You can subscribe to our e-mail newsletter: EU news, call for proposals, partner search, agenda...
25/05/2006
O goberno francés está a presionar ós dirixentes europeos para que se endurezan os criterios cara a futuras adhesións e que se teña en conta a capacidade de absorción da UE e a preparación das súas institucións para funcionar trala suposta ampliación. Francia tamén pretende que inflúan na decisión final a suficiencia de Europa para financia-las políticas en curso e a opinión dos cidadáns.
Cabe destacar que, tralo rexeitamento do país galo e máis dos Países Baixos á Constitución Europea, a petición do Presidente Chirac de someter futuras ampliacións a referendo no seu país causou certa controversia xa que diminuirían as posibilidades de adhesión dos actuais países candidatos dos Balcáns Occidentais e de Turquía. Así, segundo o último sondaxe do Eurobarómetro, o 55% dos europeos se opoñen ó acceso do país eurasiático e menos da metade apoiaba unha futura ampliación.
Un portavoz do goberno austríaco, que rexenta neste semestre a Presidencia da UE, afirmou que os debates sobre este tema continúan, nos que algúns estados membros argumentan que o Consello debería esperar polo informe sobre capacidade de absorción do Comisario de Ampliación, Olli Renh, antes de facer recomendacións concretas. Sen embargo, os diplomáticos franceses insisten en que agora é o momento de aborda-lo asunto e de que a Comisión e máis o Consello de ministros comecen a defini-lo concepto.
Esta proposta será discutida polos ministros de asuntos exteriores da Unión nunha reunión informal que terá lugar os próximos días 27 e 28 de maio e onde se tratará o futuro de Europa.