Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

30/09/2019

Galicia defende que o futuro Fondo Europeo de Financiamento Pesqueiro inclúa axudas á construción e modernización de buques

Rosa Quintana na inauguración do Congreso Internacional sobre Sustentabilidade Social organizado por Conxemar e a FAO. Fonte: © Xunta de Galicia 2019.jpg
  • A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na inauguración do Congreso Internacional sobre Sustentabilidade Social organizado por Conxemar e a FAO.
  • Quitana solicita que esta ferramenta financieira apoie novas construcións que poidan ter mellores condicións de vida a bordo sen incrementar a capacidade de pesca.
  • A comunidade autónoma galega defende o Convenio sobre o traballo na pesca da Organización Internacional do Traballo e aposta por unha formación náutico-pesqueira que dote de máis atribucións aos profesionais co obxectivo de asegurar a alta competencia e aptitude que necesitan á vez que se afianza a súa experimentación práctica.
Vigo, 30 de setembro de 2019. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe en Vigo a aposta de Galicia pola mellora da habitabilidade a bordo dos buques con «novos e mellores barcos que axuden a afianzar a sustentabilidade do sector». Neste sentido, Quintana lembrou que de cara ao futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, Galicia solicita o apoio a «novas construcións que, sen incrementar capacidade de pesca, poidan ter mellores condicións de vida a bordo».

Así o sinalou a conselleira do Mar durante a inauguración do Congreso Internacional sobre Sustentabilidade Social, organizado por Conxemar e a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), onde estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro. Alí, Rosa Quintana insistiu na importancia de avanzar na seguridade e habitabilidade nos buques, un aspecto, subliñou, no que a Xunta traballa, por exemplo buscando unha normativa idónea para a frota de baixura, sobre todo de cara ao porte de caixas de primeiros auxilios, e velando pola mellora da directiva comunitaria que regula a asistencia médica a bordo.

Ademais, Rosa Quintana lembrou que Galicia é firme defensora do Convenio sobre o traballo na pesca da Organización Internacional do Traballo, vixente desde 2007. Esta cuestión, explicou, foi posta en coñecemento do Goberno central no 2017 tras a aprobación por unanimidade dunha proposición non de lei na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia e foi reiterada este ano de novo no Parlamento cando se poñía en valor que a principal organización pesqueira europea – Europêche-, na que se inscribe Cepesca, estaba a favor desta petición.

Esta mellora da calidade de vida e da habitabilidade, con particular atención á seguridade a bordo e á mellora das tripulacións, xunto coa formación son dous aspectos clave para a substitución xeracional, tema capital na sustentabilidade do sector, tal e como sinalou a titular de Mar. En relación á formación, Rosa Quintana, expuxo que Galicia aposta por unha formación náutico-pesqueira «que dote de máis atribucións aos profesionais co obxectivo de asegurar a alta competencia e aptitude que necesitan á vez que se afianza a súa capacitación e experimentación práctica».

Neste ámbito, Rosa Quintana destacou o labor que desenvolve a Consellería do Mar a través dos seus centros de formación nos que a matrícula se incrementou en preto dun 50% con máis de 1.500 titulados e sinalou que a formación é unha materia blindada no orzamento da Consellería.

A conselleira tamén aproveitou a súa intervención para dar a benvida a Galicia a todos os axentes que van participar no congreso internacional e na feira de Conxemar que se celebrará estes días en Vigo. Uns eventos, incidiu, dos que Galicia é a rexión anfitrioa «por ser a capital da industria pesqueira en Europa» e que «moven o sector, moven Galicia e moven o noso mar».

Congreso internacional organizado por Conxemar e a FAO
Este congreso internacional está organizado por Conxemar e a FAO desde o ano 2012. A edición deste ano profundará na sustentabilidade social. Para iso a xornada prevé reunir a preto de 400 asistentes entre organismos, representantes gobernamentais, asociacións, academia, ONG e expertos de primeiro nivel mundial, entre os que estarán representantes da FAO, da Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento (UNCTAD), da Organización Internacional do Traballo (OIT), ou da Thai Union, entre outros. Nela tamén estarán representantes do sector privado.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante