Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

17/03/2020

Resposta europea ao impacto económico do Coronavirus

4809F_1584703377_P042959-622072.jpg
Bruxelas, 17 de marzo. A Comisión presentou un conxunto de medidas  para mitigar o impacto socio-económico do brote de COVID-19 centrado en catro ámbitos: 
  1. Facilitar liquidez aos Estados membros 
  2. Asegurar que as axudas de Estado flúan ás empresas que o necesiten.  
  3. Aproveitar ao máximo a flexibilidade que contempla o Pacto de Estabilidade e Crecemento para que os Estados poidan facer fronte financieramente a esta crise
  4. Fomentar a solidariedade dentro do Mercado Único para asegurar o abastecemento do material sanitario necesario.
Facilitar liquidez aos Estados membros 
A Comisión pon en marcha unha ”Iniciativa de Investimento en resposta ao Coronavirus” coa que se pretenden mobilizar 37.000 M € para facer fronte a esta crise: 
  • 8.000 M € procedentes de anticipos de fondos Estruturais e de Investimento que os Estados membros non puideron executar durante o período 14-20 e que a Comisión debería reclamar en maio. Sería, pois, diñeiro fresco co que os Estados non contaban. O país que dispón de máis fondos non executados destes anticipos é España, con 1.161 M, seguido de Polonia (1.125), Hungría (855) e Italia (853). Ver distribución no cadro adxunto. 
  • 29.000 M € procedentes da cofinanciación que os Estados deberán achegar a estes fondos
A Comisión propuxo unha modificación do Regulamento de Disposicións Comúns 1303/2013 que, se se aproba por vía de urxencia por parte do Parlamento e o Consello, permitirá en dúas semanas: 
  • Que os Estados membros poidan reforzar os seus sistemas de saúde e axudar ás empresas a facer fronte a esta crise, implantado, por exemplo, sistemas de flexibilidade ou redución do horario dos seus traballadores. 
  • O financiamento con FEDER de capital circulante das pemes de maneira temporal e como resposta á crise sanitaria, xa sexa mediante subvencións ou mediante instrumentos financeiros
  • Que o FEDER dedicado a I+D+i invista nos produtos e servizos necesarios para mellorar a capacidade de resposta dos sistemas sanitarios a esta crise 
  • Que as mutualidades e seguros que cobre xa a FEMP para pescadores e produtores acuícolas tamén poidan cubrir os efectos desta esta crise
  • Que os Estados membros poidan adaptar os seus programas operativos con máis facilidade para dar resposta á crise. Os gastos subvencionables serán aqueles incorridos a partir do 1 de febreiro de 2020. 
Doutra banda, a Comisión aumentará, con fondos procedentes do seu orzamento, en 1.000 M € a garantía destinada ao Fondo Europeo de Investimento que apoia ás entidades bancarias para inxectar liquidez nas pemes. Segundo o portal Access to finance da UE, actualmente hai 57 entidades que ofrecen produtos financeiros apoiados polo FEI en Galicia, como CERSA, Inveready Capital Company Sl, BBVA ou Banco Santander (ver aquí listaxe completa co tipo de produto que ofertan). A Comisión prevé que isto axude a, como mínimo, 100 000 pemes e medianas empresas cun financiamento de aproximadamente 8 000 millóns de euros. 

Polo seu lado, o Banco Europeo de Investimentos anunciou o luns un plan para mobilizar até 40.000 M € a partir de sistemas de garantía xa existentes para os bancos, liñas de liquidez específicas para os bancos destinadas a asegurar un apoio adicional de capital circulante para pemes e midcaps, e programas de compra de bonos de titulización de activos (ABS) para permitir aos bancos transferir o risco das súas carteiras de préstamos destinados a pemes.
 
Ademais, o BEI solicitou aos Estados membros establecer unha garantía adicional que permita manter aberto o acceso ao financiamento para as pemes e as midcaps, contribuíndo así a tranquilizar aos mercados e aos cidadáns neste momento de incerteza sen precedentes. A orixe desta nova garantía debe ser acordada polos Estados membros, aínda que se apunta á posibilidade de recorrer ao Mecanismo Europeo de Estabilidade Financeira (EFSM) ou de crear un novo fondo temporal.

Por último, a Comisión propuxo adaptar o Fondo de Solidariedade Europeo, ao que agora unicamente se pode recorrer en caso de desastres naturais, para que tamén poida utilizarse para facer fronte a esta crise sanitaria. A Comisión propón, ademais, rebaixar os limiares de afectación a partir dos cales se pode solicitar este fondo: do actual 0,6% da RNB ao 0,3% (ou 1.800 M ?). Neste caso, non se trata dunha inxección de liquidez inmediata pois os Estados unicamente poden solicitar axuda deste fondo a posteriori, para compensar os gastos incorridos en facer fronte a unha situación de catástrofe. 

2. Marco comunitario para dar axudas
Dado que a competencia en materia sanitaria recae nos Estados membros, deles provirá a principal resposta financeira a esta crise. A Comisión lembra, por tanto, que estes poden deseñar amplas medidas de apoio de acordo coas normas vixentes da UE. 

En primeiro lugar, poden decidir adoptar medidas como as subvencións salariais, a suspensión do pago dos impostos de sociedades, do IVE ou das cotizacións sociais. Ademais, os Estados Membros poden conceder apoio financeiro directamente aos consumidores, por exemplo, para servizos ou billetes cancelados que non sexan reembolsados polos operadores afectados. Estas medidas non están suxeitas ao marco regulatorio sobre axudas de Estado. 

En relación co marco regulatorio sobre axudas de Estado, no Anexo 3 da comunicación presentada o 13 de marzo, a Comisión facilita a utilización de tres vías para axudar ás empresas dos sectores afectados (turismo, transporte, restauración?) pola crise do Coronavirus: 
  • O art. 107(2)(b) do Tratado de Funcionamento da UE (TFUE), que permite compensar a empresas ou sectores específicos polos danos causados en circunstancias excepcionais. A modo de exemplo, a Comisión, o 12 de marzo, autorizou a Dinamarca, en 24 horas, a montar un sistema de axudas por valor de 12 M € co fin de compensar aos organizadores de eventos (de máis de 1.000 participantes ou destinados a poboación de risco) que tiveron que ser cancelados. A crise do coronavirus é cualificada, por tanto, como ”circunstancia excepcional”. Así mesmo, a Comisión Europea comprométese a dar resposta en 24 horas ás solicitudes dos Estados membros. 
  • As ”Directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crises” (baseadas no artigo 107(3)(c) TFUE) permiten que os EEMM poidan conceder asistencia urxente e temporal en forma de préstamos ou garantías a empresas que, aínda non están en crises, afronten problemas de liquidez debido a circunstancias excepcionais e imprevistas, como foi o caso do sistema de 400 M € aprobado o ano pasado para que Irlanda poida facer fronte ás necesidades de rescate e reestruturación das pemes afectadas polo Brexit. O brote de COVID-19 sería cualificado, unha vez máis, como circunstancia excepcional.
  • O artigo 107(3)(b) TFUE, que permite á Comisión aprobar medidas nacionais de apoio adicionais para pór remedio a unha grave perturbación da economía dun Estado membro. Na actualidade xa se está utilizando para Italia e a Comisión está a traballar nun novo Marco Temporal que complete o réxime europeo actual de axudas de Estado, o cal será aplicado en toda a UE. 
3. Flexibilidade do marco fiscal europeo
A Comisión propuxo ao Eurogrupo que aplique a plena flexibilidade prevista no marco fiscal da Unión Europea para que poida aplicar as medidas necesarias para conter o brote de coronavirus e mitigar os seus efectos socioeconómicos negativos. A Comisión considera que a pandemia de COVID-19 cualifícase como un ?evento inusual fose do control do goberno?, o que permitiría acomodar os gastos excepcionais para conter o brote de COVID-19.

A Comisión recomendou, ademais, que se axusten os esforzos fiscais requiridos dos Estados Membros en caso de crecemento negativo ou de grandes caídas da actividade.
Por último, a Comisión mostrouse disposta a propor a activación da cláusula de escape xeral de salvaguardia para permitir un apoio orzamentario máis xeral. . Esta cláusula, en colaboración co Consello, suspendería o axuste orzamentario recomendado por leste en caso de grave recesión económica na zona do euro ou no conxunto da Unión.

O Eurogrupo, reunido o 16 de marzo, ratificou todas estas declaracións, que non fan senón insistir na necesidade de sacar o máximo proveito ao Pacto de Estabilidade e Crecemento actual. No entanto, numerosas voces criticaron que non se dera un paso máis e se recorra ao Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE), creado en 2011 para asegurar a estabilidade financeira da Zona Euro, que permitiría dar préstamos aos países que sufran graves problemas de financiamento. O MEDE disporía a día de hoxe de 410.000 M € en liñas de crédito sen utilizar. 

4. Garantir a solidariedade no Mercado Único
A Comisión considera fundamental actuar conxuntamente para garantir a produción, o almacenamento, a dispoñibilidade e o uso racional dos equipos de protección médica e os medicamentos na UE, de forma aberta e transparente, en lugar de adoptar medidas unilaterais que restrinxan a libre circulación dos bens sanitarios esenciais. Para iso, o 16 de marzo sacou á luz unhas Directrices de medidas de xestión fronteiriza para protexer a saúde e garantir a dispoñibilidade de bens e servizos esenciais.

A Comisión está a orientar aos Estados membros sobre como establecer mecanismos de control adecuados para garantir a seguridade da subministración e puxo en marcha un procedemento de licitación conxunta de urxencia para adquirir estes bens. Tamén flexibilizou o sistema de certificación de certos produtos para que, aínda preservando a seguridade dos mesmos, poidan estar máis facilmente dispoñibles no mercado. 

Para axudar a aliviar o impacto económico e ecolóxico do brote, a Comisión propuxo unha lexislación específica para eximir temporalmente ás compañías aéreas da norma de ”usar ou perder”, segundo a cal deben utilizar polo menos o 80% das franxas horarias dos seus aeroportos co fin de poder mantelas para o ano seguinte. 

Por último, a Comisión está en contacto cos Estados Membros, as autoridades internacionais e as principais asociacións profesionais da UE para supervisar o impacto da crise no sector do turismo e coordinar as medidas de apoio.

Fonte: Comisión Europea


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante