Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

12/02/2021

A Comisión Europea aproba o segundo IPCEI relacionado coas baterías

5260F_1613232633_pila.jpg Bruxelas, 12 de febreiro de 2021- A Comisión Europea vén de aprobar un segundo proxecto de interese común europeo (IPCEI, polas súas siglas en inglés) para apoiar a investigación e innovación na cadea de valor das baterías. Así, un grupo de doce Estados membros (Alemaña, Austria, Bélxica, Croacia, Eslovaquia, España, Finlandia, Francia, Grecia, Italia, Polonia e Suecia aportarán ata 2 900 millóns de euros en financiamento durante os próximos anos, o que, segundo as previsións, mobilizará 9 000 millóns adicionais en investimentos privados)

O proxecto, chamado "Innovación Europea en Baterías" abarcará toda a cadea de valor das baterías, dende a extracción das materias primas, o deseño e a fabricación das celas e conxuntos de baterías, ata o seu reciclado e eliminación. Facendo fincapé na sostibilidade, agárdase que contribúa ó desenvolvemento de novos avances tecnolóxicos importantes que se sumarán ós que logrou o primeiro IPCEI sobre baterías, aprobado pola Comisión Europea en decembro de 2019.

O Proxecto contará con 42 participantes directos, entre os que se atopan pemes e empresas emerxentes, que cooperarán a través de 300 asociacións entre actores industriais e científicos e 150 socios externos, como universidades, organizacións de investigación e pemes europeas. Aínda que está previsto que o proxecto remate en 2028, os participantes estarán divididos en catro ámbitos con distintos prazos de financiamento: materias primas e materiais avanzados (no que España contará coa representación da compañía hispanoamericana Ferroglobe); células de batería; sistemas de baterías e reciclado e sostibilidade (no que participará a galega Little Electric Cars) 

Antecedentes

Ante a crecente importancia das baterías en diversos ámbitos, en especial no transporte, a Comisión Europea mostrou gran interese en apoiar o desenvolvemento dunha industria europea innovadora e sostible das baterías. En 2017, a Comisión lanzou a Alianza Europea das Baterías e, un ano despois, adoptou o Plan de acción estratéxico para as baterías, mediante o que impulsou unha ampla serie de iniciativas. Ante uns obxectivos climáticos ambiciosos, propuxo en decembro de 2020 o Regulamento sobre baterías sostibles para diminuír o impacto medioambiental ó longo da súa vida útil.

Contexto

En xuño de 2014, a Comisión Europea adoptou a Comunicación sobre os IPCEI, que complementa o marco normativo europeo de axudas estatais. Esta Comunicación establece os criterios segundo os cales os Estados membros poden apoiar proxectos transnacionais de importancia estratéxica para a UE en virtude do artigo 107.3.b) do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE)

Este marco ten como obxectivo animar ós Estados membros a apoiar proxectos de contribúan claramente ó crecemento económico, ó emprego é a competitividade en Europa. Así, os IPCEI soen ser proxectos que abordan importantes deficiencias do mercado e retos sociais ós que non se pode facer fronte doutra maneira. Para que poidan ser subvencionables, deben cumprir as seguintes características:
  • O interese común europeo, é dicir, cumprir un ou varios obxectivos da UE (v.g. a Axenda Dixital para Europa; as redes transeuropeas de transporte; o Espazo Europeo de Investigación...)
  • Ter unha incidencia significativa sobre a competitividade, o crecemento sostible, o tratamento dos retos sociais ou a creación de valor en toda a UE.
  • Contar coa participación de máis dun Estado membro e os seus beneficios deben estenderse a unha parte substancial da UE. Ademais, non se pretende reproducir a cadea de valor en cada Estado membro, senón que esta se reproduza a través das fronteiras.
  • Non debe beneficiar unicamente ás partes implicadas, senón á sociedade ou á economía en conxunto "a través de efectos de arrastre positivos que sexan claramente identificables"
  • Ter un tamaño ou un alcance particularmente grandes e/ou supoñer un alto nivel de risco ou compromiso financeiro.
Entre as súas vantaxes atópase a de permitir a aprobación dunha intensidade de axudas máis alta da que usualmente sería posible: non existen problemas de intensidades máximas e permiten subvencionar, en relación coas grandes empresas, calquera tipo de investimento inicial establecido nas Directrices sobre axudas estatais de finalidade rexional (DAR), non unicamente os investimentos iniciais en favor dunha nova actividade económica.

Ata o de agora, lanzáronse IPCEI relacionados coas baterías e a electrónica e no horizonte perfílase un relacionado coa diferentes facetas do hidróxeno verde. Así mesmo, a Comunicación, que expiraba en decembro de 2020, foi prorrogada ata finais de 2021 mentres se leva a cabo a súa revisión para garantir que se aliña cos actuais obxectivos da UE (transicións verde e dixital)

Máis información

Comunicación da Comisión Europea "Criterios para a análise da compatibilidade co mercado interior das axudas para fomentar a realización de proxectos importantes de interese común europeo"

Comunicado de prensa da Comisión Europea

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante