Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

10/04/2020

O Eurogrupo acorda unha rede de seguridade tripla por valor de medio billón de euros

4864F_1586534021_EUROGRUPO.jpg
Entre os días 7 e 9 de abril, o Eurogrupo –na súa composición ampliada ós 27 Estados membros- reuniuse mediante videoconferencia para ofrecer unha resposta económica coordinada á  actual crise sanitaria así como ós retos asociados ó período posterior. 

Bruxelas, 10 de abril de 2020- As propostas do Eurogrupo, que responden ó chamamento realizado polos xefes de Estado e de Goberno europeos o pasado 26 de marzo, únense ás medidas xa adoptadas a nivel nacional e da UE, como o gasto fiscal inmediato dirixido á contención e o tratamento da enfermidade ou a maior flexibilidade das normas europeas de axudas de estado. 

MEDIDAS DE RESPOSTA Á CRISE 

1) Medidas inmediatas 

O Eurogrupo acordou unha rede de seguridade tripla dirixida ós EEMM, ás empresas e ós traballadores por valor de medio billón de euros: 

  • Protección dos orzamentos nacionais con liñas de crédito do MEDE 
O Eurogrupo propón establecer un Apoio de Crise Pandémica (Pandemic Crisis Support) baseado nunha liña xa existente do Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE) coñecida como ECCL (Enhaced Conditions Credit Line) Esta medida podería estar operativa previsiblemente en dúas semana e activaría ata 240 000 millóns de euros

Ademais, estaría dispoñible para todos os Estados membros da zona euro ata que remate a crise da COVID-19, con termos estandarizados previamente acordados polos órganos reitores do MEDE sobre a base de avaliacións iniciais das institucións europeas. O único requisito para acceder á liña de crédito será que os EEMM que a soliciten se comprometan a empregala para apoiar o financiamento nacional dos custos relacionados coa atención médica, a cura e a prevención directa e indirecta da crise sanitaria. Isto non poderá representar máis do 2% do PIB a finais de 2019 do Estado menbro correspondente

  • Protección das empresas co apoio do BEI 
O Eurogrupo acolle con satisfacción a creación dun fondo de garantía de 25 000 millóns de euros que permitirá ó Banco Europeo de Investimento (BEI) intensificar o seu apoio ás empresas europeas (especialmente ás pemes) nos 27 EEMM con unha dotación de ata 200 000 millóns de euros. Este fondo de garantía serviría de escudo protector para as empresas europeas que se enfrontan á escaseza de liquidez e podería crearse con contribucións dos Estados membros. Tanto o BEI como o Fondo Europeo de Investimento (FEI) serían os encargados da súa posta en marcha en estreita colaboración cos bancos de fomento nacionais, a Comisión Europea e outros socios financeiros. 

  • Protección dos traballadores mediante un instrumento temporal chamado SURE 
O Eurogrupo celebra a creación do instrumento temporal de apoio denominado SURE (Support to mitigate Unemployment Risks in an Emergency) que facilitará ata 100 000 millóns de euros en préstamos ós EEMM que o precisen para sufragar os custos directamente relacionados coa creación ou a ampliación dos réximes nacionais de redución do tempo de traballo. A súa duración e o seu alcance estarán limitados ó preciso para facer fronte ás consecuencias derivadas do brote de COVID-19. 

Esta medida, presentada mediante unha proposta da Comisión Europea de Regulamento do Consello, será aprobada polo Consello o antes posible. Dado que se require a contribución dos 27 EEMM para activar o Instrumento, será precisa a unanimidade para que a proposta sexa adoptada. 

2) Próximas medidas

  • Fondo de Recuperación 
O Eurogrupo acordou traballar nun fondo “temporal, específico e acorde cos custos extraordinarios da crise” e vinculado ó orzamento da UE, que apoiará a recuperación económica dos EEMM na súa saída da crise. Mentres que unha parte dos Estados membros considera que isto debe lograrse mediante a emisión de débeda pública europea, outros sinalan que é preciso establecer outras alternativas, polo que os aspectos prácticos do Fondo, como a súa conexión co MFP, terán que ser dirimidos baixo as orientacións dos dirixentes europeos no próximo Consello Europeo. 

  • Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 
O Eurogrupo concorda coa intención da Comisión Europea de adaptar a súa proposta de MFP para reflexar a actual situación de crise, xa que consideran que desempeñará  un papel central na recuperación económica, “reflexando o impacto da crise e establecendo as prioridades concretas” 

  • Folla de ruta e Plan de Acción para a recuperación 
Tanto a presidenta da Comisión Europea como o presidente do Consello Europeo, en consulta co Banco Central Europeo (BCE) e co apoio do Eurogrupo, xa comezaron a traballar nunha Folla de Ruta e nun Plan de Acción que marque os pasos de saída da crise, os cales apoiarán a recuperación da economía europea “mediante a creación de emprego e reformas para fortalecer a competitividade, en liña con unha estratexia de crecemento sostible” 


Próximos pasos 

Todas as propostas realizadas polo Eurogrupo serán remitidas ó Consello Europeo, que se reunirá o próximo xoves 23 de abril, para que sexan apoiadas polos xefes de Estado e de Goberno europeos e se promovan, no seu caso, as propostas lexislativas pertinentes. Ademais, os mandatarios europeos darán orientacións sobre o Fondo de Recuperación e o futuro Marco Financeiro. 


Máis información 


 

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante