Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

24/07/2017

Evolución social e do emprego en Europa: o estudo de 2017 mostra tendencias positivas, pero aumenta a brecha interxeracional

A comisaria Thyssen durante a presentación pública do informe. © Unión Europea
  • A edición deste ano confirma as tendencias positivas no mercado de traballo e no ámbito social, así como un crecemento económico constante
  • Desde 2013, creáronse dez millóns de postos de traballo na UE
  • O estudo ESDE de 2017 céntrase na equidade interxeracional: temos que asegurarnos de que todas as xeracións poidan beneficiarse da actual evolución económica favorable

Bruxelas, 24 de xullo de 2017. A Comisión Europea publicou a edición de 2017 do seu estudo anual sobre a evolución social e do emprego en Europa (ESDE). A edición deste ano confirma as tendencias positivas no mercado de traballo e no ámbito social, así como un crecemento económico constante. Con máis de 234 millóns de persoas que teñen un posto de traballo, o emprego na UE nunca foi tan elevado como na actualidade, e a taxa de desemprego é a máis baixa desde decembro de 2008. Desde 2013, creáronse dez millóns de postos de traballo na UE. Con todo, máis aló do progreso social e económico xeneral, os datos revelan que as xeracións máis novas soportan unha carga particularmente elevada: adoitan ter máis dificultades para atopar traballo, están máis expostos a formas de emprego atípicas e precaria, incluídos os contratos temporais, o que pode dar lugar a unha menor cobertura de protección social. Tamén é probable que reciban pensións máis baixas, respecto dos salarios. Por iso o estudo ESDE de 2017 céntrase na equidade interxeracional: temos que asegurarnos de que todas as xeracións poidan beneficiarse da actual evolución económica favorable.

Marianne Thyssen, comisaria de Emprego, Asuntos Sociais, Capacidades e Mobilidade Laboral, manifestou: «O presente estudo anual pon de manifesto unha vez máis que encamiñámonos con determinación cara a un maior crecemento e emprego. Con todo, é posible que os mozos de hoxe e os seus fillos acaben tendo unha situación peor que a dos seus pais. Isto non é o que queremos. É necesario actuar con rapidez. Co alicerce europeo de dereitos sociais queremos preservar e mellorar a nosa normativa social e as nosas condicións de vida para as xeracións futuras».

O informe mostra que, a pesar dunha mellora constante do nivel de vida na UE, os mozos non se benefician desta evolución positiva tanto como as xeracións de máis idade. Ademais, ao longo do tempo a participación dos grupos de idade máis novas na renda do traballo diminuíu. Estes retos afectan as decisións das parellas novas, mesmo no que respecta ao feito de ter fillos e de comprar unha casa. Á súa vez, isto pode ter consecuencias negativas sobre as taxas de fertilidade e, en consecuencia, sobre a sustentabilidade dos sistemas de pensións e o crecemento.

Prevese que a poboación en idade de traballar diminúa un 0,3 % cada ano ata 2060. Isto significa que unha man de obra menos numerosa terá que manter o actual camiño cara ao crecemento. Tamén significa que, ao mesmo tempo, un número menor de contribuíntes cotizará aos sistemas de pensións “en moitos casos con cotizacións inferiores ou irregulares, xa que non corresponderán a un traballo a tempo completo nin/ou a un traballo clásico”, mentres que máis pensionistas dependerán deles. Por conseguinte, parece que os traballadores novos de hoxe e as xeracións futuras enfróntanse a unha dobre carga resultante do cambio demográfico e da necesidade de garantir a sustentabilidade dos sistemas de pensións.

 

Seguintes pasos

Os responsables políticos poden anticipar eses cambios e mitigalos de varias formas. En primeiro lugar, temos que aproveitar plenamente o noso potencial humano no mercado laboral, activando e dotando a todos os grupos xeracionais das capacidades adecuadas e velando por que haxa un equilibrio entre a duración da súa vida laboral e as súas expectativas de vida. Os esforzos políticos dirixidos a un incremento da fertilidade e a unha xestión eficaz das migracións tamén poden axudar, así como o apoio á innovación e unha maior eficacia nos gastos de investimento destinados ás competencias e a formación dos mozos e das persoas de máis idade.

Por último, os interlocutores sociais poden contribuír significativamente a salvar a brecha entre os máis novos e os traballadores de máis idade a fin de promover un mercado laboral máis xusto para ambos. Isto inclúe promover a aprendizaxe permanente, conceder prestacións de protección social e participar no deseño e a execución da lexislación sobre protección do emprego e das políticas activas do mercado laboral.

 

Antecedentes

No estudo anual sobre a evolución do emprego e da situación social infórmase sobre as últimas tendencias en materia social e de emprego, e expóñense os retos futuros e as posibles respostas políticas. É o principal informe da Comisión Europea que facilita datos e análises e examina as tendencias actuais e futuras do mercado laboral.

Nos informes anuais ESDE hai moitos exemplos concretos de como a Comisión tenta responder os retos expostos. Por exemplo, o alicerce europeo de dereitos sociais serve para orientar cara a uns mercados laborais xustos e que funcionen correctamente. Está dirixido a garantir que os nosos modelos sociais sexan aptos para o século XXI, especialmente no contexto do envellecemento da sociedade e a dixitalización. As iniciativas complementarias, como as consultas dos interlocutores sociais sobre a modernización dos contratos laborais e o acceso á protección social, teñen como finalidade clarificar as condicións de traballo e a protección social tamén para as modalidades de emprego atípicas.

Investir nas persoas e capacitalas para que aproveiten as oportunidades de emprego de calidade é exactamente o obxectivo da «Nova Axenda de Capacidades para Europa». Ten por obxecto apoiar o desenvolvemento das competencias dos cidadáns e preparalos para os cambios no mundo laboral.

Por último, os esforzos despregados pola Comisión para reducir o desemprego en xeral, e o desemprego xuvenil en particular, están a dar os seus froitos. Desde o punto álxido da crise en 2013, na UE hai 1,8 millóns menos de mozos desempregados e 1 millón menos de mozos que non teñen traballo, nin educación nin formación (os denominados ninis). Coa prórroga da Garantía Xuvenil, a garantía financeira complementaria da Iniciativa de Emprego Xuvenil e a iniciativa recentemente presentada Investir na Mocidade Europea, a Comisión pretende maximizar as posibilidades dos mozos no mercado laboral.

Fonte: Comisión Europea


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante