Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

09/07/2020

A Plataforma Europea de Transición Xusta apoiará ós Estados membros na elaboración dos seus Plans Territoriais

5052F_1594307465_Plataforma_Europea_de_Transici__n_Xusta.jpg
  •  A Plataforma de Transición Xusta estará conformada por rexións dependentes do carbón e doutros combustibles fósiles así como por rexións con altas emisións de carbono. 
  • Ofrecerá asesoramento técnico que permitirá que os Estados membros accedan ó financiamento ofrecido polo Mecanismo de Transición Xusta. 
  • Os Plans Territoriais de Transición Xusta xa están sendo elaborados polos Estados membros para ser entregados á Comisión antes de que finalice 2020. 

Bruxelas, 9 de xullo de 2020- O pasado 29 de xuño, a Comisión Europea poñía en marcha a Plataforma Europea de Transición Xusta, herdeira da antiga Plataforma de rexións dependentes do carbón, da que Galicia formaba parte dende outubro de 2019. Esta nova Plataforma permitirá a participación de rexións dependentes doutros combustibles fósiles, como o petróleo de esquisto ou a turba, e de rexións intensivas en carbono, que contan con industrias como a do aceiro, cemento, aluminio ou a produción de papel. 

A Plataforma Europea de Transición Xusta servirá como punto de acceso a información relevante sobre a transición verde, facilitará o intercambio de coñecementos e boas prácticas e proporcionará asesoramento técnico ás rexións europeas e ós EEMM- de maneira coordinada coa Comisión Europea e o Banco Europeo de Investimento (BEI)- para, por exemplo, poñer en funcionamento os Plans Territoriais de Transición Xusta ou unha reserva de proxectos que poidan ser financiados mediante o Mecanismo de Transición Xusta. 

CONTEXTO  

Mecanismo para unha Transición Xusta 

O financiamento da transición cara a unha economía climaticamente neutra será acadado mediante a creación dun marco que combine fondos públicos (nacionais e europeos) e privados, o cal foi presentado o 14 de xaneiro de 2020 baixo o formato dun Plan de Investimento para unha Europa Sostible (PIES) ou Plan de Investimento para o Pacto Verde Europeo (PIPVE) O elemento máis importante deste Plan de Investimento é o Mecanismo para unha Transición Xusta (MTX) 

O MTX axudará a abordar os efectos sociais e económicos da transición, enfocándose nas rexións, industrias e traballadores máis afectados pola transición a unha economía verde. Pretende mobilizar 150 000 millóns de euros en investimento entre 2021-2027 e componse de tres pilares: 

  • Fondo de Transición Xusta (FTX): O pasado 27 de maio a Comisión europea presentaba, no marco do seu Plan de recuperación, unha proposta modificada relativa ó Fondo de Transición Xusta. Segundo a mesma, o FTX pasará dun orzamento de 7 500 millóns de euros a un de 40 000 millóns de euros. Principalmente concederá subvencións para sufragar os custos sociais e económicos da transición.  
  • Réxime de Transición Xusta no marco de InvestEU: posibilitará o investimento (público ou privado) nunha gama de proxectos máis variada que o FTX, xa que os criterios de admisión serán máis amplos. Os proxectos teñen que ser economicamente viables.
  • Instrumento de préstamo ó sector público: mobilizará investimento público e concederá axudas en forma de subvencións -xestionadas pola Comisión Europea mediante convocatorias específicas- e préstamos -xestionados polo BEI- Aquí non se produce a viabilidade económica dos proxectos.

Agárdase que o MTX comece a ser unha realidade dende 2021. Para iso, teranse que aprobar: 

  • As propostas lexislativas dos tres pilares mediante proceso lexislativo ordinario, o que implica a súa aprobación polo Parlamento Europeo e o Consello da UE. 
  • Plans Territoriais de Transición Xusta, elaborados polos Estados membros. 

Plans Territoriais de Transición Xusta 

A súa aprobación pola Comisión Europea permitirá o acceso ó financiamento dos tres pilares. Así mesmo, exporán de forma detallada os retos sociais, económicos e medioambientais derivados da supresión progresiva das actividades relacionadas cos combustibles fósiles ou da descarbonización dos procesos ou produtos que xeren grandes cantidades de gases efecto invernadoiro. 

Ademais, describirán o proceso de transición ata o ano 2030, especialmente: 
  • As necesidades de desenvolvemento, a reciclaxe profesional e a  rehabilitación do medio ambiente.
  • A estratexia para dar resposta a estas necesidades de maneira integrada. 
  • O calendario de transición. 
  • Os tipos de operacións previstas. 
  • Os mecanismos de gobernanza. 


MÁIS INFORMACIÓN 

Páxina web da Plataforma Europea de Transición Xusta 


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante