Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

29/05/2017

A Comisión debate sobre o futuro da defensa europea

A alta representante Mogherini explica as conclusións do debate sobre defensa europea. © Unión Europea
  • O diálogo de orientación contribuirá a canalizar o traballo da Comisión nas próximas semanas, considerando en todo momento á seguridade e defensa como unha prioridade máxima da UE
  • No seu discurso sobre o estado da Unión de 2016, o presidente Juncker anunciou a creación dun Fondo Europeo de Defensa
  • A Comisión publicará o próximo 7 de xuño un documento de reflexión sobre o futuro da defensa europea, enmarcado no Libro Branco do Futuro de Europa

Bruxelas, 29 de maio de 2017. En aras de contribuír ao debate sobre a dirección futura da UE-27, a Comisión celebrou a semana pasada un debate de orientación sobre o futuro da defensa europea. Unha Europa máis forte no que se refire a seguridade e defensa foi, desde o principio do seu mandato, unha prioridade para a Comisión Juncker. No seu discurso sobre o estado da Unión de 2016, o presidente Juncker anunciou a creación dun Fondo Europeo de Defensa, ao declarar: “Europa xa non pode sustentarse na forza militar doutros. (…) Para que a estratexia de defensa europea sexa sólida, a industria de defensa europea debe innovar”. Coa deterioración na seguridade nos países veciños de Europa e argumentos económicos sólidos a favor dunha maior cooperación no gasto de defensa entre os países da UE, a Comisión considera que este é o momento adecuado para avanzar cara a unha Unión de Seguridade e Defensa.

Federica Mogherini, vicepresidenta da Comisión e alta representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, declarou: “A seguridade e a defensa son prioridades para a Unión Europea porque son prioridades para todos os nosos cidadáns. Desde o ano pasado, estamos a intensificar a defensa europea para que sexa cada vez máis eficaz á hora de prover seguridade, tanto dentro como máis aló das nosas fronteiras, investindo máis recursos, fomentando a cooperación entre os Estados membros e avanzando nunha cooperación máis estreita coa OTAN. O mundo cambia rapidamente ao noso ao redor e todos os días temos que enfrontarnos a novos retos: na Unión Europea habemos tomado a responsabilidade de afrontar os retos”.

O debate de orientación contribuirá a canalizar o traballo da Comisión nas próximas semanas. Adiantándose á conferencia europea de alto nivel sobre seguridade e defensa que se celebrará en Praga o 7 de xuño, a Comisión poñerá en marcha o Fondo Europeo de Defensa anunciado no Plan de Acción Europeo de Defensa, en novembro de 2016. De forma paralela, presentará un documento de reflexión a longo prazo no que se expoñen posibles escenarios no ámbito da defensa europea do futuro. Este documento forma parte do debate sobre o futuro da EU-27 que se puxo en marcha co Libro Branco sobre o futuro de Europa da Comisión, o 1 de marzo de 2017.

Unha defensa europea sólida require tamén dunha industria europea de defensa sólida. A medida que os Estados membros comecen a incrementar os seus orzamentos de defensa, a UE pódelles axudar a usar estes fondos de maneira máis eficiente. Estímase que a falta de cooperación entre os Estados membros no ámbito da defensa e a seguridade custa anualmente entre 25 000 e 100 000 millóns EUR. O 80 % dos contratos públicos e máis do 90 % da investigación e a tecnoloxía xestiónanse sobre unha base nacional. Ata o 30 % dos gastos anuais de defensa poderían aforrarse mediante a posta en común da contratación pública.

 

Antecedentes

Nas súas Orientacións políticas de xuño de 2014, o presidente da Comisión Europea Juncker declarou o seguinte: «Estou convencido, tamén, de que debemos traballar por unha Europa máis forte en materia de seguridade e defensa. Certo, Europa é esencialmente unha potencia suave. Pero nin as máis sólidas desas potencias poden funcionar a longo prazo sen algunhas capacidades de defensa integradas.

O presidente Juncker anunciou a creación dun Fondo Europeo de Defensa no seu discurso sobre o estado da Unión de 2016, e no Cume de Bratislava, en setembro de 2016, os líderes dos 27 Estados membros chegaron a esta conclusión: “Necesitamos á UE para garantir non só a paz e a democracia, senón tamén a seguridade dos nosos cidadáns”. Nunha contorna xeopolítica complicada, acordaron que era necesario reforzar a cooperación da UE en seguridade exterior e defensa. Como medida concreta, estableceron que o Consello Europeo de decembro de 2016 debía “decidir sobre un plan de aplicación en materia de seguridade e defensa concreto e sobre o mellor modo de servirse das opcións que brindan os Tratados, en especial no referente a capacidades”.

O 30 de novembro de 2016, a Comisión presentou o Plan de Acción Europeo de Defensa, que describía como un Fondo Europeo de Defensa e outras medidas poden axudar a facer máis eficiente o gasto dos Estados membros en capacidades de defensa conxuntas, reforzar a seguridade dos cidadáns europeos e fomentar unha base industrial competitiva e innovadora. A iniciativa foi ben acollida polos dirixentes da UE durante as reunións do Consello Europeo de decembro de 2016 e marzo de 2017, e a Comisión recibiu o mandato de presentar propostas antes do verán de 2017.

O Plan de Acción Europeo de Defensa forma parte dun paquete de defensa máis amplo acordado pola UE-27 en Bratislava. Compleméntase coas outras dúas liñas de traballo: o Plan de aplicación da Estratexia Global no ámbito da seguridade e a defensa, no que se establece un novo nivel de ambición para a Unión e determínanse as medidas para conseguilo; e a implementación da declaración conxunta UE-OTAN, asinada polo Presidente do Consello Europeo, o Presidente da Comisión e o Secretario Xeral da OTAN. Un conxunto común de 42 propostas está a aplicarse nas sete áreas enumeradas na Declaración de Varsovia. Inclúe as ameazas híbridas, o que tamén está vinculado ao marco común para loitar contra as ameazas híbridas de abril de 2016, que á súa vez se basea na Axenda Europea de Seguridade adoptada pola Comisión en abril de 2015. O progreso nestas dúas liñas continúa a un ritmo acelerado. Xusto a semana pasada, os ministros de defensa da UE adoptaron unha serie de conclusións que impulsarán o traballo no período previo ao Consello Europeo en xuño.

Na Declaración de Roma adoptada polos dirixentes da UE o 25 de marzo de 2017, estes comprometéronse a traballar por unha Europa dos 27 que axude a crear unha industria de defensa máis competitiva e integrada, e que reforce o seu defensa e seguridade comúns en cooperación e complementariedade coa OTAN.

O Libro Branco sobre o Futuro de Europa, presentado o 1 de marzo de 2017, establece os retos e oportunidades máis importantes para Europa durante a próxima década. Este Libro marcou o comezo dun proceso no que a EU-27 debe decidir sobre o futuro da súa Unión. Co fin de fomentar este debate, a Comisión Europea, xunto co Parlamento Europeo e os Estados membros interesados, organizará unha serie de debates sobre o futuro de Europa nas cidades e rexións europeas. O Libro Branco compleméntase cunha serie de documentos de reflexión sobre:

  • a dimensión social de Europa (26 de abril de 2017)
  • aproveitamento da globalización
  • a profundización da Unión económica e monetaria, sobre a base do Informe dos cinco presidentes de xuño de 2015 (previsto para o 31 de maio de 2017)
  • futuro da defensa europea (previsto para o 7 de xuño de 2017 e
  • futuro das finanzas da UE (previsto para finais de xuño de 2017)
Fonte: Comisión Europea

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante