Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

24/04/2020

O Consello Europeo referenda o marco para a reconstrución tras a crise

4900F_1587728458_CONSELLO.jpg
O 23 de abril, os xefes de Estado e de Goberno europeos realizaron un seguimento por videoconferencia da resposta da UE ó brote de COVID-19. Esta correspóndese coa cuarta reunión deste tipo dende o comezo da crise sanitaria.  

Bruxelas, 24 de abril de 2020- O Consello Europeo reuniuse para tratar os seguintes temas, no contexto da crise provocada pola COVID-19:  

1) Medidas de resposta á crise do Eurogrupo  

O Consello Europeo referendou ás propostas presentadas polo Eurogrupo o pasado 9 de abril para facer fronte ás consecuencias socioeconómicas da crise. Acordouse un paquete de medidas por un importe de 540 000 millóns de euros con unha rede de seguridade tripla dirixida ós EEMM, as empresas e os traballadores. Os dirixentes dos 27 EEMM pediron que esta rede de seguridade estea xa establecida e sexa operativa non máis tarde do 1 de xuño de 2020.  

2) Fondo de Recuperación e MFP 

O Consello acadou un acordo para traballar en favor do establecemento dun Fondo de Recuperación, que sexa “temporal, específico e acorde cos custos extraordinarios da crise” e vinculado ó orzamento da UE, que apoiará a recuperación económica dos Estados membros na súa saída da crise. Será a Comisión Europea a encargada de “precisar o vínculo co Marco Financeiro Plurianual (MFP), que en calquera caso  deberá adaptarse para xestionar a actual crise e as súas consecuencias”  Agárdase que esta presente a súa proposta ó Colexio de Comisarios entre a segunda e terceira semana de maio. 

Así mesmo, os Estados membros mostraron o seu acordo para que a Comisión Europea explore instrumentos financeiros innovadores en relación co Marco Financeiro Plurianual, que, en palabras da presidenta da Comisión, “configúrase como a resposta común que garante a integridade e a cohesión do mercado único e a súa prosperidade compartida” 

A Comisión europea proporá aumentar a marxe de manobra do MFP 2021-2027, é dicir, a marxe existente entre o teito de gasto do MFP e o teito de gasto dos recursos propios, que calcúlase haberá que elevar ata o 2% da Renda Nacional Bruta durante dous ou tres anos no canto do actual 1,2%. Con isto, a Comisión europea poderá recadar fondos que se canalizarán de regreso ó MFP a través dun programa de recuperación, concentrándose nunha serie de programas que axudarán a enfrontar a crise. 

A maior parte deste investimento será destinado á cohesión e ás reformas económicas dos EEMM así como á transición verde e dixital. Ademais, o investimento “ten que ser anticipado nos primeiros anos e será preciso atopar o equilibrio axeitado entre subsidios e préstamos” 

3) Levantamento das restricións  

Os líderes europeos deron a benvida á  Folla de Ruta conxunta para o levantamento das medidas de contención da COVID-19, presentada a semana pasada pola Comisión Europea en cooperación co presidente do Consello Europeo, a cal enumera as recomendacións concretas que os Estados membros deben ter en conta ó planificar a eliminación das restricións excepcionais e as medidas de confinamento tomadas durante os últimos meses.  

Tamén se acordou seguir observando de preto a situación, en particular dado que se acerca a temporada de vacacións, así como a coordinación para garantir un levantamento das restricións gradual e ordenado. 

4) Unha Folla de Ruta para a recuperación  

Os xefes de Estado e de Goberno acolleron favorablemente a Folla de Ruta para a recuperación, elaborada pola Comisión Europea e o presidente  do Consello Europeo, en consulta co Banco Central Europeo (BCE) e co apoio do Eurogrupo. Esta Folla de Ruta marca os pasos de saída da crise, os cales apoiarán a recuperación da economía europea “mediante a creación de emprego e reformas para fortalecer a competitividade, en liña con unha estratexia de crecemento sostible”  

Esta Folla de Ruta baséase nunha serie de principio e ámbitos de actuación:

Principios  
  • Solidariedade, cohesión e converxencia, para conseguir unha recuperación simétrica de todos os EEMM unha vez finalizada a crise sanitaria. Débese garantir a igualdade de condicións mediante “un mercado único que funcione en beneficio de todos os cidadáns da UE”  
  • Un enfoque flexible e áxil da UE para ser capaz de facer fronte á evolución da pandemia.  
  • Unha recuperación inclusiva e liderada por todos os involucrados, dende as institucións da UE ata os EEMM e as rexións, pasando polas empresas, a sociedade civil, os interlocutores sociais e outras partes interesadas, respectando sempre o principio de subsidiaridade.  
  • Respecto polo Estado de Dereito e polos valores e dereitos fundamentais sobre os que se constitúe a UE, que deben ser mantidos durante a situación excepcional provocada pola pandemia.  

Ámbitos clave  
  • Un mercado único plenamente funcional e revitalizado, no que a transición verde, a transformación dixital e unha estratexia industrial dinámica xoguen un papel fundamental.  
  • Un esforzo de investimento sen precedentes, que implique investir na transición verde e dixital e a economía circular, xunto con outras políticas como a cohesión ou a política agrícola común. Así mesmo, o futuro MFP será un instrumento clave para apoiar unha recuperación duradeira.   
  • Acción global, en cooperación con outros socios internacionais como Nacións Unidas, a Organización Mundial do Comercio ou o G20, para restablecer os fluxos comerciais ó tempo que se proporciona axuda ós países necesitados.  
Esta Folla de Ruta será complementada cun Plan de Acción máis detallado que estableza as medidas que serán tomadas no futuro.   


Outros temas 

  • Actividades ilegais de perforación por parte de Turquía na zona económica exclusiva de Chipre- O Consello Europeo expresou a súa solidariedade con Chipre e reafirmou a súas Conclusións de 14 de outubro de 2019, nas que se convén  “o establecemento dun réxime marco de medidas restritivas contra as  persoas físicas e xurídicas responsables (...) ou implicadas (...), e invita á alta Representante e á Comisión a que presenten sen demora propostas a este respecto” 
  • Balcáns Occidentais- celebrarase unha videoconferencia o 6 de maio de 2020. 

Contexto 

Na videoconferencia dos dirixentes europeos do 26 de marzo, os membros do Consello Europeo acordaron que se requiría unha estratexia de saída coordinada, un plan de recuperación e un investimento sen precedentes. Os xefes de Estado e de Goberno dos 27 EEMM encomendaron ó presidente do Consello Europeo e á presidenta da Comisión Europea que traballaran nunha folla de ruta e nun plan de acción para restablecer na UE un crecemento forte, sostible e integrador, baseado nunha estratexia verde e dixital.  

Nesta videoconferencia, os dirixentes europeos tamén encargaron ó Eurogrupo que presentase propostas para facer fronte ás consecuencias socioeconómicas da crise. O Eurogrupo chegou a un acordo o 9 de abril de 2020.  


Máis información  


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante