Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

27/05/2020

A Comisión Europea desvela o seu Plan de Recuperación

4970F_1590605456_Proposta_da_CE_sobre_un_Plan_de_Recuperacio__n_para_Europa.jpg
  • A Comisión Europea vén de presentar a súa proposta para un Plan de Recuperación, mediante a que se propón crear un novo instrumento de recuperación, Next Generation EU, integrado no orzamento a longo prazo da UE (MFP)  
  • Next Generation EU contará cun orzamento de 750 mil millóns de euros, dos cales 500 millóns corresponden a subsidios a fondo perdido e 250 mil millóns, a préstamos.  
  • A Comisión Europea tamén presentou o seu programa de traballo para 2020, reaxustado ás necesidades derivadas da crise sanitaria. 

Bruxelas, 27 de maio de 2020- O novo Instrumento de recuperación recadará cartos elevando temporalmente o límite máximo de recursos propios ó 2% da Renda Nacional Bruta da UE (actualmente atópase nun 1,2%) Esta marxe máis ampla de financiamento permitirá que a Comisión Europea poida pedir prestados 750 mil millóns de euros nos mercados financeiros.

Este financiamento adicional canalizarase a través dos programas da UE e será reembolsado nos futuros orzamentos a longo prazo da UE, non antes de 2028 nin despois de 2058. 

Next Generation EU (750 mil millóns de euros) xunto coa cifra xa proposta do Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2021-2027 (1,1 billóns de euros) incrementarán o orzamento a longo prazo da UE ata os 1,85 billóns de euros. 

Ademais, a Comisión Europea propón: 
  • Modificar o MFP 2014-2020 para que estean dispoñibles, xa en 2020, fondos adicionais por valor de 11 500 millóns de euros. 
  • Unha serie de recursos propios. Isto podería incluír un novo recurso baseado en: i) O Réxime de comercio de dereitos de emisión da UE (ETS); ii) Un Mecanismo de axuste en fronteira para o carbono; iii) As operacións de grandes empresas; iv) Un novo imposto dixital; v) As propostas xa existentes da Comisión de recursos propios sobre plásticos non reciclados e unha simplificación do IVA. 
Os cartos recadados por Next Generation EU repartiranse en tres pilares: 

1) Apoio ós EEMM mediante o investimento e as reformas 
  • Un novo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia de 560 mil millóns de euros, integrado no Semestre Europeo que ofrecera apoio financeiro para investimento e reformas en consonancia coas prioridades europeas (neutralidade climática, transición dixital) 310 mil millóns de euros corresponden a subsidios a fondo perdido e 250 mil millóns, a préstamos. Estará a disposición de todos os EEMM (formen ou non parte da zona euro) e centrarase naquelas zonas da UE máis afectadas e nas que as necesidades relacionadas coa resiliencia sexan maiores. 
  • A Comisión tamén propón unha asignación complementaria para a cohesión, que será superior ó orzamento normalmente dedicado á cohesión no MFP: i) Unha suma de 55 mil millóns de euros dos actuais programas da política de cohesión entre agora e 2022 baixo a nova iniciativa REACT-EU, que se asignará en función da gravidade do impacto socioeconómico da crise, incluído o nivel de desemprego xuvenil e o relativo á prosperidade dos EEMM; ii) Unha proposta para fortalecer o Fondo de Transición Xusta ata os 40 mil millóns de euros para axudar ós Estados membros a acelerar a transición climática. A proposta anterior da Comisión sinalaba que o FTX contaría cun orzamento de 7 500 millóns de euros; iii) Un reforzo de 15 mil millóns de euros para o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) 

2) Reactivación da economía da UE incentivando o investimento privado 
  • Creación dun novo Instrumento de Insolvencia, o que axudará a satisfacer as necesidades de recapitalización das empresas saudables que se atopan en situación de risco debido ó confinamento, sexa cal sexa á súa localización en Europa. Pode estar operativo dende 2020 e terá un orzamento de 31 mil millóns de euros, co obxectivo de mobilizar 300 mil millóns de euros en apoio á solvencia destas empresas. 
  • Un reforzo de 15 300 millóns de euros para InvestEU, para mobilizar o investimento privado en toda a UE. 
  • Creación dun novo Mecanismo de Investimento Estratéxico integrado en InvestEU para xerar investimentos de ata 150 mil millóns de euros que impulsen a resiliencia dos sectores estratéxicos (transición verde e transformación dicital) e as cadeas de valor claves no mercado interno (vg: sector farmacéutico) grazas a unha contribución de 15 mil millóns de euros de Next Generation EU

3) Extracción das leccións máis inmediatas da crise 
  • Lanzamento de EU4Health, un novo Programa de Saúde, que contaría cun orzamento de 9 400 millóns de euros. 
  • Un reforzo de 2 mil millóns de euros para rescEU e o Mecanismo de Protección Civil da UE. 
  • Un reforzo de 94 400 millóns de euros para Horizonte Europa (o próximo Programa Marco de Investigación e Innovación) para financiar a investigación en saúde e a transición verde e dixital. 
  • 16 500 millóns de euros adicionais para accións externas, incluída a axuda humanitaria. 
 
A Comisión Europea considera necesario que o Consello Europeo chegue urxentemente (antes de xullo) a un acordo político sobre Next Generation Europe e o MFP 2021-2027. 


OS PILARES POLÍTICOS DA RECUPERACIÓN 

A) O Pacto Verde como estratexia de recuperación da UE 
  • Renovación de edificios: o obxectivo será polo menos duplicar a taxa anual de renovación. A prioridade serán os edificios do sector público, especialmente os hospitais e as escolas, así como as vivendas sociais. No que respecta ós edificios privados, apoiarase a concesión de hipotecas verdes. 
  • Enerxías renovables: a Comisión pretende desbloquear o investimento en tecnoloxías limpas, especialmente mediante o financiamento adicional para Horizonte Europa. O novo Mecanismo de Investimento Estratéxico investirá en tecnoloxías clave, como as renovables ou o almacenamento de enerxía. 
  • Mobilidade limpa: preténdese acelerar a produción e o despregamento de vehículos limpos, así como de combustibles alternativos. Tamén se pretende duplicar o investimento da UE (vg: mediante o CEF ou InvestEU) en infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos, co obxectivo de acadar o millón de estaciónsde recarga pública en 2025. 

B) Fortalecemento do mercado único e a súa adpatación á era dixital 
  • Un maior investimento en conectividade, especialmente no despregamento de redes 5G. 
  • Unha presencia industrial e tecnolóxica máis forte en sectores estratéxicos, incluíndo a intelixencia artificial ou a ciberseguridade 

UNHA UE MÁIS RESILIENTE 
  • Europa ten que mellorar a súa autonomía estratéxica nunha serie de áreas específicas, incluídas as cadeas de valor estratéxicas. Así mesmo, para aumentar a preparación e a xestión das crises, a Comisión Europea reforzará a Axencia Europea de Medicamentos e concederá un papel máis importante ó Centro Europeo para o Control de Enfermidades (ECDC) na coordinación das respostas médicas durante a crise sanitaria. 
  • Calquera medida de emerxencia debe ser limitada no tempo e proporcionada. 
  • A Conferencia sobre o Futuro de Europa desempeñará un papel relevante no fortalecemento dos fundamentos democráticos de Europa unha vez que finalice a crise sanitaria. 

UN LIDERAZGO MUNDIAL RESPONSABLE 

A UE considera precisa unha recuperación da crise que teña un carácter global, especialmente a través da coordinación conxunta con Nacións Unidas, o G20, o G7, o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial ou a Organización Internacional do Traballo. Ademais, a UE traballará estreitamente cos países veciños e cos seus socios africanos. 



Máis información

Preguntas e respostas

Propostas lexislativas

Páxina web da Comisión-Un Plan de Recuperación para Europa







Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante