Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

18/06/2020

O uso da supercomputación europea permite a un proxecto de investigación financiado pola Unión Europea anunciar resultados prometedores de cara a un posible tratamento

5035F_1594042505_clement-h-95YRwf6CNw8-unsplash.jpg
O consorcio Exscalate4CoV, financiado pola UE, anunciou que un medicamento xenérico xa rexistrado utilizado para o tratamento da osteoporose, o raloxifeno, podería ser un eficaz para os pacientes de COVID-19 que presentan unha sintomatología leve. O consorcio utiliza unha plataforma de supercomputación apoiada pola UE, unha das máis potentes do mundo, para comprobar o posible impacto das moléculas coñecidas na estrutura xenómica do coronavirus. Este é un dos moitos exemplos de como o programa de investigación e innovación da UE, Horizonte 2020, reúne aos mellores investigadores europeos e ás mellores empresas farmacéuticas, tecnoloxías e infraestruturas de investigación para contribuír a derrotar ao virus.

Bruxelas, 18 de xuño de 2020. Exescalte4CoV utiliza unha combinación única de computación de alto rendemento e intelixencia artificial con procesamiento biolóxico e reúne a 18 socios e a outros 15 membros asociados. Isto inclúe centros de supercomputación en Italia, España e Alemaña, grandes centros de investigación, empresas farmacéuticas e institutos biolóxicos de toda Europa. A plataforma ten ao redor de 120 petaflops de potencia de cálculo, o que permite investigar o comportamento das moléculas co fin de identificar un tratamento eficaz contra o coronavirus. A biblioteca química do proxecto crece constantemente grazas aos acordos con novas empresas farmacéuticas asociadas.

O consorcio, grazas aos seus supercomputadores, xa realizou ensaios nunha contorna virtual de 400 000 moléculas. Preseleccionáronse 7 000 moléculas e examináronse en maior detalle in vitro. O raloxifeno resultou ser unha molécula prometedora: segundo o proxecto, podería ser eficaz para bloquear a reprodución do virus nas células e, por tanto, podería retardar a progresión da enfermidade. Os investigadores indicaron que entre as súas vantaxes atópase a súa elevada tolerancia nos pacientes, a súa seguridade e un perfil toxicolóxico demostrado.

Na fase seguinte, o consorcio analizará coa Axencia Europea de Medicamentos como avanzar cara aos ensaios clínicos para avaliar o novo uso potencial do raloxifeno. En caso de éxito, o medicamento podería estar rapidamente dispoñible en volumes elevados e a baixo custo.

Contexto

Ao utilizar unha plataforma europea de supercomputación, unha das máis potentes do mundo, Exscalate4CoV pode levar a cabo en semanas un proceso de cribado que con técnicas tradicionais levaría anos. Nunha primeira fase, identificou xa 6 dos 25 modelos distintos de proteínas do novo coronavirus que están en constante evolución, e recibe semanalmente varias mutacións, que se traducen en forma dixital para o seu uso na fase seguinte. A segunda fase consiste en comparar a estrutura dixital das proteínas do coronavirus coa biblioteca de moléculas dispoñible e atopar as coincidencias. Na terceira e última fase, as moléculas identificadas sométense a varias operacións de cribado biolóxico adicionais en laboratorios situados en Bélxica e Alemaña para comprender como cada molécula identificada interactúa co modelo do virus e para avaliar até que grao pode deter a súa actividade.

Na fase seguinte, o proxecto ampliará os ensaios anteriores, tomando en consideración unha biblioteca ampliada de 5 millóns de moléculas, dos 500 000 millóns de moléculas de que dispón. Espérase identificar outras moléculas con potencial curativo e que poidan contribuír a un tratamento global eficaz da enfermidade.

Exscalate4CoV é un dos 18 proxectos de investigación aos que se adxudicaron un total de 48.2 millóns de euros, tras a recente convocatoria de emerxencia para a investigación do coronavirus, a fin de traballar na preparación e resposta a brotes, análises de diagnóstico inmediato, novos tratamentos e novas vacinas. O traballo do consorcio Exscalate4CoV foi posible grazas a 3 millóns de euros de financiamento de emerxencia da UE como parte da resposta coordinada da UE á pandemia de coronavirus, e o proxecto recibiu apoio de empresas da industria farmacéutica que lle proporcionan mostras de medicamentos a través de Drugbox, a súa plataforma aberta sobre datos biolóxicos.

No período 2014-2018, a UE investiu máis de 600 millóns de euros en informática de alto rendemento a través de Horizonte 2020 e do Mecanismo «Conectar Europa». En 2018 creouse a Empresa Común EuroHPC, unha iniciativa conxunta por valor de 1 000 millóns de euros entre a UE e 32 países europeos para desenvolver en Europa un ecosistema de supercomputación de categoría mundial.

O 4 de maio, durante a conferencia de doantes organizada no marco da resposta mundial á crise do coronavirus, a Comisión comprometeu 1 400 millóns de euros en total, dos cales 1 000 millóns de euros achegaranse a través de Horizonte 2020 e estarán destinados a desenvolver vacinas, novos tratamentos e ferramentas de diagnóstico para previr a difusión do coronavirus. Desde xaneiro de 2020, a Comisión mobilizou un total de 547 millóns de euros no marco de Horizonte 2020 para a loita contra o coronavirus.

Máis información

Resposta da Comisión ao coronavirus

Iniciativas de investigación da UE para combater o coronavirus

Tecnoloxías dixitais en resposta ao coronavirus

Os supercomputadores europeos únense ás empresas farmacéuticas en busca de novos medicamentos

Empresa Común EuroHPC en informática de alto rendemento

Utilizar a supercomputación europea para tratar o coronavirus

Exscalate4CoV

Fonte: Comisión Europea


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante