Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

11/03/2020

La Comisión Europea presenta una nueva estrategia industrial para una Europa ecológica, digital y competitiva a escala mundial

4802F_1583929689_Estrategia_industrial.jpg

A Comisión presenta hoxe unha nova estratexia para axudar á industria europea a realizar a dobre transición cara á neutralidade climática e o liderado dixital. Coa estratexia preténdese estimular a competitividade de Europa e a súa autonomía estratéxica nun momento de desprazamento das placas xeopolíticas e de aumento da competencia mundial.

Bruselas, 10 de marzo de 2020. O paquete de iniciativas define un novo enfoque da política industrial europea, firmemente arraigada nos valores europeos e as tradicións do mercado social. Presenta unha serie de accións para apoiar a todos os axentes da industria europea, incluídas as grandes e pequenas empresas e as empresas emerxentes innovadoras, os centros de investigación, os prestadores de servizos, os provedores e os interlocutores sociais. Unha estratexia específica para as pequenas e medianas empresas (pemes) ten como obxectivo reducir a burocracia e axudar ás numerosas pemes europeas a desenvolver a súa actividade dentro e fóra do mercado único, acceder ao financiamento e contribuír a liderar a transición dixital e ecolóxica. As iniciativas que se presentan hoxe inclúen tamén medidas concretas para facer fronte aos obstáculos ao bo funcionamento do mercado único, o maior activo de Europa para que todas as nosas empresas poidan crecer e competir en Europa e fóra dela.

O paquete de medidas en materia de política industrial publicado hoxe inclúe as seguintes iniciativas:

1. Unha nova estratexia industrial

Para manter o liderado industrial de Europa, a nova estratexia industrial contribuirá a cumprir tres prioridades clave: manter a competitividade global da industria europea e a igualdade de condicións, tanto dentro da UE como a nivel mundial, facer que Europa chegue a ser climáticamente neutra de aquí a 2050 e configurar o futuro dixital de Europa.

A estratexia establece os principais motores da transformación industrial de Europa e propón un conxunto completo de accións futuras, en particular:

  • Un plan de acción sobre a propiedade intelectual e industrial para defender a soberanía tecnolóxica, promover a igualdade de condicións a nivel mundial, loitar mellor contra a usurpación dos dereitos de propiedade intelectual e adaptar o marco xurídico ás transicións ecolóxica e dixital.
  • Posto que a competencia saca o mellor das nosas empresas, a actual revisión das normas de competencia da UE, incluída a avaliación en curso do control das concentracións de empresas e do control de adecuación das directrices sobre axudas estatais, garantirá que as nosas normas son adecuadas ao obxectivo perseguido nunha economía en rápida evolución, que é cada vez máis dixital e que debe facerse máis ecolóxica e circular.
  • Necesitamos unha competencia leal, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Ademais de recorrer sempre que sexa necesario aos seus mecanismos de defensa comercial, a Comisión adoptará, como moi tarde a mediados de 2020, un Libro Branco co que pretende abordar os efectos distorsionadores causados polas subvencións estranxeiras no mercado único e facer fronte ao acceso estranxeiro á contratación pública da UE e ao seu financiamento. A cuestión relativa ás subvencións estranxeiras abordarase nunha proposta de instrumento xurídico en 2021. Isto irá á vez co traballo en curso para reforzar as normas mundiais sobre subvencións industriais na Organización Mundial do Comercio e as medidas para abordar a falta de acceso recíproco á contratación pública en terceiros países.
  • Medidas integrais para modernizar e descarbonizar as industrias de gran consumo enerxético, apoiar as industrias de mobilidade sustentables e intelixentes, promover a eficiencia enerxética e garantir unha subministración suficiente e constante de enerxía con baixas emisións de carbono a prezos competitivos.
  • Reforzar a autonomía industrial e estratéxica de Europa asegurando a subministración de materias primas críticas mediante un plan de acción sobre materias primas críticas e produtos farmacéuticos, baseado nunha nova estratexia farmacéutica da UE e apoiando o desenvolvemento de infraestruturas dixitais estratéxicas e de tecnoloxías facilitadoras esenciais.
  • Unha alianza para un hidróxeno limpo destinada a acelerar a descarbonización da industria e manter o liderado industrial, seguida de alianzas sobre as industrias hipocarbónicas e sobre nubes e plataformas industriais e materias primas.
  • Nova lexislación e orientacións sobre contratación pública ecolóxica.
  • Unha atención renovada á innovación, o investimento e as capacidades.

Ademais dun conxunto completo de accións, tanto horizontais como específicas, a Comisión analizará sistematicamente os riscos e as necesidades dos diferentes ecosistemas industriais. Para realizar esta análise, a Comisión traballará en estreita colaboración cun foro industrial inclusivo e aberto, que se creará como moi tarde en setembro de 2020 e que estará composto por representantes da industria, incluídas as pemes, e de grandes empresas, interlocutores sociais e investigadores, así como os Estados membros e as institucións da UE. Cando sexa necesario, recorrerase a expertos de sectores específicos para que compartan os seus coñecementos. As Xornadas da Industria, que organiza anualmente a Comisión, seguirán reunindo a todos os axentes interesados.

2. Unha nova estratexia para as pemes

As pemes desempeñan un papel clave no tecido industrial europeo, proporcionan dous de cada tres postos de traballo e son fundamentais para o éxito desta nova estratexia industrial. O seu obxectivo é axudar ás pemes a liderar a dobre transición, o que tamén significa garantir o acceso ás capacidades adecuadas. Co fin de desenvolver a capacidade das pemes para a transición, a Comisión mellorará a Rede Europea de Empresas con asesores especializados en sustentabilidade. Tamén ampliará os centros de innovación dixital en todas as rexións de Europa a fin de capacitar ás pemes para integrar as innovacións dixitais. Ofrecerá novas posibilidades de voluntariado e de formación en tecnoloxías dixitais. 

Co fin de facilitar as actividades das pemes dentro e fóra do mercado único, a Comisión propón medidas para eliminar os obstáculos normativos e prácticos á actividade empresarial e a expansión. Entre elas, a Comisión está a redobrar os seus esforzos para garantir os pagos sen demora, en particular a través dun novo observatorio virtual e dunha resolución alternativa de litixios. 

Para facilitar ás pequenas e medianas empresas a emisión de valores en Europa, a Comisión tamén apoiará un Fondo de oferta pública inicial para pemes no marco do capítulo dedicado ás pemes do mecanismo InvestEU. Así mesmo, fomentará a iniciativa empresarial das mulleres estimulando o investimento en empresas e fondos dirixidos por mulleres. 

Ademais, a Comisión convida os Estados membros a implantar o portelo único de axuda ás empresas. O obxectivo é facer de Europa o mellor lugar para crear unha empresa e crecer. Traballará cos Estados membros na elaboración dunha norma da UE para países de empresas emerxentes que lles permita compartir e adoptar as mellores prácticas para acelerar o crecemento das pemes e as empresas emerxentes de alta tecnoloxía. Para garantir o compromiso político con respecto a estas medidas, un representante de alto nivel da UE para as pemes garantirá unha estreita colaboración e coordinación cos Estados membros da UE a través de representantes nacionais para as pemes, así como coas autoridades rexionais e locais. A Comisión reforzará así mesmo a posición das pemes na lexislación da UE.

3. Un mercado único que responde as expectativas das empresas e os consumidores

O mercado único é un dos maiores logros de Europa e ofrece ás empresas europeas un gran mercado interior. Estimula a competencia e o comercio dentro da UE. Ofrece aos cidadáns da UE unha maior oferta de bens e servizos, así como máis emprego e oportunidades empresariais. Proporciona ás empresas europeas o impulso que necesitan para converterse en líderes na escena mundial.

No entanto, os europeos seguen enfrontándose a obstáculos que lles impiden aproveitar plenamente o potencial do mercado único. As estimacións mostran que a supresión destes obstáculos podería xerar até 713 000 millóns de euros a finais da década. O Informe sobre os obstáculos ao mercado único publicado hoxe sinala unha ampla gama de obstáculos no mercado único desde o punto de vista das empresas e os consumidores de Europa e subliña as causas profundas de tales obstáculos: normas nacionais restritivas e complexas, capacidades administrativas limitadas, unha transposición imperfecta das normas da UE e unha aplicación inadecuada das mesmas.

Para facer fronte a estes obstáculos, a Comisión adopta hoxe un plan de acción para mellorar a aplicación e o cumprimento das normas do mercado único, cuxo obxectivo é abordar os obstáculos que se derivan das infraccións do Dereito da UE. O plan de acción baséase nunha asociación renovada entre os Estados membros e a Comisión na súa responsabilidade compartida para garantir que as normas do mercado único se aplican e se cumpren correctamente. Neste contexto, o plan de acción pon en marcha un grupo de traballo conxunto da Comisión e os Estados miembrospara reforzar a cooperación no que respecta ao cumprimento das normas do mercado único. Pola súa banda, a Comisión apoiará ás autoridades nacionais e locais nos seus esforzos por aplicar correctamente a lexislación europea e non dubidará en adoptar medidas firmes contra as infraccións das normas do mercado único.

 CONTEXTO

A industria desempeña un papel fundamental á hora de apoiar o crecemento económico e a prosperidade de Europa. A industria europea é líder mundial en moitos sectores, que representan o 20 % do valor engadido total da UE e proporcionan emprego a 35 millóns de persoas na UE.

En marzo de 2019, o Consello Europeo instou a adoptar unha estratexia para unha política industrial da UE global e a longo prazo, xunto cun enfoque integrado para profundar e reforzar o mercado único. A necesidade dunha nova vía industrial para Europa reflíctese nas orientacións políticas da presidenta von der Leyen, nas prioridades establecidas polo Parlamento Europeo e na Axenda Estratéxica 2019-2024 do Consello Europeo, no Pacto Verde Europeo e na Estratexia da Comisión «Configurar o futuro dixital de Europa». 

LIGAZÓNS

MEMO/ P&R

FICHA INFORMATIVA: Unha nova estratexia industrial para unha Europa ecolóxica, dixital e competitiva a escala mundial

FICHA INFORMATIVA: Liberar todo o potencial das pemes europeas

FICHA INFORMATIVA: Un mercado único que responde ás expectativas das empresas e os consumidores

Unha nova estratexia industrial para Europa

A estratexia das pemes para unha Europa ecolóxica e dixital 

Identificar e abordar os obstáculos ao mercado único

Plan de acción para mellorar a aplicación e o cumprimento das normas do mercado único

Fonte: Comisión Europea


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante