Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

02/12/2019

O Comité Europeo das Rexións considera necesaria unha maior cohesión para atallar a fuga de talento en Europa

O membro rumano do CdR responsable do ditame sobre a fuga de cerebros, Emil Boc. Fonte: © European Union 2019. Fotógrafo: Nuno Rodrigues.jpg
  • Nun ditame elaborado polo membro romanés Emil Boc, o órgano europeo defende que as políticas europeas e nacionais deben apoiar máis aos entes locais e rexionais da UE para reter e recuperar ás persoas con talento. 
Bruxelas, 2 de decembro de 2019. A denominada "fuga de cerebros" e os efectos negativos do cambio demográfico foron preocupacións clave para a Comisión SEDEC do Comité Europeo das Rexións (CdR) durante o actual mandato, que está a piques de finalizar. Na súa última reunión do pasado 27 de novembro, os membros da Comisión SEDEC aprobaron un ditame elaborado polo político romanés Emil Boc, alcalde de  Cluj-Napoca, no que insta a abordar este problema da fuga de cerebros en coordinación con todos os niveis de goberno. Pola contra, «o fenómeno terá efectos duradeiros no futuro da Unión Europea», advirte o relator no seu proxecto de ditame.

O relator Emil Boc, quen fose primeiro ministro de Romanía entre os anos 2008 e 2012, sinalou na súa presentación que preto de 3 millóns de romaneses viven actualmente noutro Estado membro. O certo é que a emigración afecta especialmente aos traballadores altamente cualificados, dos cales máis dun de cada catro abandonaron o país (27% en 2017).

Dado que a fuga de cerebros está directamente desencadeada polos desequilibrios sociais e económicos existentes entre as rexións da UE, o ditame de Emil Boc avoga por unha asociación sólida entre a política de cohesión da UE, que pretende abordar estes desequilibrios e promover un desenvolvemento máis uniforme en toda a UE, así como medidas previstas para facer fronte a esta migración de talento. Estas inclúen o investimento en educación, emprego, innovación e inclusión social nas rexións da UE.

«Ninguén debería ser obrigado a abandonar o seu país, rexión, cidade ou pobo debido á pobreza ou outros motivos económicos», afirmou o relator romanés, subliñando que a solución pasa por mellorar a calidade de vida dos cidadáns mediante oportunidades de emprego e salarios máis elevados, maior riqueza per cápita, crecemento económico, seguridade social, máis fácil acceso ao mercado de traballo, taxas de emprego máis elevadas, vivendas alcanzables e dispoñibles, un sistema educativo de calidade, mellores infraestruturas e asistencia sanitaria.

O ditame do señor Boc aprobarase no pleno do CdR previsto en febreiro. No texto destácase que as políticas europeas e nacionais deben apoiar aos entes locais e rexionais, que son os mellor situados para avaliar as necesidades locais, os activos e as políticas que poden aumentar o atractivo das rexións de envío, e axudalas así a reter e recuperar ás persoas con talento. As cidades e rexións europeas deben establecer alianzas locais con todas as partes interesadas, incluídas as empresas, as universidades e as ONG, para elaborar e aplicar políticas locais que axuden a mitigar a fuga de cerebros. A Comisión  SEDEC publicou o ano pasado un estudo que presenta as mellores prácticas de toda a UE para facer fronte ao problema.

En moitas rexións, esta fuga de talento novo forma parte dunha cuestión máis ampla e complexa do cambio demográfico. A Comisión SEDEC está a elaborar un ditame sobre a medición e o tratamento dos efectos negativos do cambio demográfico nas rexións da UE. 

O Comité Europeo das Rexións tamén destacou o papel da conectividade dixital na construción dunha economía competitiva e baseada no coñecemento, que é clave para aumentar o atractivo dunha rexión e reter ás persoas. A Comisión SEDEC organizou unha conferencia sobre as políticas dixitais da UE o pasado xoves 28 de novembro con membros da Plataforma de Banda Ancha, que é un esforzo conxunto do CdR e a Comisión Europea para impulsar a conectividade de banda ancha en toda a UE, especialmente nas zonas rurais e remotas. Os oradores destacaron a necesidade de pechar a brecha de investimento, que se estima en 254 millóns de euros, para alcanzar os obxectivos da UE para 2025 en materia de conectividade en todos os Estados membros da Unión.

Contexto
A Comisión SEDEC é a Comisión de Política Social, Emprego, Educación, Investigación e Cultura do Comité Europeo das Rexións. Na actualidade está presidida por Tanya Hristova, alcaldesa da cidade búlgara de Gabrovo.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante