Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

04/02/2021

O Pacto Europeo polo Clima convértese no foro climático dos cidadáns

5253F_1612429641_clima.jpg Ver máis...
  • O Pacto Europeo polo Clima promoverá a participación das comunidades locais e rexionais e fortalecerá a dimensión urbana da política de cohesión.
  • Abrirá espazos reais e virtuais para que as partes interesadas participen aportando ideas.
Bruxelas, 10 de febreiro de 2021-A Comisión Europea ven de lanzar o Pacto Europeo polo Clima, unha iniciativa encadrada no Pacto Verde Europeo que reunirá ós entes locais e rexionais, á industria e á sociedade civil para fomentar o intercambio de información e facilitar a comprensión dos cidadáns sobre os retos do cambio climático. En palabras de Frans Timmermans, vicepresidente executivo da Comisión Europea responsable do Pacto Verde Europeo, resulta fundamental actuar de inmediato para reverter os efectos do cambio climático antes de que sexa demasiado tarde, posto que “non hai vacina para a crise climática” 

Nas fases iniciais, o Pacto dará prioridade ás accións centradas en ámbitos que ofrezan beneficios inmediatos non só para o clima e o medio ambiente, senón tamén para a saúde e o benestar dos cidadáns, como poden ser o aumento das zonas verdes nas cidades, a promoción da mobilidade ecolóxica, a remodelación de edificios enerxeticamente eficientes ou desenvolvemento de competencias ecolóxicas entre os consumidores.

O Pacto Europeo polo Clima apoiará as iniciativas das partes interesadas a través das seguintes accións:
  • A posibilidade de converterse en Embaixadores  do Pacto polo Clima: calquera pode ser embaixador, xa sexa a título persoal ou profesional en representación dunha organización. O obxectivo é contribuír á difusión de información cientificamente probada sobre o clima, interconectar aos entes climáticos locais con outros entes da esfera europea para crear unha rede de activistas climáticos e contactar cos gobernos nacionais, rexionais ou locais para fomentar estratexias respectuosas co clima
  • A organización de Eventos Satélite: estes eventos (grandes e pequenos, locais e de toda a UE) teñen o obxectivo de abarcar toda a riqueza e diversidade da acción climática en Europa, manter debates abertos nos diferentes idiomas da UE, chegar ás comunidades locais e resaltar o papel de grupos ou sectores particulares na protección do medio ambiente.
  • A participación na Plataforma Count us in, que crea un espazo en liña para o diálogo e intercambio entre os cidadáns e comunidades de toda Europa. O obxectivo desta plataforma e tomar medidas prácticas para reducir as emisións de gas de efecto invernadoiro mediante accións concretas do cotiá relacionadas con como producimos, consumimos, nos movemos, quentamos ou arrefriamos as nosas casas, como traballamos e ata como nos relacionamos. Prevese o lanzamento da versión multilingüe da plataforma para o verán de 2021.
  • O Pacto dos Alcaldes: trátase un movemento a nivel europeo no que participan as autoridades locais e rexionais que asumiron o compromiso voluntario de mellorar a eficiencia enerxética, empregar fontes de enerxía renovable e reducir as emisións de CO2 nos seus respectivos territorios. O Pacto Europeo polo clima pretende vincular todas as accións e iniciativas climáticas existentes, incluíndo o Pacto dos Alcaldes.
En definitiva, o Pacto Europeo polo Clima ofrece un espazo no que todas as partes interesadas poderán cooperar, compartir información e aplicar solucións efectivas para facer fronte ás amenzas climáticas.


O Pacto dos Alcaldes en Galicia

Desde 2018, o goberno galego é o coordinador do Pacto dos Alcaldes en Galicia, ó que se adheriron 231 municipios galegos dos 313 existentes. O seu obxectivo é conseguir que a maioría dos municipios de Galicia sexan signatarios desta iniciativa. Para a súa consecución, a Xunta creou a Oficina Técnica do Pacto de Alcaldes que brinda asistencia administrativa e técnica aos municipios galegos na redacción de documentos, na procura de instrumentos financeiros para apoiar os proxecto contra o cambio climático, na promoción e mellora do traballo en rede e na difusión e publicidade das actividades e logros conseguidos no territorio galego. Esta acción enmárcase na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, que, en liña cos obxectivos europeos, promove a neutralidade climática en 2050.

A Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes, xunto con outros catro proxectos galegos, atópase incluída no mapa #EUGreenDeal do Comité das Rexións, que recolle iniciativas que fomentan o crecemento sostible na UE. 


Mais información

Páxina web do Pacto Europeo polo Clima

Páxina web do Pacto dos Alcaldes


Imaxes relacionadas


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante