Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

29/06/2016

A Comisión Europea publica unha Nova Axenda de Capacidades para mellorar as competencias profesionais e a súa adecuación ao mercado laboral

3775F_1467219731_Untitled.jpg

  • Uns 70 millóns de europeos non teñen a suficiente capacidade de lectura e escritura, e son aínda máis os que teñen poucas capacidades de aritmética e informática
  • Impulsaranse a educación e a formación profesionais para facer delas unha primeira opción e fomentar que estes estudantes teñan oportunidades de adquirir experiencia laboral

Bruxelas, 29 de xuño de 2016. A Comisión Europea publicou a principios de xuño unha nova Axenda de Capacidades para Europa na que se contemplan dez accións a nivel europeo para mellorar a calidade das competencias profesionais e a súa adecuación ao mercado de traballo. A Axenda das Capacidades para Europa anunciouse no programa de traballo da Comisión para 2016 e aspira a contribuír a unha maior converxencia social e á primeira prioridade política da Comisión Europea, a de dar un novo impulso para o emprego, o crecemento e o investimento, abordando tres graves dificultades das economías de hoxe: a falta de capacidades adaptadas ás necesidades do mercado laboral, a insuficiente transparencia das capacidades e as cualificaciones, e a dificultade de prever e prognosticar as necesidades.

A pesar de ser competencia dos Estados membros, a Unión Europea trata con esta iniciativa de mobilizar aos países e a todas as partes interesadas, incluídos os entes subestatais, para que as persoas adquiran dende unha idade tempérá unhas capacidades amplas e para que se aproveite ao máximo o capital humano co obxectivo de impulsar a empregabilidade, a competitividade e o crecemento en Europa.

Valdis Dombrovskis, vicepresidente do Euro e o Diálogo Social, manifestou: ”Hai actualmente na UE millóns de desempregados, polo que temos que facer todo o posible para dotalos das capacidades adecuadas para un mercado laboral cambiante. O plan de acción de dez puntos que hoxe se presenta indica os ámbitos nos que a UE pode facer que cambien as cousas: dende un mellor recoñecemento das cualificaciones entre os Estados membros, ata unha garantía de capacidades destinada a que os adultos pouco capacitados alcancen un nivel mínimo en lectura, escritura, aritmética e informática”.

Hai estudos que indican que 70 millóns de europeos non teñen a suficiente capacidade de lectura e escritura, e son aínda máis os que teñen poucas capacidades de aritmética e informática. Corren así o risco de sufrir desemprego, pobreza e marxinación. Por outra banda, moitos europeos, en particular mozos moi cualificados, ocupan empregos que non corresponden ao seu talento e aspiracións. Ao mesmo tempo, o 40 % dos empresarios europeos sinalan que non conseguen atopar persoas coas capacidades adecuadas para crecer e innovar. Por último, moi poucas persoas teñen o espírito empresarial e as competencias para crear a súa propia empresa e seguir adaptándose ás cambiantes necesidades do mercado laboral.

Para facer fronte aos retos en materia de capacidades, a Comisión poñerá en marcha nos dous próximos anos dez accións que pretenden facer máis visibles as capacidades e mellorar o seu recoñecemento a escala local, nacional e da UE, dende os centros escolares e universitarios ata o mercado laboral. Entre as medidas están unha garantía de capacidades, destinada a que os adultos pouco capacitados alcancen un nivel mínimo en lectura, escritura, aritmética e informática e consigan acabar a segunda etapa da educación secundaria. Ademais, realizarase unha revisión do Marco Europeo de Cualificacións que permita unha mellor comprensión das cualificacións e un mellor uso de todas as capacidades dispoñibles no mercado laboral europeo.

Capacidades dixitais adecuadas

Por outra banda, a ”Coalición en favor das capacidades dixitais e o emprego” entre os Estados membros e os interesados dos ámbitos da educación, o emprego e a industria, aspira a establecer unha ampla reserva de talentos dixitais para que todos en Europa, tamén a poboación activa, teñan unhas capacidades dixitais adecuadas, e o ”Plan de cooperación sectorial sobre capacidades” busca mellorar a información estratéxica sobre capacidades e abordar as carencias en sectores económicos específicos.

Outras accións que botarán a andar ao longo deste ano e en 2017 son as ”ferramentas para establecer o perfil de capacitación de nacionais de terceiros países” para a detección e elaboración de perfís das capacidades e cualificacións dos solicitantes de asilo, refuxiados e demais inmigrantes. Realizarase unha revisión do marco Europass, para que sexa máis fácil presentar as capacidades propias e obter información útil e en tempo real sobre as necesidades de capacidades e as tendencias, que poida axudar a tomar opcións profesionais e de estudos. Impulsaranse tamén a educación e a formación profesionais (EFP) para facer delas unha primeira opción, fomentando que os estudantes de EFP teñan oportunidades de adquirir experiencia laboral e dando máis visibilidade ás saídas que ofrece esta modalidade.

Promover o espírito emprendedor

A Comisión Europea prevé tamén unha revisión da Recomendación sobre as competencias clave para axudar a que máis persoas adquiran o conxunto básico das capacidades necesarias para traballar e vivir no século XXI, prestando unha atención especial a promover o espírito emprendedor e as capacidades de innovación, unha iniciativa de seguimento dos titulados para mellorar a información sobre o desempeño dos titulados no mercado laboral e unha nova proposta para seguir analizando e intercambiando prácticas óptimas sobre formas eficaces para facer fronte á fuga de cerebros.

Fonte: Comisión Europea


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante