Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

13/05/2020

A Comisión Europea amplía o Marco Temporal de Axudas Estatais

4939F_1589374806_Modificacio__n_Marco_Temporal.jpg
Esta modificación complementa os tipos de medidas xa incluídas no Marco Temporal e as normas vixentes sobre Axudas Estatais, establecendo criterios en función dos cales os Estados membros poden facilitar ás empresas que o precisen recapitalizacións e débeda subordinada. 

Bruxelas, 13 de maio de 2020- Tras a modificación do 3 de abril de 2020, a Comisión Europea adoptou unha segunda modificación para ampliar o ámbito de aplicación do Marco Temporal de Axudas de Estado adoptado o 19 de marzo de 2020 para que os EEMM poidan apoiar a economía durante a crise sanitaria.

Axudas a recapitalización de empresas 

As medidas de emerxencia que os Estados membros tiveron que adoptar para xestionar a pandemia afectaron á capacidade de moitas empresas europeas para producir bens e prestar servizos, o que deu lugar a perdas que minguaron os fondos propios e a súa capacidade para tomar préstamos nos mercados. Polo tanto, esta segunda modificación amplía o Marco Temporal para permitir intervencións públicas en forma de axudas destinadas á recapitalización de empresas non financeiras que o precisen, coa finalidade de reducir o risco para o conxunto da economía da UE. 

  • Condicións relativas á necesidade, idoneidade e importancia da intervención: as axudas de recapitalización  só deberán concederse se non se dispón doutra solución axeitada. Así mesmo, a intervención deberá reverter no interese común, por exemplo para evitar dificultades sociais e deficiencias do mercado debido a unha perda significativa ou o risco de perturbación dun servicio importante. Por último, as axudas limitaranse a permitir a viabilidade da empresa e non deberán ir máis aló do restablecemento da estrutura de capital do beneficiario a como era antes da crise sanitaria. 
  • Condicións relativas á participación do Estado no capital das empresas e á remuneración: o Estado deberá recibir unha remuneración suficiente polos riscos asumidos ó conceder axudas de recapitalización. Ademais, o mecanismo de remuneración deberá incentivar ós beneficiarios e ós propietarios das empresas a recomprar as accións adquiridas polo Estado mediante axudas estatais para garantir o carácter temporal da intervención estatal. 
  • Condicións relativas á saída do Estado do capital das empresas afectadas: os beneficiarios e os EEMM deberán desenvolver unha estratexia de saída, en particular no que se refire ás grandes empresas que recibiran importantes axudas de recapitalización por parte do Estado. Se seis anos despois da concesión de axudas de recapitalización a empresas que cotizan en bolsa, ou ata sete anos no caso doutras empresas, a saída do Estado non está clara, deberá notificarse á Comisión un plan de reestruturación do beneficiario. 
  • Condicións relativas á gobernanza: ata que o Estado saia totalmente, os beneficiarios estarán suxeitos a prohibicións sobre o reparto de dividendos e a recompra de accións. Ademais, ata que o 75% da recapitalización sexa rescatada, aplicarase unha estrita limitación da remuneración dos xestores, incluída a prohibición do pago de bonificacións. Estas condicións tamén teñen por obxecto incentivar ós beneficiarios e ós seus propietarios a recomprar as accións propiedade do Estado tan pronto como o permita a situación económica.
  • Prohibición das subvencións cruzadas e das adquisicións: para que os beneficiarios non se lucren indebidamente das axudas de recapitalización concedidas polos Estados en detrimento da competencia leal no mercado único, non poderán utilizalas para apoiar as actividades económicas de empresas integradas que estivesen en crise económica antes do 31 de decembro de 2019. Ademais, ata que non se rescate polo menos o 75% da recapitalización, prohíbese ós beneficiarios distintos das pemes, adquirir unha participación superior ó 10% en competidores ou outros operadores na mesma liña de negocio, tanto na fase anterior como na posterior das operacións da empresa. 

Axudas ás empresas en forma de débeda subordinada

A modificación introduce tamén a posibilidade de que os EEMM apoien ás empresas que afrontan dificultades financeiras debido á pandemia facilitándolles débeda subordinada en condicións favorables. Trátase de instrumentos de débesa que están subordinados ós acredores ordinarios preferentes en caso de procedementos de insolvencia, e complementa o conxunto de ferramentas das que dispiñen os EEMM en virtude do Marco Temporal vixente, en particular para conceder débeda de prelación superior ás empresas que o precisen. 

A débeda subordinada non poderá converterse en capital mentres a empresa está en funcionamento e o Estado asume un menor risco. Porén, dado que esta débeda aumenta a capacidade das empresas para contraer débeda preferente de maneira similar á axuda en forma de capital, as axudas en forma de débeda subordinada inclúen unha remuneración máis elevada e unha nova limitación do importe en comparación coa débeda preferente do Marco Temporal. Se os EEMM desexan facilitar débeda subordinada en cantidades que excedan os limiares, aplicaranse todas as condicións para as medidas de recapitalización xa expostas. 



O Marco Temporal estará vixente ata finais de decembro de 2020. Dado que as cuestións de solvencia pode que só se materialicen nunha fase posterior en función da evolución da crise sanitaria, as medidas de recapitalización son prorrogadas ata o final de xuño de 2021. A Comisión Europea avaliará antes desta data a sua eventual prórroga. 


Fonte: Comisión Europea

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante