Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

27/01/2021

A Comisión Europea abre unha consulta pública sobre o impacto do envellecemento da poboación europea

5249F_1611766722_james-hose-jr-6D58t6uZT5M-unsplash.jpg
O 27 de xaneiro a Comisión presentou o seu Libro Verde co fin de iniciar un debate para abordar os retos e oportunidades do envellecemento da sociedade europea
A consulta pública está aberta ata o 21 de abril aos cidadáns e organizacións interesados de todos os Estados membros, incluídos os niveis rexional e local

Bruxelas, 27 de xaneiro de 2021. A Comisión Europea vén de presentar un Libro Verde para iniciar un amplo debate político sobre os retos e as oportunidades do envellecemento da sociedade europea. Expón o impacto desta marcada tendencia demográfica na nosa economía e sociedade e convida os cidadáns a expresar os seus puntos de vista sobre como responder a ela nunha consulta pública, que terá unha duración de 12 semanas.

O Libro Verde enmarca o debate sobre o envellecemento describindo a rapidez e a magnitude dos cambios demográficos na nosa sociedade, así como a incidencia deste fenómeno nas nosas políticas e as preguntas que debemos expornos para facerlle fronte, o que abarca desde a promoción de estilos de vida saudables e a aprendizaxe permanente ata o reforzo dos sistemas sanitarios e asistenciais para atender a unha poboación de máis idade. Subliña a necesidade de incorporar a máis persoas á poboación activa, destaca as oportunidades de creación de emprego e examina o impacto do envellecemento nas nosas carreiras profesionais, o benestar, as pensións, a protección social e a produtividade.

O Libro Verde adopta un enfoque baseado no ciclo de vida, que reflicte o impacto universal do envellecemento en todas as xeracións e etapas da vida. Deste xeito, destaca a importancia de atopar o equilibrio adecuado entre as solucións sostibles para os nosos sistemas de protección social e o reforzo da solidariedade interxeracional. 

Na actualidade, o 20% da poboación ten máis de 65 anos, e prevese que en 2070 a proporción nesta franxa de idade alcance o 30%. Así mesmo, espérase que a porcentaxe de persoas maiores de 80 anos creza máis do dobre e alcance o 13% de aquí a 2070. De igual maneira, espérase que aumente o número de persoas que poden necesitar coidados de longa duración, pasando de 19,5 millóns de persoas en 2016 a 23,6 millóns en 2030 e a 30,5 millóns en 2050 (EU-27).

Próximas etapas
A consulta pública está aberta aos cidadáns e organizacións interesados de todos os Estados membros, incluídos os niveis rexional e local. Os resultados da consulta axudarán a identificar o apoio necesario para as persoas, as súas rexións e comunidades. Sobre a base dos resultados, a Comisión estudará posibles respostas políticas para intensificar os esforzos nos Estados membros e as rexións a fin de abordar os problemas relacionados co envellecemento.

Contexto
A actual Comisión deu prioridade á demografía na axenda política da UE. O Informe da Comisión de xuño de 2020 sobre os efectos do cambio demográfico puxo de manifesto que, nos últimos 50 anos, a esperanza de vida ao nacer, tanto dos homes como das mulleres, aumentou uns 10 anos. O Libro Verde sobre o Envellecemento é o primeiro resultado deste informe e inicia un debate sobre as principais cuestións relacionadas co envellecemento en Europa, e irá seguido dunha visión a longo prazo para as zonas rurais que examinará tamén a cuestión do despoboamento.

Para máis información: Comisión Europea
Libro Verde sobre o Envellecemento
Ficha informativa
Consulta pública sobre o cambio demográfico na UE — Libro Verde sobre o Envellecemento


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante