Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

24/03/2020

Os ministros de Economía e Finanzas acordan suspender as regras do Pacto de Estabilidade e Crecemento debido á crise do COVID-19

4819F_1585057803_Ecofin.jpg
Tal e como propuxo a Comisión Europea o venres pasado, o Consello de Economía e Finanzas, reunido onte por vídeo-conferencia, acordou activar por primeira vez a cláusula de salvaguardia do Pacto de Estabilidade e Crecemento, conforme á cal os Estados membros poden apartarse dos requisitos orzamentarios que se aplican normalmente. 

Bruxelas, 24 de marzo. Os ministros están de acordo coa avaliación da Comisión de que ”se cumpren as condicións para a utilización desta cláusula de salvaguardia xeral do marco fiscal da Unión Europea, a saber, unha grave recesión económica na zona do euro ou na Unión no seu conxunto”. 

Isto é debido a que a pandemia COVID-19 provocou unha importante conmoción económica que xa está a ter un impacto negativo significativo na Unión Europea. Os ministros estiman que ”as consecuencias para as nosas economías dependerán tanto da duración da pandemia como das medidas que tomen as autoridades nacionais e a nivel europeo”. É a primeira vez que se activa esta cláusula tras a súa introdución no PEC en 2011, por mor da experiencia da crise económica. 

Aínda seguindo ”plenamente comprometidos co respecto do Pacto de Estabilidade e Crecemento”, a decisión adoptada permitirá á Comisión e ao Consello adoptar as medidas de coordinación de políticas necesarias apartándose dos requisitos orzamentarios que se aplicarían normalmente, a fin de facer fronte ás consecuencias económicas da pandemia. 

O  PEC 
O Pacto de Estabilidade e Crecemento (PEC) da Unión Europea é un conxunto de normas que regula a coordinación das políticas fiscais dos países da UE. O seu obxectivo é velar por unhas finanzas públicas saneadas e conta con dúas seccións para iso. A sección preventiva garante que a política fiscal dos países da UE se execute de maneira sustentable. A sección correctora marca como deben actuar os países no caso de que a súa débeda pública ou déficit orzamentario sexan considerados excesivos.

Os países da UE deben demostrar que as súas finanzas están saneadas e cumprir con dous criterios:
  • os seus déficits orzamentarios non poden superar o 3 % do produto interior bruto (PIB);
  • as súas débedas públicas (débeda do goberno e dos organismos públicos) non poden superar o 60 % do PIB.
Cada mes de abril, os países da zona do euro presentan os seus programas de estabilidade á Comisión e o Consello, mentres que os que non pertencen a esta zona presentan programas de converxencia ás mesmas institucións.

Un programa de estabilidade ou converxencia debe incluír o obxectivo orzamentario a medio prazo do país e información acerca de como se alcanzará. Ademais, contén unha análise dos efectos dos cambios nos principais supostos económicos subxacentes sobre a situación fiscal do país.

Os programas son examinados pola Comisión. Se non se cumpren os criterios, o Consello pon en marcha un procedemento de déficit excesivo baseado nas recomendacións da Comisión. Este procedemento esixe ao país en cuestión que presente un plan coas medidas e as políticas correctoras que aplicará, ademais dos prazos para a súa implantación. Os países da zona do euro que non sigan estas recomendacións poderán ser sancionados.

Fonte: Consello Europeo

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante