles e a calidade da información que chega aos cidadáns sobre as medidas de restrición. En consecuencia, a Comisión solicita que os Estados membros notifiquen os cambios sobre futuras restricións de viaxe unha semana antes da súa entrada en vigor. E ademais, propón a plataforma dixital Re-open EU como canle de información accesible para facilitar a información a todos os cidadáns europeos, onde o Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades publicará semanalmente a cartografía actualizada co código de cores acordado.

 

Fonte: Comisión Europea

 

 


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante