Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

10/07/2017

Resultados do G-20 en Hamburgo

Juncker e Tusk coa chanceler alemá, Angela Merkel, no cumio do G-20 celebrado en Hamburgo. © Unión Europea
  • Os dirixentes do G-20 reuníronse en Hamburgo (Alemaña), con representación da UE a través do presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, e o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker
  • O cambio climático e a cooperación na loita contra o terrorismo son os principais temas de preocupación a nivel internacional e, por tanto, convertéronse nos asuntos tratados no cumio
  • Os representantes da Unión Europea subscribiron unha carta pedindo aos xefes de Estado e de Goberno da UE unha maior implicación en prol de lograr unha globalización positiva para todos

Bruxelas, 10 de xullo de 2017. Os dirixentes do G-20 reuníronse en Hamburgo (Alemaña) os días 7 e 8 de xullo. A UE estivo representada no cumio polo presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, e o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker. O tema do cumio deste ano era: «Forxar un mundo interconectado».

Os dirixentes internacionais aprobaron un comunicado que trata os seguintes aspectos:

  • compartir os beneficios da globalización
  • crear resiliencia
  • mellorar a sustentabilidade
  • asumir responsabilidade a escala internacional

 

Tamén adoptaron un plan de acción para reforzar a cooperación na loita contra o terrorismo e facer fronte ao problema dos combatentes terroristas estranxeiros.

En relación coa enerxía e o clima, os dirixentes tomaron nota de que os Estados Unidos retíranse do Acordo de París. Os xefes de Estado e de Goberno dos demais membros do G-20 declararon que o Acordo de París é irreversible e ratificaron o plan de acción de Hamburgo do G-20 en materia de clima e enerxía para o crecemento.

Con respecto a crise de migración e dos refuxiados, os dirixentes acordaron fomentar a coordinación e actuar contra os traficantes e tratantes de seres humanos. Tamén é prioritario atacar as causas profundas da migración e apoiar aos países de orixe e tránsito. «O tráfico ilícito de migrantes é un negocio organizado. Só en Libia xerou o ano pasado 1 600 millóns de dólares. Estas ganancias permiten aos traficantes controlar algunhas zonas do país. Tamén cooperan cos terroristas e seguen poñendo en perigo a estabilización de Libia», afirmou o presidente Tusk na rolda de prensa previa ao cume do G-20.

Os dirixentes puxeron de relevo a necesidade de axudar á poboación para aproveitar as oportunidades e os beneficios da mundialización económica. Tamén estudaron o modo de seguir construíndo un sistema financeiro aberto e resiliente, comprometéndose a reforzar a cooperación fiscal e a transparencia financeira, así como a abordar o problema da capacidade siderúrxica excesiva.

O desenvolvemento de África seguiu sendo unha das principais prioridades do G-20, polo que se puxo en marcha a asociación entre o G-20 e África para impulsar o crecemento e o emprego no continente. Dela forma parte a iniciativa do G-20 destinada ao emprego rural xuvenil, que contribuirá á creación de 1,1 millóns de novos postos de traballo en 2022. Os dirixentes destacaron tamén a importancia de sacar partido á dixitalización para lograr un desenvolvemento integrador e sustentable. Promover a alfabetización e as capacidades dixitais resulta esencial para preparar mellor ás persoas de fronte ao traballo do futuro.

A 13.ª edición do cume do G-20 será organizada por Arxentina en 2018.

 

Prioridades da UE no cumio do G-20

O presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, e o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, expuxeron, nunha carta conxunta remitida aos xefes de Estado ou de Goberno da UE, as principais cuestións que debían tratarse no cume:

  • a función do G-20 na consecución dunha economía mundial eficaz para todos
  • un sistema comercial multilateral aberto, xusto e baseado en normas e un sistema monetario e financeiro internacional resiliente
  • os beneficios económicos da acción polo clima e o potencial da revolución dixital
  • a elusión e a evasión fiscais
  • a loita contra o terrorismo e o seu financiamento
  • a responsabilidade compartida con respecto aos refuxiados e os migrantes, e a asociación con África para o investimento, o crecemento e o emprego.

 

Antecedentes

O G-20 reúne a 19 países e á UE. Os membros do G-20 representan máis do 80 % do produto interior bruto (PIB) mundial e albergan case dous terzos da poboación mundial.

O G-20 creouse en 2008, nun contexto de crise financeira mundial, para acrecentar a cooperación económica internacional. Desde entón, os membros do G-20 reúnense anualmente para tratar moi diversos asuntos relacionados coa cooperación económica e financeira.

 

A UE, membro do G-20

A Unión Europea é membro de pleno dereito do G-20, xunto con catro dos seus Estados membros: Alemaña, Francia, Italia e o Reino Unido. Ademais, España é convidado permanente do G-20 e os Países Baixos son país socio.

A UE dispón do seu propio asento na mesa do G-20 por ser un dos principais axentes económicos mundiais, con competencias específicas no ámbito do comercio, a política económica, a regulación dos mercados financeiros, o desenvolvemento, a enerxía e o cambio climático.

Carta conxunta dos presidentes Donald Tusk e Jean-Claude Juncker con motivo do próximo cumio do G-20

Fonte: Consello Europeo


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante