Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

21/12/2017

A Comisión Europea presenta propostas lexislativas para asegurar a calidade dos produtos no mercado único da UE

Os comisarios Katainen e Bienkowska presentan as novas medidas lexislativas en materia de mercado interior. © Unión Europea
  • A Comisión presentou dúas propostas lexislativas para facilitar ás empresas, en particular ás pemes, a venda dos seus produtos en toda Europa, e para reforzar os controis que realizan as autoridades nacionais en prol da calidade
  • O mercado único, que celebrará o seu vixésimo quinto aniversario en 2018, é un dos maiores logros de Europa, pensado para que as mercadorías, os servizos, os capitais e as persoas poidan circular libremente

Bruxelas, 21 de decembro de 2017. A Comisión presentou dúas propostas lexislativas para facilitar ás empresas, en particular ás pemes, a venda dos seus produtos en toda Europa, e para reforzar os controis que realizan as autoridades nacionais e os funcionarios de aduanas co fin de evitar que se vendan aos consumidores europeos produtos que non sexan seguros.

O vicepresidente  Jyrki  Katainen, responsable de Fomento do Emprego, Crecemento, Investimento e Competitividade, declarou que «o mercado único de cincocentos millóns de consumidores é un gran éxito da UE. O que estamos a facer hoxe é quitar obstáculos, reforzar a confianza e permitir que as nosas empresas e os nosos consumidores poidan sacar o máximo proveito dese mercado». Pola súa banda, a comisaria de Mercado Interior, Elżbieta Bieńkowska, engadiu que «o mercado único baséase na confianza. Os consumidores deben poder confiar en que os produtos que utilizan son igual de seguros veñan de onde veñan; e as autoridades públicas deben poder confiar en que os produtos que se venden nos seus mercados nacionais son seguros para os seus cidadáns. Os escándalos dos implantes  mamarios e dos motores diésel socavaron esa confianza, así é que temos que reconstruíla con controis máis estritos en todos os ámbitos. Na UE non hai sitio para os produtos defectuosos».

As iniciativas de hoxe están pensadas para mellorar dous aspectos da libre circulación de mercadorías na UE:

  • Facilitar a venda dun produto noutro Estado membro:

O principio de «recoñecemento mutuo» garante que os produtos non suxeitos a unha regulamentación aplicable a escala da UE poidan, en principio, circular libremente dentro do mercado único se xa se comercializan legalmente nun Estado membro. Este principio debería permitir aos fabricantes vender os seus produtos en toda Europa sen ningún requisito adicional. Con todo, non sempre funciona como debe. Na práctica, as empresas que desexan vender produtos como, por exemplo, calzado, vaixela ou mobles noutro Estado membro atópanse a miúdo con obstáculos, atrasos e custos adicionais. Para que o principio sexa máis rápido, sinxelo e claro na práctica, a Comisión propón un novo Regulamento sobre o recoñecemento mutuo de mercadorías. As empresas tardarán un par de meses, e non anos, en saber se poden vender os seus produtos noutro país da UE. Tamén poderán utilizar unha declaración voluntaria para demostrar que os seus produtos cumpren todos os requisitos pertinentes no seu país. Isto fará que sexa máis fácil para as autoridades doutros Estados membros avaliar se debe ou non aplicarse o recoñecemento mutuo. Do mesmo xeito, un mecanismo de resolución de problemas permitirá resolver con maior rapidez os litixios entre empresas e autoridades nacionais. A formación e o intercambio de funcionarios potenciarán a colaboración e a confianza entre as autoridades nacionais. Iso non será óbice para que as autoridades nacionais tomen en consideración os intereses lexítimos de orde pública.

  • Reforzar os controis efectuados polas autoridades nacionais para garantir que os produtos sexan seguros e cumpran as normas:

No mercado da UE véndense aínda demasiados produtos que non son seguros nin conformes: non menos do 32 % dos xoguetes, o 58 % dos produtos electrónicos, o 47 % dos produtos de construción ou o 40 % dos equipos de protección individual inspeccionados incumpren os requisitos relativos á seguridade ou á información destinada ao consumidor que prevé a lexislación da UE. Isto pon en perigo aos consumidores e coloca en desvantaxe competitiva ás empresas que cumpren as normas. O proxecto de Regulamento sobre o cumprimento e a garantía de cumprimento axudará a crear un mercado interior de mercadorías máis xusto, fomentando unha maior cooperación entre as autoridades de vixilancia do mercado nacionais. Entre outras cousas, contémplase o intercambio de información acerca de produtos ilegais e das investigacións en curso, de maneira que as autoridades poidan adoptar medidas eficaces contra os produtos non conformes. O Regulamento tamén axudará ás autoridades nacionais a mellorar os controis dos produtos que entran no mercado da UE. Dado que o 30 % das mercadorías presentes na UE son importadas, a Comisión propón tamén reforzar as inspeccións dos portos e as fronteiras exteriores.

 

Próximos pasos

Os proxectos de Regulamento enviaranse agora ao Parlamento Europeo e ao Consello para a súa adopción. Unha vez adoptados, serán directamente aplicables.

 

Antecedentes

O mercado único, que celebrará o seu vixésimo quinto aniversario en 2018, é un dos maiores logros de Europa, pensado para que as mercadorías, os servizos, os capitais e as persoas poidan circular libremente. Ofrece un maior variado e prezos máis baixos aos consumidores, e oportunidades aos profesionais e as empresas. Tamén permite viaxar, vivir, traballar e estudar onde se desexe. Con todo, estas oportunidades non sempre se materializan, xa que as normas do mercado único descoñécense, non se aplican ou, simplemente, son debilitadas por barreiras inxustificadas. Por iso a Comisión presentou en 2015 a súa Estratexia para o Mercado Único, un plan de traballo que responde o compromiso político do presidente  Juncker de aproveitar todo o potencial do mercado único para convertelo na rampla de lanzamento que permita ás empresas europeas prosperar na economía mundial.

O comercio de mercadorías representa o 75 % do comercio dentro da UE e ao redor do 25 % do seu PIB. As normas da UE sobre produtos abarcan a gran maioría dos produtos que se fabrican nela, que teñen un valor de 2,4 billóns de euros e son producidos ou distribuídos por uns cinco millóns de empresas. As normas da UE permiten que os produtos circulen libremente por toda a Unión, garantindo ao mesmo tempo un nivel elevado de protección do medio ambiente, a saúde e a seguridade. Por exemplo, a lexislación da UE en ámbitos como o dos xoguetes e o dos produtos químicos é das máis estritas do mundo.

As propostas de hoxe complementan outras iniciativas xa presentadas co fin de alcanzar os obxectivos da Estratexia para o Mercado Único de 2015: medidas para mellorar a protección dos dereitos de propiedade intelectual e industrial, propostas sobre comercio electrónico, directrices sobre economía colaborativa, medidas para modernizar a política de normalización da Unión, unha iniciativa para as empresas emerxentes e en expansión, medidas para dar un novo impulso ao sector dos servizos e medidas para mellorar o cumprimento das normas do mercado único da Unión e o funcionamento práctico de este.

Fonte: Comisión Europea


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante