Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

27/04/2017

A Comisión presenta o Alicerce Europeo de Dereitos Sociais

Banner do Alicerce Social no edificio Berlaymont da Comisión Europea. © Unión Europea
  • Construír unha Europa máis xusta e reforzar a súa dimensión social é unha prioridade da UE
  • O alicerce fixa unha ruta cara a unhas mellores condicións de vida e de traballo en Europa

Bruxelas, 27 de abril de 2017. A Comisión cumpriu onte a súa promesa de adoptar a súa proposta achega do Alicerce Europeo de Dereitos Sociais. O alicerce establece vinte principios e dereitos esenciais destinados a fomentar mercados de traballo e sistemas de protección social equitativos e que funcionen correctamente. O alicerce está concibido como un compás que debe indicar a ruta cara a un proceso renovado de converxencia á alza para conseguir mellores condicións de vida e de traballo en Europa. Está pensado ante todo para a zona do euro, aínda que é aplicable a todos os Estados membros da UE que desexen formar parte del.

Jean-Claude Juncker, presidente da Comisión Europea, declarou: «Como Presidente da Comisión, tratei de que as prioridades sociais ocupen un lugar central entre as accións de Europa, que é o que lles corresponde. Co Alicerce Europeo de Dereitos Sociais e o primeiro paquete de iniciativas que o acompañan, cumprimos as nosas promesas e abrimos un novo capítulo. E este capítulo queremos escribilo xuntos: todos, os Estados membros, as institucións da UE, os interlocutores sociais e a sociedade civil, temos que asumir as nosas responsabilidades. Gustaríame que o alicerce contase co respaldo ao máis alto nivel político antes de que conclúa o ano.»

O alicerce foi preparado pola Comisión, baixo a dirección do vicepresidente Dombrovskis e da comisaria Thyssen, en estreito contacto coas partes interesadas a todos os niveis. O alicerce reafirma dereitos que xa están presentes no acervo da UE e no internacional, e compleméntaos para ter en conta as novas realidades. Os principios e dereitos consagrados no alicerce están estruturados ao redor de tres categorías: igualdade de oportunidades e acceso ao mercado de traballo, condicións equitativas de traballo e protección e inclusión sociais. Fan fincapé en como abordar a evolución do mundo do traballo e da sociedade para cumprir a promesa dos Tratados dunha economía social de mercado altamente competitiva, tendente ao pleno emprego e ao progreso social.

Cumprir os principios e os dereitos definidos no Alicerce Europeo de Dereitos Sociais é unha responsabilidade conxunta dos Estados membros, as institucións da UE, os interlocutores sociais e outras partes interesadas. As institucións europeas axudarán a fixar o marco da cuestión e a encabezar o camiño cara á aplicación do alicerce, dentro do pleno respecto das competencias dos Estados membros e das tradicións do diálogo social. Determinados principios e dereitos incluídos no alicerce necesitarán outras iniciativas lexislativas para aplicarse de forma efectiva. Cando sexa necesario, adaptarase o Dereito da UE vixente, completarase e aplicarase mellor.

A Comisión Europea engade hoxe ao alicerce europeo unha serie de novas iniciativas concretas, de índole lexislativa e non lexislativa; por exemplo, sobre a conciliación da vida familiar e a vida profesional dos proxenitores e os coidadores, sobre a información dos traballadores e sobre o acceso á protección social e o tempo de traballo. Estas iniciativas reflicten tanto as características das cuestións sobre as que trata o alicerce como a forma en que poden aplicarse os seus principios e dereitos.

Tamén se estableceu un cadro de indicadores sociais para facer o seguimento das tendencias e os resultados nos países da UE en doce ámbitos, así como para avaliar o progreso cara a unha «tripla A» social para a UE no seu conxunto. Esta análise terase en conta no Semestre Europeo de coordinación da política económica.

O cumprimento dos principios e os dereitos do alicerce é un proceso dinámico. O alicerce inspirará o traballo feito no contexto do Semestre Europeo e sobre a realización da Unión Económica e Monetaria, en consonancia co informe dos cinco presidentes. En particular, o alicerce debe servir para relanzar o proceso de converxencia dentro da UEM, e algúns dos principios e dereitos poderían servir de orientación para conseguir unhas normas máis vinculantes para a zona do euro. Poderían seguir outras iniciativas lexislativas ou non lexislativas no futuro como parte dos programas de traballo anuais da Comisión. Os fondos europeos, e en particular o Fondo Social Europeo, brindarán apoio financeiro para aplicar algúns aspectos crave do alicerce.

 

Próximos pasos

O alicerce preséntase hoxe en dous formatos xurídicos con idéntico contido: como unha Recomendación da Comisión, aplicable desde hoxe, e como unha proposta de proclamación conxunta do Parlamento, o Consello e a Comisión. A partir de aí, a Comisión debaterá co Parlamento Europeo e o Consello para ampliar o apoio político e conseguir o respaldo do alicerce ao máis alto nivel.

 

Antecedentes

A UE conta cos sistemas de protección social máis avanzados do mundo e dispón dunha ampla gama de boas prácticas e de innovacións sociais, pero ten que facer fronte a cambios sociais sen precedentes e adaptarse a estes. Aínda que as condicións económicas e sociais en toda Europa melloraron e o emprego nunca foi tan elevado, as repercusións da crise do último decenio seguen sentíndose con intensidade, desde o desemprego xuvenil e de longa duración ata os riscos de pobreza en moitas partes de Europa. Ao mesmo tempo, o mundo do traballo e as nosas sociedades están a cambiar rapidamente, con novas oportunidades e novos desafíos derivados da globalización, a revolución dixital, os modelos de traballo cambiantes e as evolucións demográficas. Todos os niveis de autoridades públicas, interlocutores sociais e sociedade civil compartimos a responsabilidade e o interese por traballar para conseguir unha Europa máis próspera e preparada para o futuro, na que as evolucións económicas e sociais vaian á vez.

A Comisión Juncker fixo da Europa social una das súas prioridades desde o comezo da súa andaina, como se reflectiu nas súas orientacións políticas de xullo de 2014. En setembro de 2015, con motivo do seu primeiro discurso sobre o Estado da Unión, o Presidente Juncker declarou: «Temos que redobrar os esforzos encamiñados a conseguir un mercado laboral xusto e verdadeiramente paneuropeo. [...] No marco destes esforzos, teño a intención de desenvolver un Alicerce Europeo de Dereitos Sociais que teña en conta as cambiantes realidades das sociedades europeas e o mundo do traballo.»

Desde este anuncio, a Comisión mobilizouse ante os Estados membros, as institucións da UE, os interlocutores sociais, a sociedade civil e os cidadáns sobre o contido e a función do alicerce. En marzo de 2016, a Comisión presentou un primeiro esbozo do alicerce europeo de dereitos sociais e puxo en marcha unha ampla consulta pública para recoller comentarios, que concluíu en xaneiro de 2017 cunha conferencia de alto nivel.

Sobre a base das achegas recibidas durante a consulta, a Comisión presenta agora a súa proposta de Alicerce Europeo de Dereitos Sociais, que aspira a que os cidadáns obteñan novos dereitos que sexan máis eficaces. O alicerce inspírase directamente na rica variedade das prácticas en toda Europa e baséase no sólido acervo legal que existe na UE e a escala internacional.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante