Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

30/05/2017

Resultados do cumio do G-7 en Taormina (Italia)

Foto de familia dos líderes do G-7 na reunión de Taormina (Italia). © Unión Europea
  • O cumio tratou a política exterior, a economía mundial, a redución das desigualdades e a crise migratoria
  • Os dirixentes adoptaron unha folla de ruta sobre igualdade de xénero
  • Os xefes de Estado e de Goberno tamén apoiaron a Declaración de Taormina do G-7 sobre a loita contra o terrorismo e o extremismo violento

Bruxelas, 30 de maio de 2017. Os días 26 e 27 de maio de 2017, Italia acolleu a reunión dos dirixentes do G-7. O cumio tratou a política exterior, a economía mundial, a redución das desigualdades e a crise migratoria. Donald Tusk, presidente do Consello Europeo, e Jean-Claude Juncker, presidente da Comisión Europea, representaron á UE no cumio.

Os dirixentes adoptaron o comunicado final, cunha folla de ruta sobre igualdade de xénero, e acordaron un plan de acción sobre innovación, capacidades e traballo. Así mesmo, adoptaron a Declaración de Taormina do G-7 sobre a loita contra o terrorismo e o extremismo violento.

 

Política exterior

En relación coa guerra de Siria, os dirixentes fixeron un chamamento a que se poña fin ao conflito mediante un proceso político integrador dirixido polos sirios baixo os auspicios das Nacións Unidas. Comprometéronse a redobrar os seus esforzos por derrotar ao terrorismo internacional en Siria, en particular ao EI/EIIL/Daesh e a Al Qaeda. O G-7 abordou tamén a situación de Libia e instou a que se avance na senda do diálogo político e a reconciliación nacional.

Os dirixentes condenaron ademais os ensaios nucleares e o lanzamento de mísiles balísticos de Corea do Norte e pediron a este país abandonar todos os programas balísticos de forma completa, verificable e irreversible. Os dirixentes trataron así mesmo a situación en Ucraína, reclamando a plena aplicación dos acordos de Minsk. Lembraron que a duración das sancións vixentes está claramente vinculada á plena aplicación por parte de Rusia dos devanditos acordos e ao seu respecto da soberanía de Ucraína.

 

Economía mundial

O principal obxectivo do G-7 é incrementar o crecemento mundial para xerar niveis de vida máis elevados e empregos de calidade. Os dirixentes reafirmaron o seu compromiso de utilizar todas as ferramentas das políticas, incluídas a monetaria, a orzamentaria e a estrutural, para lograr un crecemento forte, sustentable, equilibrado e integrador.

 

Redución das desigualdades

Os dirixentes recoñeceron que as desigualdades minan a confianza e limitan o potencial de crecemento futuro. Acordaron reforzar as capacidades e a resistencia das economías e as comunidades para axustalas ao ritmo do cambio, de modo que a economía mundial sexa positiva para todos.

O G-7 lembrou que a promoción da igualdade de xénero é unha contribución crucial ao progreso cara ao desenvolvemento sustentable. Os dirixentes aprobaron a folla de ruta do G-7 para un entorno económico con perspectiva de xénero con vistas ao fomento da emancipación económica das mulleres, titulada “Folla de ruta do G-7 para unha contorna económica con perspectiva de xénero”.

 

Comercio

Os dirixentes reiteraron o seu compromiso de manter abertos os mercados e loitar contra o proteccionismo, opoñéndose firmemente a todas as prácticas comerciais desleais. Comprometéronse a adoptar as políticas oportunas que propicien que todas as empresas e os cidadáns poidan aproveitar ao máximo a maioría das oportunidades que lles brinda a economía mundial.

O G-7 instou á eliminación de todas as prácticas que desvirtúen o comercio co fin de fomentar unha verdadeira igualdade de oportunidades. Os dirixentes subliñaron tamén a importancia do sistema comercial multilateral baseado en normas, e comprometéronse a colaborar para mellorar o funcionamento da Organización Mundial do Comercio.

 

Migración

Os dirixentes fixeron un chamamento á coordinación de esforzos a nivel nacional e internacional para abordar o movemento a gran escala de migrantes e refuxiados. Acordaron establecer vínculos para axudar aos países para crear as condicións dentro das súas fronteiras que dean resposta aos factores causantes da migración.

 

África

A seguridade, a estabilidade e o desenvolvemento sustentable de África constitúen grandes prioridades para o G-7, cuxos dirixentes se propuxeron reforzar a cooperación e o diálogo cos países africanos e as organizacións rexionais co fin de desenvolver a capacidade deste continente para mellorar a prevención, a resposta e a xestión dos conflitos.

 

Innovación, capacidades e traballo

Os xefes de Estado e de Goberno adoptaron un plan de acción do G-7 en materia de innovación, capacidades e traballo, centrado nos cidadáns. O plan de acción traza un conxunto de potenciais recomendacións de políticas para incrementar a competitividade e impulsar un crecemento  pola innovación en beneficio de todos.

 

Antecedentes

O cumio do G-7 é un foro que desempeña un importante papel á hora de conformar respostas mundiais a retos mundiais, e complementa a coordinación económica mundial que leva a cabo o G-20. Reúne a dirixentes de Canadá, Francia, Alemaña, Italia, Xapón, o Reino Unido, Estados Unidos e a UE.

Este cumio sucede ao cumio do G-7, celebrada en Xapón en 2016 e á que excepcionalmente acolleu a UE en Bruxelas en 2014.

  • Cumio do G-7, Ise-Shima (Xapón), 26 e 27 de maio de 2016.
  • Cumio do G7, Alemaña, 7 e 8 de xuño de 2015.
  • Cumio do G7, Bruxelas, 4 e 5 de xuño de 2014.

Os dirixentes veñen reuníndose en configuración de G-7 desde 2014, por mor da violación da soberanía e integridade territorial de Ucraína pola Federación de Rusia.

 

A UE, membro do G-7

En 1977, os representantes da entón Comunidade Europea participaron por primeira vez no cumio de Londres. Orixinalmente, o labor da UE limitábase a aqueles ámbitos nos cales dispoñía de competencias exclusivas, pero este labor foi aumentando co tempo. Gradualmente, incorporouse á UE a todos os debates políticos do programa do cumio e, desde do cumio de Ottawa (1981), participou en todas as sesións de traballo do cumio.

A UE ten todas as responsabilidades da condición de membro. O comunicado do cumio é politicamente vinculante para todos os membros do G-7. A rotación de presidencias é a seguinte: Xapón en 2016, Italia en 2017, Canadá en 2018, Francia en 2019 e os EE. UU. en 2020.

Fonte: Consello Europeo


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante