Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

27/09/2019

Entra en vigor unha metodoloxía europea para medir os residuos de alimentos xerados en toda a UE

Acaba de entrar en vigor unha metodoloxía europea para cuantificar os residuos alimentarios xerados en toda a UE. Fonte: © European Union 2017. Fotógrafa: Jennifer Jacquemart.jpg
  • Este método común de análise para os Estados membros da Unión responde á prioridade clave detectada pola Comisión de previr os residuos alimentarios de cara a lograr unha economía circular e unha sociedade sustentable.
Bruxelas, 27 de setembro de 2019. A Comisión Europea identificou a prevención dos residuos alimentarios como unha prioridade clave na construción dunha economía circular e unha sociedade sustentable no conxunto dos países da Unión. Segundo considera o brazo executivo da UE, para poder cambiar os malos hábitos neste sentido hai que ser capaces de medir adecuadamente os residuos de alimentos. Por iso, na xornada de hoxe aprobouse un método europeo de medición co que os Estados membros poderán cuantificar os residuos alimentarios de maneira coherente e en cada fase da cadea alimentaria. Baseándose nunha definición común de residuos de alimentos, esta metodoloxía europea garantirá un seguimento coherente en toda a UE.

O comisario lituano de Saúde e Seguridade Alimentaria, Vytenis Andriukaitis, acolleu con satisfacción a entrada en vigor da lexislación como un paso decisivo para alcanzar unha economía circular e respectar o medio ambiente: «A loita contra os residuos de alimentos é un imperativo moral. É esencial para a sustentabilidade do noso planeta e para o bo funcionamento dos nosos sistemas alimentarios. A UE está comprometida co obxectivo xeral de reducir á metade os residuos de alimentos para o ano 2030. Grazas a esta nova metodoloxía europea, agora podemos medir a nosa situación, avaliar a eficacia das nosas accións e supervisar os nosos progresos. En poucas palabras: o que se mide xestiónase!», recalcou  Andriukaitis.

A Comisión Europea seguirá de preto a aplicación deste Acto Delegado, organizando intercambios regulares cos Estados membros para facilitar o seu despregamento e compartir as leccións aprendidas sobre o terreo. Sobre a base desta metodoloxía, os Estados membros deben establecer un marco de seguimento con 2020 como primeiro ano de referencia para proporcionar á Comisión os primeiros datos novos sobre residuos de alimentos a mediados de 2022. Esta metodoloxía compartida a nivel europeo permitirá harmonizar e contextualizar a xeración de datos sobre os niveis de residuos alimentarios producidos polas empresas e compañías da UE, contribuíndo así ao obxectivo de desenvolvemento sustentable (ODS) número 12.3 exposto polas Nacións Unidas.

Contexto
Para garantir que os esforzos nacionais contra os residuos de alimentos se asenten nunha sólida base de probas e apoien o intercambio de innovacións e mellores prácticas, a UE está a traballar desde hai tempo para aumentar e mellorar a cuantificación dos niveis de residuos de alimentos. A Directiva Marco de Residuos revisada, adoptada o 30 de maio de 2018, insta os países da UE para reducir os residuos de alimentos en todas as fases da cadea alimentaria, a controlar os niveis destes residuos e a informar sobre os progresos realizados. Entre as esixencias que recolle este texto lexislativo se indica aos países da UE e á propia Comisión que:
  • Cada Estado membro prepare programas de prevención de residuos de alimentos como parte dos programas xerais de prevención de residuos.
  • Cada Estado fomente a doazón de alimentos e outras formas de redistribución para o consumo humano, dando prioridade ao uso humano fronte á alimentación animal e á transformación en produtos non alimentarios como medidas adoptadas para evitar a xeración de residuos.
  • Cada Estado ofreza incentivos para a aplicación da xerarquía de residuos, así como a facilitación da doazón de alimentos.
  • Esta Lei introduce ademais unha definición de "residuo alimentario" baseada na definición de alimento da lexislación alimentaria xeral.
  • A mesma Lei pedía á Comisión que adopte unha lexislación pertinente sobre a medición dos residuos alimentarios para finais de marzo de 2019.
  • Demanda á Comisión que prepare un informe acompañado, se procede, dunha proposta para finais de 2023 para establecer un obxectivo de redución de residuos de alimentos a escala da UE (o cal deberá cumprirse en 2030);
  • Establece que debe mellorarse a comprensión por parte dos consumidores das "datas de caducidade" e de "consumir preferentemente" dos productos a fin de reducir os residuos alimentarios.
Por estas razóns, delegóuselle á Comisión o establecemento dunha metodoloxía común para medir os niveis de residuos de alimentos na UE, así como un formato de informe para que os países da UE comuniquen os progresos realizados ao longo do tempo. O grupo de expertos dos Estados membros apoiou á Comisión na preparación do correspondente Acto Delegado, que establece dita metodoloxía común de medición e os seus requisitos mínimos de calidade. O Acto Delegado aprobado hoxe polo que se establece unha metodoloxía común da UE para medir os residuos de alimentos entrará en vigor o próximo 17 de outubro de 2019.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante