Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

07/12/2006

OS MINISTROS DE EMPREGO E ASUNTOS SOCIAIS DA UE DEBATEN SOBRE A “FLEXIGURIDADE”, O TRABALLO DECENTE E A PORTABILIDADE DAS PENSIÓNS COMPLEMENTARIAS

Os pasado 30 de novembro e 1 de decembro tivo lugar en Bruxelas o Consello de Emprego e Asuntos sociais da UE baixo a Presidencia finlandesa, no que se adoptaron diferentes conclusións referentes ao traballo decente, á igualdade de xénero e á Plataforma de Acción de Pequín. Así mesmo, os ministros debateron sobre a modernización do dereito laboral, o cambio demográfico e a portabilidade das pensións complementarias, e chegaron a un acordo político sobre a renovación do programa comunitario contra a violencia de xénero e infantil: o Daphne III.

MODERNIZACIÓN DO DEREITO LABORAL
O Consello mantivo un primeiro intercambio de puntos de vista sobre o Libro Verde que a Comisión Europea publicou o pasado 22 de novembro, e que ten por obxectivo abrir un debate sobre a revisión do dereito laboral para facer fronte aos desafíos do século XXI: os rápidos progresos tecnolóxicos e a globalización. Os ministros coincidiron en destacar a necesidade dunha maior flexibilidade para o mercado de traballo europeo a prol dunha maior produtividade e emprego. Esta flexibilidade (contratos a tempo parcial, de temporada, subcontratas...) ha de ser combinada cuns requisitos mínimos de seguridade laboral para os traballadores (a chamada “flexiguridade”), polo que as delegacións sinalaron varios aspectos que deberán terse en conta á hora neste debate:
• as especificidades dos mercados laborais nacionais
• a necesidade dun intenso diálogo social
• a preservación do modelo social europeo
• a necesidade de combater o traballo en negro

Varias delegacións reclamaron máis esforzos para impulsar a aprobación da directiva de tempo de traballo, estancada no última reunión de 7 de novembro.

TRABALLO DIGNO PARA TODOS
O Consello respaldou a comunicación da Comisión de 6 de maio²  onde se propuña reforzar as políticas europeas, as accións e os programas para promover o traballo digno dentro e fóra da UE. Segundo estas conclusións, a creación de máis e mellores empregos ten que vir acompañada de benestar social, igualdade de oportunidades e diálogo social, de xeito que a mellora nas condiciones de vida e traballo contribúa a facer fronte aos retos da globalización, o progreso tecnolóxico e o cambio demográfico. O Consello comprométese a promover o traballo digno nos Estados membros e na súa relación con terceiros países, e apoia o traballo da Organización Internacional do Traballo nesta materia, avogando por unha maior colaboración con esta organización.

GLOBALIZACIÓN E CAMBIO DEMOGRÁFICO
O Comité de Emprego (órgano asesor para a aplicación da Estratexia Europea de Emprego) presentou un ditame relativo á mellora da produtividade e á creación de máis e mellores empregos en relación coas persoas situadas á marxe do mercado de traballo. En segundo lugar, houbo un debate público sobre a comunicación da Comisión “O futuro demográfico de Europa: converter o desafío nunha oportunidade”³ , onde interviu o conselleiro de Traballo da Xunta de Galicia, Ricardo Varela (ver nota de 5 de decembro).
Sobre este mesmo tema, o Consello respaldou un ditame sobre este mesmo tema do Comité de Protección social.

PLATAFORMA DE ACCIÓN DE PEQUÍN
O Consello realizou a revisión anual da posta en práctica por parte dos Estados membros e das institucións europeas dos compromisos adquiridos na IV Conferencia Mundial da Muller celebrada en Pekín en 1995. A Presidencia finlandesa presentou, para elo, un estudo dos organismos gobernamentais creados a nivel nacional para promover a igualdade de xénero, no que se analiza os estatus destes organismos, a dotación de persoal especializado e os métodos establecidos para incluír transversalmente as cuestións de xénero na toma de decisións políticas (gender mainstreaming). En xeral, os avances realizados polos Estados son considerables. 

O PAPEL DO HOME NA IGUALDADE DE XÉNERO
Trala conferencia organizada pola Presidencia finlandesa sobre esta cuestión a principios de outubro, o Consello elaborou unhas conclusións que poderían resumirse en que “os homes de todas as idades teñen moito que ofrecer e obter dos avances que se realicen no eido da igualdade de xénero”.

DAPHNE III
O Consello emitiu a súa posición común sobre a decisión que establece o programa Daphne III, quedando agora pendente da posición do Parlamento Europeo para a súa adopción final.
O obxectivo deste programa e previr e combater todas as formas de violencia exercidas no ámbito público e privado sobre os nenos, mozos e mulleres, incluíndo a explotación sexual e o tráfico de seres humanos. Mediante subvencións e concursos públicos, o programa financiará accións que contribúan á sensibilización sobre este tema, á difusión das boas prácticas dos anteriores programas, á protección e respecto das vítimas así como á intervención nos agresores e ao coñecemento e estudo deste fenómeno. 

PROPOSTA DE DIRECTIVA SOBRE A PORTABILIDADE DAS PENSIÓN COMPLEMENTARIAS
Pendentes da opinión do Parlamento Europeo en primeira lectura, o Consello mantivo un debate político sobre unha proposta da Presidencia, no que se debateu sobre a posibilidade de emprender a transferibilidade dos dereitos como primeiro paso para regular esta materia e sobre o período de transición que podería impoñerse para axustarse as novas normas. Esta proposta de directiva pretende reforzar a mobilidade dos traballadores na UE, asegurando o recoñecemento dos dereitos outorgados por sistemas complementarios de pensión entre os diferentes Estados membros. A Presidencia alemana comprometeuse a buscar un consenso nesta materia o próximo semestre.

COORDINACIÓN DOS SISTEMAS DE SEGURIDADE SOCIAL
Pendentes da opinión do Parlamento Europeo en primeira lectura, o Consello aprobou as normas relativas ás prestacións de invalidez, pensións de vellez e supervivencia que modificarán e anexarán, respectivamente, o Regulamento 883/2004. Este Regulamento é o primeiro paso no proceso de modernización e simplificación da normativa europea en materia de coordinación dos sistemas nacionais de seguridade social, o cal pretende facilitar a mobilidade dos cidadáns europeos no territorio da UE garantindo o seu dereito ás prestacións sociais en materia de saúde, desemprego, xubilación, etc.
 
__________________________________________
²  COM (2006) 249
³ (COM 2006 571)


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante