Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

22/07/2016

A Comisión debate as preocupacións dos parlamentos nacionais sobre o desprazamento de traballadores

3808F_1469196766_Untitled.jpg

  • A Comisión alega que a súa proposta sobre o desprazamento de traballadores non vulnera o principio de subsidiariedade
  • A revisión da Directiva que prepara a UE establece que os traballadores desprazados se teñen que beneficiar das mesmas disposicións sobre condicións salariais e laborais que os traballadores locais.

Bruxelas, 22 de xullo de 2016. O Colexio de Comisarios adoptou o pasado 20 de xullo unha Comunicación sobre o reexamen da súa proposta de revisión da Directiva sobre o desprazamento de traballadores, despois de que varios parlamentos nacionais activasen en maio o mecanismo de control da subsidiariedade, coñecido como "tarxeta amarela". Tras analizar detidamente os seus puntos de vista, a Comisión chegou á conclusión de que a proposta de revisión da Directiva non vulnera o principio de subsidiariedad.

Marianne Thyssen, comisaria de Emprego, Asuntos Sociais, Capacidades e Mobilidade Laboral, declarou: "O desprazamento de traballadores é unha cuestión transfronteiriza por natureza. A Comisión Juncker mantén o seu firme compromiso coa libre circulación das persoas baseada en disposicións que resulten claras e xustas para todos e que se fagan respectar na práctica".

A reforma da Directiva sobre o desprazamento de traballadores traduce o claro compromiso desta Comisión, inscrito nas súas orientacións políticas, de promover un mercado interior máis profundo e xusto. A revisión introduce cambios en tres ámbitos principais: a remuneración dos traballadores desprazados, as disposicións sobre os traballadores cedidos por empresas de traballo temporal e o desprazamento de longa duración. A proposta establece que, por regra xeral, os traballadores desprazados se teñe que beneficiar das mesmas disposicións sobre condicións salariais e laborais que os traballadores locais.

A Comisión analizou atentamente as preocupacións sobre subsidiariedade formuladas polos parlamentos nacionais e mantivo con eles un debate político sobre todas as cuestións expostas antes de sacar as súas conclusións. A finalidade do exame das alegacións formuladas era determinar se o obxectivo da proposta de modificación da Directiva podíase alcanzar mellor a nivel da Unión. A Comisión reafirma agora que é adecuado definir a nivel da UE as disposicións aplicables ao desprazamento de traballadores, como se fixo desde 1996. A finalidade da proposta é garantir que os traballadores que exercen a súa actividade nun mesmo lugar estean protexidos polas mesmas disposicións vinculantes, con independencia de que sexan traballadores locais ou desprazados. A obrigación de que todos os Estados membros apliquen as disposicións en todos os sectores da economía non pode establecerse a nivel nacional, senón que debe establecerse a nivel da Unión. Ademais, a proposta respecta plena e explicitamente a competencia dos Estados membros de fixar os salarios de conformidade coas prácticas nacionais.

A Comisión envía tamén respostas individuais aos parlamentos nacionais nas que trata as súas observacións e preocupacións específicas que non están estritamente relacionadas coa subsidiariedade, argumentacións que se publicarán nos próximos días. Tendo en conta da importancia política deste asunto, a Comisión manterá un diálogo político cos parlamentos nos próximos meses, ao longo do proceso lexislativo. A decisión adoptada debe preparar o terreo para seguir avanzando neste asunto no Consello e no Parlamento Europeo.

Contexto

O 8 de marzo de 2016, a Comisión presentou unha proposta para a revisión específica da Directiva sobre o desprazamento de traballadores, na que se define un conxunto de disposicións vinculantes sobre os termos e as condicións de emprego aplicables aos traballadores desprazados. Nela establécese que a igualdade de trato respecto dos traballadores locais se aplique tamén aos traballadores desprazados cedidos por empresas de traballo temporal, de modo que se harmoniza coa actual lexislación sobre o traballo a través de empresas de traballo temporal.

En cada Estado membro, debido aos sistemas bicamerales dalgúns países, o parlamento dispón de dous votos no marco do mecanismo de control da subsidiariedade. Catorce cámaras de parlamentos nacionais de once Estados membros (Bulgaria, Chequia, Dinamarca, Estonia, Croacia, Letonia, Lituania, Hungría, Polonia, Romanía e Eslovaquia) enviaron ditames motivados segundo os cales esta proposta vulnera o principio de subsidiariedade, o que activou o mecanismo de control da subsidiariedad (o denominado "procedemento de tarxeta amarela"). Por outra banda, os parlamentos nacionais de cinco Estados membros (España, Francia, Italia, Portugal e o Reino Unido) presentaron ditames nos que se concluía que a proposta da Comisión si era compatible co principio de subsidiariedade. De acordo co mecanismo de control, a Comisión reexaminou a súa proposta para decidir se a retiraba, a modificaba ou a mantiña. Antes de adoptar a súa decisión, a Comisión estableceu un diálogo político cos parlamentos nacionais, no marco de reunións do vicepresidente primeiro Timmermans e a comisaria Thyssen coa Conferencia dos Órganos Especializados en Asuntos Europeos (COSAC).

O mecanismo de control da subsidiariedade aplícase nos ámbitos que non son competencia exclusiva da Unión. Os parlamentos dispoñen de oito semanas para emitir un "ditame motivado" se consideran que un proxecto de acto lexislativo non respecta o principio. O limiar de activación do "procedemento de tarxeta amarela" está fixado nun terzo dos votos atribuídos aos parlamentos nacionais.

Fonte: Comisión Europea


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante