Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

16/09/2019

A Xunta organiza unha xornada para presentar os casos de uso 5G que se desenvolverán en Galicia

Amtega organizará unha xornada para presentar os casos de uso 5G que se desenvolverán en Galicia, en base as pautas dadas pola UE sobre esta tecnoloxía. Fonte: © European Union 2017. Fotógrafo: Mauro Boltaro.jpg
  • O encontro "Os retos do 5G en Galicia. Casos de uso" exporá as 17 iniciativas dos tres principais operadores, que aplican o 5G ao ámbito sanitario, turístico, as emerxencias ou a loita contra os incendios.
  • Este acto acollerá tamén a adhesión do Observatorio Nacional do 5G ao Nodo galego 5G, impulsado pola Amtega, como punto de encontro entre axentes do sector para consolidar un ecosistema galego do 5G.
Santiago de Compostela, 16 de setembro. A Cidade da Cultura acollerá o vindeiro mércores 18 de setembro a xornada "Os retos do 5G en Galicia. Casos de uso", na que se darán a coñecer os 17 pilotos que se están a desenvolver en Galicia baseados nesta tecnoloxía. O encontro, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Retegal, afondará nas vantaxes desta tecnoloxía para cuxo despregamento a Unión Europea esixe aos Estados membros realizar, previamente, casos de uso.

O encontro arrancará coa sinatura dun convenio para formalizar a adhesión do Observatorio Nacional do 5G ao Nodo Galego 5G, un punto de encontro para consolidar un ecosistema galego do 5G do que xa forman parte os tres principais operadores, e a  Universidade de Vigo. A asistencia é de balde e pode realizarse a través da conta de correo: casosdeuso5G@retegal.gal.

Tras a apertura a cargo da directora da Amtega, Mar Pereira, xunto ao CEO da Mobile World Capital Barcelona Foundation (MWCapital), o responsable do Observatorio Nacional do 5G, Federico Ruiz, exporá a situación do 5G en España, o caso galego e o labor do Observatorio. A continuación, será a quenda dos operadores: Telefónica, Vodafone e Orange abordarán o seu papel na posta en marcha dos pilotos 5G e os retos e vantaxes que suporá esta tecnoloxía.

A segunda parte da xornada centrarase na visión dos responsables de empresas e sectores nos que se aplicarán estes casos de uso. Responsables do CTAG, AXEGA Portos, universidades, Sergas ou CRTVG, entre outros, exporán as vantaxes dos pilotos 5G na industria, na automoción, na sanidade, na cultura ou o turismo. 

Preto dunha vintena de casos de uso 5G en Galicia
A Amtega puxo en marcha en xullo de 2018 o Plan Galicia 5G, complementario ás medidas europeas e estatais, cun  dobre obxectivo: por unha banda, que Galicia sexa das primeiras rexións europeas en dispoñer de servizos 5G e, por outra, que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesaria para desenvolver posibles casos de uso desta tecnoloxía localícese na comunidade galega.

Unha das primeiras medidas do Plan foi a posta en marcha o pasado mes de novembro do Nodo de Cooperación 5G cun convenio asinado por Orange, Vodafone e Telefónica, no que se recolle o compromiso dos tres operadores. No marco deste Nodo, os operadores comprometéronse a realizar 9 casos de uso 5G en diferentes ámbitos esenciais para Galicia. A estas iniciativas súmanse outras 8 que realizará Telefónica no marco dun proxecto subvencionado por Red.es. En total 17 casos de uso 5G en Galicia. 

Outra das medidas do Plan Galicia 5G é a relacionada coa formación. Onte comezaba o primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G, grazas a adhesión da Universidade de Vigo ao Nodo de Cooperación 5G, a través dun convenio asinado o pasado mes de febreiro entre a Amtega, a Universidade de Vigo e Retegal.

O programa formativo ofrece a diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura extensión da tecnoloxía 5G. 

Fonte: Amtega

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante