Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

27/03/2020

Videoconferencia do Consello Europeo para facer un seguimento da resposta europea ó brote de COVID-19

4834F_1585330055_cap.JPG
Bruxelas, 27 de marzo de 2020. Despois das xa levadas a cabo o 10 e o 17 de marzo, os xefes de Estado e de Goberno dos 27 Estados membros volveron manter unha videoconferencia informal para facer un seguimento da resposta da UE á crise sanitaria derivada do brote de COVID-19. Durante esta reunión adoptouse unha Declaración conxunta na que se acorda seguir traballando nos cinco ámbitos seguintes:

1. Limitación da propagación do virus
Refórzase o control das fronteiras exteriores da UE aplicando unha restrición temporal coordinada das viaxes non esenciais á UE e acórdase garantir unha xestión fluída das fronteiras para persoas e bens.

2. Subministración de equipos médicos
Os mandatarios europeos piden á Comisión Europea que estude diferentes formas de acelerar os procedementos relativos ás iniciativas conxuntas de adquisición de equipos de protección, respiradores e material para realizar probas. Pola súa parte, a Comisión aumentará o orzamento inicial para a reserva estratéxica de rescEU de equipos médicos, en particular de material médico para coidados intensivos, vacinas e medios terapéuticos.

3. Promoción da investigación
É preciso aproveitar todo o potencial da investigación na UE, polo que xa se mobilizaron 140 millóns € para 17 proxectos, incluído o desenvolvemento de vacinas. Neste sentido, incrementarase o apoio ós equipos e ás empresas de investigación europeas para acadar unha vacina “no prazo máis breve posible e así poñela a disposición de todos aqueles que o precisen, sen barreiras xeográficas”

4. Facer fronte ás consecuencias socioeconómicas da crise da COVID-19
Invítase ó Eurogrupo a que presente, nun prazo de dúas semanas, propostas para paliar os efectos socioeconómicos da crise, as cales “terán que ter en conta que a conmoción causada pola COVID-19 non ten precedentes e afecta a todos os EEMM” Tamén se resalta a flexibilidade que requiren os Estados membros para facer fronte á crise, como pode ser o marco temporal aplicable ás Axudas de Estado ou a activación da cláusula de salvagarda do Pacto de Estabilidade e Crecemento. 

Ademais, a proposta da Comisión Europea dunha Iniciativa de Inversión en Resposta á COVID-19 aportará 37 000 millóns € de inversión para facer fronte ás consecuencias da crise. Coa modificación proposta do Fondo de Solidariedade da UE, este poderá empregarse tamén para situacións e emerxencia de saúde pública.

5. Axudas ós cidadáns europeos bloqueados en terceiros países
A Comisión Europea engadirá un anexo ás Directrices sobre medidas de xestión de fronteiras para protexer a saúde e garantir a dispoñibilidade dos bens e servizos esenciais co obxectivo de establecer disposicións de tránsito aplicables ós cidadáns da UE repatriados. 

Finalmente, co ánimo de recuperar a normalidade social, económica e industrial da UE “precisarase unha estratexia de saída coordinada, un plan integral de recuperación e un investimento sen precedentes” Para iso, faise un chamamento á presidenta da Comisión Europea e ó presidente do Consello Europeo para que comecen a traballar nunha folla de ruta e un plan de acción que marquen os primeiros pasos unha vez que remate a crise sanitaria. 

Tamén se fixo un chamamento á Comisión Europea para que comece a traballar na proposta dun sistema de xestión de crises máis ambiciosos e de maios alcance para a UE.

Fonte: Consello Europeo e Consello da UE


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante