Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

03/04/2020

Os recursos de FEDER, FSE, FEADER e FEMP poderán ser empregados con maior liberdade para facer fronte á crise da COVID-19

4854F_1585929283_P043339-873229.jpg
  • A Comisión Europea propuxo onte un segundo paquete de medidas para que as administracións públicas poidan facer un maior uso dos fondos europeos
  • A flexibilidade excepcional no uso destes fondos non ten precedentes; está xustificada pola extraordinaria situación que provocou o brote de coronavirus
  • Estímase que, deste xeito, se poidan utilizar máis facilmente preto de 30.000 M€ en toda a UE, 7.000 no caso de España
  • O paquete foi aprobado polo Consello, previo acordo co Parlamento Europeo, o 22 de abril

Bruxelas, 3 de abril de 2020. O primeiro paquete de medidas da Iniciativa de Investimento en Resposta ao Coronavirus, que entrou en vigor o pasado mércores,  concentrouse na mobilización inmediata dos fondos estruturais a fin de permitir unha resposta rápida á crise. O paquete de hoxe complementa o primeiro coa introdución dunha flexibilidade adicional para permitir que poida mobilizarse ao máximo toda a axuda non utilizada dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos, a saber, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o Fondo Social Europeo (FSE), o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rexional (FEADER), Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro (FEMP) e o Fondo de Cohesión, do que non se beneficia xa España.


Esta flexibilidade ofrécese a través do seguinte: posibilidades de transferencia entre o tres fondos da política de cohesión (o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o Fondo Social Europeo e o Fondo de Cohesión); transferencias entre as diferentes categorías de rexións; e tamén a través de flexibilidade no que se refire á concentración temática. Tamén existirá a posibilidade dunha porcentaxe de cofinanciación da UE do 100 % para os programas de política de cohesión para o exercicio contable 2020-2021, o que permitirá aos Estados membros beneficiarse dun financiamento total da UE para medidas relacionadas coa crise. Igualmente, simplifícanse as etapas do procedemento en relación coa execución do programa, o uso de instrumentos financeiros e a auditoría. 

 

Ademais, a Iniciativa de Investimento en Resposta ao Coronavirus Plus (IIRC+)presta apoio aos máis desfavorecidos mediante a modificación das normas do Fondo de Axuda Europea para as Persoas Máis Desfavorecidas (FEAD). Por exemplo, será posible distribuír axuda alimentaria e prestar unha asistencia material básica mediante vales electrónicos, así como proporcionar equipos de protección, co que se reducirá o risco de contaminación. Tamén será posible financiar medidas ao 100 % para o exercicio contable 2020-2021. 


A Iniciativa de Investimento en Resposta ao Coronavirus Plus permite que toda a axuda non utilizada dos fondos da política de cohesión poida mobilizarse para facer fronte aos efectos da crise de saúde pública nas nosas economías e as nosas sociedades. A Comisión estimaba a mediados de marzo que hai 27.954 M € sen comprometer no actual período 14-20, cuxo prazo de execución esténdese até 2023. Italia, con preto de 9.000M€ e España, con máis de 7.000 M€ son precisamente os países que máis fondos teñen sen programar.  


Segunda modificación da normativa en menos dun mes 

A Comisión Europea propuxo onte unha nova modificación do regulamento que rexe este cinco fondos, despois de que nas pasadas semanas se aprobase  unha primeira modificación por vía de urxencia. O Parlamento Europeo e o Consello deberán dar o seu visto e prace, aínda que se espera que non tarden máis de dúas semanas como ocorreu coa primeira iniciativa.  Esta proposta é, ademais, froito da consulta da Comisión as últimas semanas cos Estados membros, o Parlamento Europeo e os sectores afectados, e tendo en conta as máis de duascentas preguntas de aclaración e orientación recibidas. 

A modificación simplificará algunhas etapas do procedemento vinculadas á execución e á auditoría dos programas co fin de permitir flexibilidade, garantir a seguridade xurídica e reducir os requisitos administrativos.  

A Comisión propón, en particular, o seguinte:

  • Outorgar aos Estados membros a posibilidade excepcional e temporal de que soliciten unha porcentaxe de cofinanciación do 100 % para os programas da política de cohesión, para a súa aplicación no exercicio contable 2020-2021.
  • Crear unha maior flexibilidade para transferir recursos entre os fondos da política de cohesión e entre categorías de rexións.
  • Eximir aos Estados membros da necesidade de cumprir os requisitos de concentración temática, a fin de permitir unha reorientación dos recursos cara ás zonas máis afectadas pola actual crise.
  • Eximir aos Estados membros da obrigación de modificar os acordos de asociación.
  • Aprazar a data límite para a presentación dos informes anuais de 2019.
  • Ampliar a posibilidade de recorrer a un método de mostraxe non estatística.
  • Eximir da obrigación de revisar e actualizar as avaliacións ex ante e os plans de empresa, co fin de facilitar o axuste dos instrumentos financeiros para abordar eficazmente a crise de saúde pública.
  • Facer que, de maneira excepcional, poidan admitirse os gastos correspondentes a operacións concluídas ou plenamente executadas que reforcen a capacidade de resposta á crise no contexto do brote de coronavirus.
  • Permitir unha flexibilidade financeira limitada no momento do peche dos programas, a fin de que os Estados membros e as rexións poidan utilizar plenamente a axuda do financiamento da UE.
  • Permitir que o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional preste apoio ás empresas en dificultades nestas circunstancias específicas de forma coherente coa flexibilidade introducida para as normas sobre axudas estatais.

Preguntas e respostas sobre a Iniciativa de Investimento en Resposta ao Coronavirus


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante