Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

06/06/2016

O Foro de Rexións Españolas con Desafíos Demográficos (FREDD) demanda unha estratexia de Estado común neste ámbito

3750F_1465302796_image_gallery__2_.jpg

  • FREDD insiste en demandar que as variables sociodemográficas teñan maior peso tanto no sistema de financiamento autonómico como no reparto dos fondos europeos
  • Na reunión acordouse manter un encontro coa Comisión e o Parlamento europeos, así como o impulso dun lobby, apoiado na Rede de Rexións con Desafíos Demográficos (DCRN)
  • O Goberno galego considera o reto demográfico unha cuestión prioritaria e transversal, tal e como se pon de manifesto no Plan estratéxico rexional de Galicia 2015-2020 e no Programa de apoio á natalidade (PAN)

Santiago, 6 de xuño de 2016. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, participou esta mañá no Foro de Rexións Españolas con Desafíos Demográficos (FREDD), que celebrou na capital galega a súa quinta reunión interterritorial. O FREDD constituíuse en outubro de 2013 a iniciativa dos gobernos de Galicia, Asturias, Castilla y León e Aragón, aos que se sumarían catro meses despois os de Castilla- La Mancha e Extremadura. Finalmente, en febreiro de 2016 incorporáronse os executivos de Cantabria e La Rioja, de forma que xa son oito as comunidades autónomas participantes.

No encontro de hoxe en Santiago, os membros deste foro acordaron continuar coas actuacións do mesmo en dous niveis: nacional e europeo. Así, e no que atinxe ao ámbito nacional, as autonomías participantes aprobaron por unanimidade a presentación do FREDD ao novo goberno, insistindo na necesidade dunha Estratexia Española polo Cambio Demográfico que outorgue maior peso ás variables sociodemográficas no sistema de financiamento autonómico.

Un segundo acordo adoptado esta mañá fai mención á proposta de políticas sectoriais prioritarias para a incorporación da perspectiva demográfica; entre outras, as relacionadas coa dependencia; apoio ás familias, conciliación, racionalización de horarios; oportunidades laborais para a mocidade e estratexias para a retención do talento; sustentabilidade do sistema de pensións; aproveitamento das oportunidades do rural para o desenvolvemento de proxectos de emprendemento e autoemprego; a reivindicación do sector primario e o aproveitamento das súas potencialidades; a dixitalización do entorno rural; e a potenciación dos servizos de saúde de proximidade. Así mesmo, o foro aprobou a creación dun grupo de traballo e a súa coordinación coas Comunidades Autónomas para abordar estes temas.

En canto a actuacións do FREDD no marco europeo, acordouse manter un encontro coa Comisión e o Parlamento europeos, así como o impulso dun lobby, apoiado na Rede de Rexións con Desafíos Demográficos.

Galicia

Na xornada, que se desenvolveu no Hotel Monumento San Francisco, o conselleiro de Política Social da Xunta de Galicia, José Manuel Rey Varela detallou as actuacións que se están a desenvolver no marco autonómico encamiñadas a modificar a dinámica de declive demográfico, que na actualidade se recollen no Plan Estratéxico Rexional de Galicia 2015-2020 (PEG). Entre os obxectivos principais deste plan transversal a todos os eixos de actuación do Goberno galego están o de aproximar de forma progresiva a taxa de fillos/as por muller á media da Unión Europea –que se sitúa en 1,59- e incrementar a taxa bruta de natalidade.

Ao respecto, Rey Varela sinalou que esta prioridade de afrontar o reto demográfico cristalizou xa na posta en marcha do Programa de apoio á natalidade (PAN), “unha proposta global que persegue dar resposta ás necesidades das nais e dos pais galegos, garantir o benestar das familias e apoialas de xeito integral e continuo”, explicou.

O PAN ten tres eixos fundamentais de intervención: axudas, servizos e conciliación e forman parte del un amplo paquete de medidas como a tarxeta benvida, a dedución fiscal por nacemento ou adopción, a dedución fiscal por coidado de fillos e/ou fillas ata tres anos, a prestación de pagamento único por fillos e fillas menores de 3 anos, a exención de pago nas escolas infantís para o segundo fillo ou filla, o incremento de prazas na rede pública de escolas infantís, as Casas niño, o Bono coidado, o Bono concilia, a apertura de escolas infantís en parques empresariais ou a incorporación da flexibilidade do horario laboral e do teletraballo no ámbito do persoal da función pública galega.

Castilla-La Mancha acollerá o vindeiro encontro

A comunidade de Castilla-La Mancha acollerá no mes de setembro a vindeira xuntanza deste Foro de Rexións Españolas con Desafíos Demográficos, grupo interterritorial que xorde para atender de forma específica os impactos derivados do cambio demográfico.

Algúns dos acordos alcanzados en anteriores convocatorias do FREDD foron: promover a creación dun marco estratéxico conxunto; solicitar ao Goberno máis recursos para políticas de desenvolvemento rural polo seu carácter transversal e implicación directa na vertebración e ordenamento do territorio ou participar no relatorio sobre despoboación creada no Senado, e trasladar tamén este debate ao Congreso.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante