Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

17/03/2017

O Parlamento Europeo aproba unha normativa para evitar o comercio de ´minerais de sangue´

Explotación de minerais en África. © Unión Europea
  • Cando entre en vigor os importadores deberán comprobar obrigatoriamente que as materias primas non proveñan de zonas de guerra
  • Coa nova normativa, a UE súmase ás recomendacións da OCDE e segue os pasos de Estados Unidos, que durante o mandato de Barack Obama aprobou a Dodd Franc Act
  • Calcúlase que son 27 os conflitos armados en África que están vinculados á extracción e comercio de recursos naturais

Bruxelas, 17 de marzo de 2017. O pleno do Parlamento Europeo aprobou este xoves un proxecto de lei (regulamento) para evitar que o comercio de minerais financie conflitos armados e alimente violacións de dereitos humanos. As novas regras sobre “minerais de conflito”, os tamén chamados “minerais de sangue”, obrigarán a todos os importadores europeos -só quedan excluídos os máis pequenos- de estaño, wolframio, tantalio e ouro a comprobar a orixe das súas importacións. Os grandes fabricantes que utilizan estes materiais tamén deberán informar sobre as medidas de verificación adoptadas para garantir que se abastecen de forma responsable.

 

Obrigación de “dilixencia debida”

Na negociación do texto, os eurodeputados lograron convencer aos ministros dos 28 de que as comprobacións de “debida dilixencia”, en liña coas directrices da OCDE, deben ser obrigatorias para a maioría de importadores de estaño, tantalio e wolframio, os seus minerais, e ouro procedentes de zonas de conflito e de alto risco. A Comisión e o Consello propuxeran só comprobacións voluntarias. As autoridades nacionais serán responsables de asegurar o cumprimento das regras por parte das empresas e de impoñer sancións en caso necesario. Pola súa banda, os materiais reciclados e os pequenos importadores, como dentistas e xoieiros -responsables de en torno ao 5% das importacións-, quedarán exentos, para evitarlles unha carga burocrática desproporcionada.

 

Información sobre provedores

Os negociadores do Parlamento tamén inseriron unha disposición mediante a cal as grandes compañías que non importan directamente das zonas de conflito pero si utilizan estes minerais nos seus produtos poden, de forma voluntaria, presentar un informe anual sobre as medidas de dilixencia que adoptasen. A Comisión elaborará unha lista das fundicións e refinerías responsables do abastecemento da Unión, así como unha guía sobre as zonas de conflito e de alto risco.

 

Cláusula de revisión

A Comisión terá que avaliar os resultados da nova normativa, no relativo ao seu impacto sobre o terreo e ao cumprimento por parte das empresas comunitarias. No caso de que o principio de “dilixencia debida” non se aplique correctamente, terá que propoñer novas medidas obrigatorias.

 

Próximos pasos

O regulamento, de alcance xeral e eficacia directa en todos os Estados da Unión, foi aprobado polo pleno do Parlamento con 558 votos a favor, 17 en contra e 45 abstencións. Tras a aprobación formal por parte do Consello, o texto será publicado no Diario Oficial. A obrigación de “dilixencia debida” comezará a aplicarse o 1 de xaneiro de 2021, para dar tempo aos países para designar ás autoridades competentes e permitir aos importadores familiarizarse coas súas novas obrigacións.

 

Contexto

Os países ricos en minerais afectados por conflitos enfróntanse a un círculo vicioso no que os ingresos por recursos obtidos ilegalmente alimentan as revoltas armadas. Calcúlase que son 27 os conflitos armados en África que están vinculados á extracción e comercio de recursos naturais. O regulamento aplicarase a todas as zonas do mundo afectadas por conflitos así como a áreas de alto risco, como a República Democrática do Congo e a rexión dos Grandes Lagos. Os expertos prepararán unha lista non exhaustiva de áreas, pero o país de orixe non será o único indicador: a información de tránsito ou a aparición dun subministrador sospeitoso tamén deberá dar pé a controis.

O estaño, tantalio, wolframio e ouro utilízanse na produción de moitos dispositivos de alta tecnoloxía, nos sectores automotriz, electrónico, aeroespacial, empaquetador, da construción, a iluminación e a maquinaria industrial, así como en xoiería. Queda fóra da regulación o coltán, o que foi fortemente criticado polas ONGs.

Fonte: Parlamento Europeo


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante