Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

26/10/2005

NOVA PROPOSTA DA COMISIÓN PARA DAR NOVOS PULOS Á NEGOCIACIÓN SOBRE PERSPECTIVAS FINANCEIRAS

Unha semana antes do cumio de globalización en Hampton que comeza o día 27, a Comisión, por medio do seu Presidente —o que xa é de por si bastante significativo— relanzou o debate sobre o orzamento plurianual da UE, aumentando así a presión sobre o RU para que acelere a súa xestión deste expediente.

A discusión sobre as Perspectivas Financeiras 2007-2013 (PPFF) atópase estancada dende que en xuño o Consello Europeo non lograse chegar a un acordo sobre a proposta de compromiso da Presidencia de Luxemburgo. A Presidencia do RU anunciara na comparecencia do Sr. Blair en xullo no Parlamento que trataría de atinxir un acordo antes do fin do seu mandato en decembro, pero o feito de non ter presentado unha verdadeira proposta nin ó Parlamento nin ás outras institucións fixo que moitos dubidasen desta intención.

O presidente de Comisión, Sr. Barroso, presentou en concreto o 20 de outubro,  cinco ideas que segundo a Comisión deben ser introducidas no debate. O tempo elixido para dar a coñecer á opinión pública estas propostas indican que a Comisión, a pesar da postura contraria afirmada reiteradamente polo goberno británico en xeral e o Sr Blair en particular, desexa que neste cumio se trate sobre PPFF. Até agora o Sr. Blair negouse a abrir de novo o debate fóra das reunións bilaterais mantidas en agosto e setembro con tódalas delegacións nacionais

A nova proposta da Comisión céntrase en cinco puntos considerados críticos nas negociacións propoñendo solucións que considera poden acada-lo apoio xeral:

1. Aumento dos recursos financeiros da liña 1B e os fondos de desenvolvemento rural cara investimentos que sexan coherentes co contido da liña 1A —coñecida coma a liña de Lisboa polo seu apoio ó espírito innovador e a unha maior competitividade— tales como investigación, innovación, capital humano, ou eficiencia enerxética.
2. Creación do “Fondo de Axuste á Globalización” (FAG) —xa proposto anteriormente pola Comisión pero eliminado nos debates no Consello e o Parlamento— que proporcionaría axuda económica para a reeducación e a “recolocación” de traballadores desprazados dos seus postos laborais ou en perigo de selo froito dun proceso de reestruturación económica e destrucción do traballo a causa da globalización.
Este fondo ascendería a 3.500 millóns de Euros para un período de sete anos e non estaría incluído no orzamento normal. A diferencia do proposto inicialmente en xullo de 2004 —este por valor de 7.000 millóns de €— o seu financiamento non viría das achegas ordinarias dos Estados senón dun reinvestimento de créditos non absorbidos (principalmente da política de cohesión). O FAG reapareceu no debate comunitario froito da chamada do goberno francés á UE para tratar de mitigar o dano causado por unha decisión recente de reestruturación de Hewlett Packard de suprimir 1.240 traballos en Francia para “relocalizalos” fóra da UE.
3. ”Consolidación da reforma agrícola actual”: xa que a PAC (Política Agrícola Común) ten “conxelado” o seu orzamento até 2013 froito dos acordos de 2002-2003, a Comisión cre que non existe moita marxe de manobra para a súa reducción. Así pois prefire aumenta-lo ritmo de transferencia da axuda directa ós granxeiros cara a axuda rural ó desenvolvemento a partir de 2009
4. Modernización do orzamento: a Comisión revisará a organización do seu orzamento e presentará un Libro branco sobre a modernización do gasto e a renda en 2009
5. Aumento da transparencia de modo que facilite o escrutinio público e a coherencia da acción externa da UE (p.e. compromisos para as Metas de Desenvolvemento do Milenio) : o Fondo Europeo de Desenvolvemento (FED) debe ser incluído no orzamento convencional ou integrado nos mecanismos do gasto externo.

Coma se pode observar estas ideas non son estritamente solucións de compromiso, labor que lle corresponde neste momento á Presidencia da Unión e non á Comisión, senón, máis ben, novas propostas ou reformulacións de propostas anteriores tendentes a darlle unha maior visibilidade ás políticas da UE en tempos de crise, facilitando á súa vez puntos de encontro parciais para problemas concretos: as discrepancias sobre o Obxectivo Competitividade Rexional e Emprego (ex-Obxectivo 2) (proposta 1), as diferencias Francia-RU sobre a PAC (proposta 3) ou as reivindicacións sobre a necesidade de reforma-la estrutura do orzamento e o cheque británico, atrasando este debate até 2009 (proposta 4).

 

 


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante