Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

27/01/2020

O BEI facilita 100 millóns de euros baixo o programa InnovFin para financiar a investigación pública en Galicia

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, firmando o acordo xunto á vicepresidenta do BEI, Emma Navarro. Fonte: © Xunta de Galicia 2020.jpg
  • O acordo entre o Banco Europeo de Investimentos e a Xunta beneficiará a preto de 170 grupos de investigación que traballan en centros públicos galegos.
  • Parte dos proxectos de investigación financiados polo BEI vanse centrar en áreas relacionadas co cambio climático.
  • O acordo terá tamén impacto no emprego, xa que o proxecto contribuirá a atraer talento investigador e a manter preto de 900 postos de traballo ata 2023.
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2020. O Banco Europeo de Investimentos (BEI) apoiará a investigación do sector público en Galicia facilitando 100 millóns de euros que se destinarán a financiar proxectos de I+D+i desenvoltos por universidades públicas galegas. O acordo, asinado hoxe pola vicepresidenta do BEI, Emma Navarro, e o conselleiro de Facenda da Xunta de Galicia, Valeriano Martínez, contribuirá á implementación da Estratexia de Especialización Intelixente posta en marcha pola Xunta de Galicia para estimular un crecemento económico baseado na innovación. Permitirá ademais desenvolver patentes, e atraer e reter talento investigador na rexión, contribuíndo a asegurar preto de 900 postos de traballo de alta cualificación na área de I+D+i.

O BEI outorga estes fondos baixo o marco do programa InnovFin para a Ciencia, unha iniciativa conxunta do Grupo BEI e a Comisión Europea deseñada para apoiar a investigación e a innovación en Europa, co apoio do programa de investigación e innovación Horizon 2020 da UE. En concreto, o financiamento facilítase baixo o instrumento de InnovFin, destinado especificamente para centros de investigación e universidades (RIURO polas súas siglas en inglés).

Estímase que estes fondos europeos beneficiarán a preto de 170 grupos de investigación ligados a universidades públicas galegas durante catro anos, ata finais de 2023. Estes grupos desenvolverán investigacións centradas en áreas como a biotecnoloxía, tecnoloxías da información e ciencias da saúde, entre outras. Tamén contribuirán á adaptación e mitigación do cambio climático en Galicia, estudando as vulnerabilidades da rexión fronte a este reto e as estratexias para facerlle fronte. As actividades de I+D+i fomentarán tamén o desenvolvemento da chamada ”Blue Economy”, centrada en desenvolver o potencial de mares e océanos de forma sustentable.

No acto de firma celebrado hoxe en Santiago de Compostela, a vicepresidenta do BEI, Emma Navarro, responsable da actividade do banco en España, asegurou o seguinte: «Apoiar a innovación é unha das prioridades do banco da UE, polo seu papel fundamental na xeración de riqueza e emprego. Por iso, comprácenos unir forzas coa Xunta para apoiar a investigación pública en Galicia. Coa firma deste acordo, estamos a contribuír ao desenvolvemento de patentes e de liñas de investigación en áreas tan importantes como a biotecnoloxía, as ciencias da saúde, a loita contra o cambio climático e a protección dos océanos, así como a reter talento e manter postos de traballo altamente cualificados na rexión».

Pola súa parte, Mariya Gabriel, a actual comisaria europea para Innovación, Investigación, Cultura, Educación e Mocidade, afirmou que «apoiamos a investigación do sector público en Galicia con financiamento da UE para crear postos de traballo para mozos investigadores e axudar a desenvolver a Estratexia de Especialización Intelixente da rexión. Grazas a iso, Galicia poderá ter unha vantaxe competitiva na investigación mariña e de ciencias da saúde». Pola súa banda, o conselleiro de Facenda da Xunta de Galicia, Valeriano Martínez, indicou que «con este acordo, o Goberno galego aposta por reforzar a capacidade de innovación da nosa Comunidade Autónoma e a nosa política de acción climática mediante o cofinanciamento das actividades de investigación, desenvolvemento e innovación realizadas polas Universidades de Santiago de Compostela e de Vigo durante o período 2020-2023. Esta operación demostra o compromiso da Xunta coa innovación e a investigación como factores claves no crecemento económico e a creación de emprego cualificado».

Esta é a segunda operación que acorda o BEI coa Xunta de Galicia destinada a financiar I+D+i en universidades públicas galegas. A primeira, asinada no ano 2013 por un importe de 70 millóns de euros, permitiu estimular a produción de patentes e a creación de emprego na Universidade de Santiago de Compostela.

Sobre o programa InnovFin e o Grupo BEI
O Banco Europeo de Investimentos (BEI) é a institución de financiamento a longo prazo da Unión Europea cuxos accionistas son os seus Estados membros. O BEI facilita financiamento a longo prazo a proxectos de investimento viables co fin de contribuír ao logro dos obxectivos da política da UE.

O BEI é un dos maiores provedores multilaterais de financiamento a escala mundial para loitar contra o cambio climático. O obxectivo do Banco é liderar a mobilización do financiamento necesario para limitar o aumento da temperatura media do planeta a 1.5˚C con respecto aos niveis preindustriais co fin de cumprir cos obxectivos do Acordo de París. 

O pasado 14 de novembro de 2019 o Consello de Administración do BEI aprobou os seus novos obxectivos climáticos e a nova política de préstamos enerxéticos: o Banco aumentará gradualmente o financiamento que destina a obxectivos climáticos e ambientais ata o 50% no ano 2025, co fin de que o Grupo BEI mobilice, na década crítica de 2021 a 2030, polo menos 1 billón de euros para favorecer investimentos que contribúan a lograr estes obxectivos. Así mesmo, anunciou o propósito de aliñar todas as actividades do Grupo BEI respecto ao Acordo de París. Para iso, o BEI deixará de financiar proxectos enerxéticos baseados en combustibles fósiles a partir de finais de 2021.

Produtos financeiros InnovFin
A Comisión Europea e o Grupo Banco Europeo de Investimentos (BEI e FEI), no marco de Horizonte 2020, o programa de investigación e de innovación da UE para o período 2014-2020, lanzaron unha nova xeración de instrumentos financeiros e de servizos de asesoramento en 2014 para axudar ás empresas innovadoras a acceder máis facilmente ao financiamento.

A iniciativa ”Financiamento da UE para os innovadores–InnovFin” ofrece unha gama de produtos a medida que proporcionará financiamento en apoio da investigación e a innovación (I+i) das pequenas, medianas e grandes empresas e os promotores de infraestruturas de investigación. A iniciativa ”Financiamento da UE para os innovadores– InnovFin” está apoiada por fondos asignados en virtude de Horizonte 2020 e polo Grupo BEI, e apoia actividades de I+i que son, pola súa propia natureza, máis arriscadas e máis difíciles de avaliar que os investimentos tradicionais, e que por tanto, adoitan atopar dificultades para acceder ao financiamento. Todos os instrumentos desta iniciativa veñen motivados pola demanda existente, sen ningunha distribución previa das dotacións entre sectores, países ou rexións. As empresas e outras entidades situadas nos Estados membros da UE, e nos países asociados a Horizonte 2020, son elixibles para converterse en beneficiarios finais.

InnovFin-Ciencia é o compartimento específico de InnovFin que ten como obxectivo apoiar os investimentos en I+D+i de institutos de investigación, universidades e organismos de investigación (públicos ou privados), incluídas o financiamento de edificios e doutras infraestruturas relacionadas directamente con actividades de I+D+i. Este produto ofréceo directamente o BEI en forma de débeda ou de operacións de capital por importe a partir de 25 millóns de euros.


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante