Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

09/11/2005

NEGOCIACIÓN DAS PPFF NO CONSELLO DE ASUNTOS XERAIS DE 7 E 8 DE NOVEMBRO DE 2005

INTRODUCCIÓN

Os países da Unión Europea retomaron o luns 7 de novembro no Consello de Asuntos Xerais e Relacións Exteriores (CAGRE) as negociacións formais sobre as Perspectivas Financeiras da unión Europea para 2007-2013 (PPFF). Esta era a primeira sesión a nivel ministerial dende o CAGRE extraordinario de xuño previo o Consello Europeo, aínda que xa existiran discusións no COREPER I do pasado xoves 4 de novembro e contactos bilaterais entre as delegacións e a Presidencia. 

Neste Consello presentóuselles ós Ministros o documento ST 13910/05 que anunciaba de maneira moi xeral as liñas de negociación que a Presidencia considera claves na negociación. Este discutido documento xa non fora recibido con grande entusiasmo polo mencionado COREPER.

A xuntanza transmitiu así a sensación de que as negociacións entraron nun proceso de ”xogo de suma cero” aínda que satisfixo a aqueles que —como o Sr. Straw— consideraban que “parte do propósito da discusión era asegurar   que ninguén albergase calquera dúbida acerca das diferenzas existentes entre as posicións dos Estados Membros (EM)”. Clarificáronse así algunhas posturas —coma a dos Países Baixos ou a de Suecia— que se reafirmaron no seu desexo de reducir as súas contribucións netas. Os EM aproveitaron tamén a ocasión para se pronunciaren sobre as propostas contidas na carta remitida á Presidencia polo Presidente da Comisión Europea, José-Manuel Durão Barroso, nos días anteriores ó cumio de Hampton Court.

POSICIÓNS DOS ESTADOS MEMBROS

A principal conclusión que se pode extraer das informacións obtidas e que as diferencias entre as delegacións son persistentes e que o parón de catro meses non serviu para aproximar posicións nin amortece-las posturas. O Reino Unido, a través do seu o ministro de Relacións Exteriores Jack Straw, afirmou que para entrar a discutir a revisión do cheque británico “terá que haber trocos significativos nos niveis xerais de gasto da UE e na estrutura comparada do financiamento que estaba sobre a mesa en xuño se se quere que haxa un trato en decembro”. Estas declaracións supoñen un endurecemento explícito da postura británica con respecto os discursos do representante permanente ante a UE, John Grant, do primeiro ministro adxunto, John Prescott, e do propio premier británico, Tony Blair, talvez coma reacción ó posicionamento en bloque das 24 delegacións contra o cheque no pasado COREPER.

Canda menos o Sr. Straw admitiu que o reembolso británico era ”unha anomalía” pero engadiu que a estrutura do orzamento, e o excesivo peso da agricultura, era tamén irregular. Francia; tamén baixo presión das outras delegacións para aproba-lo mandato neste mesmo CAGRE do Sr. Mandelson, comisario europeo de comercio, de cara as negociacións na rolda da OMC no seu apartado agrícola; insistiu en que os niveis de gasto na PAC foran fixados por tódolos países da UE en 2002. O Reino Unido indicou que ese mesmo acordo tampouco excluía unha revisión.

Aparentemente, Gran Bretaña non quere agora só “redirixi-lo” gasto da Unión, senón tamén reduci-lo nivel de gasto en compromisos de pagos por embaixo do 1,06 por cento da RNB da UE que figuraba na última proposta luxemburguesa en xuño e que recibira o apoio de 20 delegacións. O ministro de asuntos europeos británico, Douglas Alexander, foi máis aló e describiu a proposta de Luxemburgo coma ”inaceptable”.

Volvendo a posicións de febreiro de 2005, catro Estados contribuíntes netos —Países Baixos, Suecia, Austria e Alemaña— insistiron en conter o nivel total de gasto. Alemaña repetiu que non aceptaría un acordo con un maior nivel de gasto sen unha reducción aparellada da súa contribución neta.

Bernard Bot, ministro de Relacións Exteriores dos Países Baixos, maior contribuínte neto per capita ao orzamento de UE,  considerou as xestións do RU como un ”o paso na dirección correcta”, pero engadiu que espera moito máis. O seu ministro de finanzas Gerrit Zalm afirmara a principios de novembro que a contribución do seu país debería reducirse nuns mil millóns de euros. Consecuentemente o Sr. Bot introduciu de novo no debate o principio do tratamento xusto dos EM con niveis semellantes da prosperidade na reforma de decisión dos recursos propios.

Pola súa parte o ministro español Miguel Ángel Moratinos xustificou o rexeitamento do acordo de xuño porque non solucionaba a perda de recursos para España —singularizado no fondo de cohesión—que quedaba en peor situación que coa proposta inicial da Comisión Europea de xullo de 2004. A solicitude de España dun fondo de adaptación tecnolóxico non foi sequera debatida. A delegación sueca, outro dos países que votaron negativamente en xuño, reclamou unha modernización do orzamento e novas solucións aos problemas dos desequilibrios nas contribucións netas.

No caso de Francia, que si apoiara o compromiso de xuño, o seu ministro de relacións exteriores, Philippe Douste-Blazy, adoptou unha liña considerada por outras delegacións coma inflexíbel, considerando que canto máis se separe a Presidencia da proposta de xuño, máis duro será obter un acordo. Francia insistiu vehementemente nun recorte do cheque británico sen o que Francia, Italia e España pagarían o custo da ampliación. O Sr. Douste-Blazy rexeitou tamén a recente suxestión da Comisión europea de “recanalizar” [”rechannelling” en expresión inglesa] os fondos destinados ás axudas directas ós granxeiros cara planes de desenvolvemento rural afirmando que ningunha reforma da estrutura do orzamento debería de producirse antes de 2013.

Finalmente, os Estados de Europa central e oriental salientaron a necesidade de obter un acordo en decembro. O novo ministro de Relacións Exteriores de Polonia, Stefan Meller, dixo que o seu país esperaba recibir “unha compensación polo tempo perdido”, en referencia ás perdas potenciais de transferencias se o orzamento de 2007 se tivese que deseñar sen contar coas PPFF. Polonia solicitou ser compensada a maiores polas variacións na taxa de troco do zloty co euro.

Cyril Svobod, ministro de Relacións Exteriores checo opúxose firmemente á proposta da Comisión de aumentar até o 60% a vinculación forzosa do financiamento da cohesión a “proxectos para mellorar o espírito competitivo”, xa que podería limitar as capacidades de absorción do seu Estado. Ó igual que outros representantes da UE-10 non tivo obxeccións á proposta para “recanalizar” un 1% extra dos fondos de axudas directas ó desenvolvemento rural xa que isto non se aplicaría aos 10 novos EM.

Finalmente en referencia o Fondos de Axuste á Globalización proposto de novo pola Comisión que o cuantificou en 3.500 millóns de euros para todo o período, a maioría das delegacións — esencialmente todas excepto Francia— rexeitaron máis ou menos explicitamente a idea. O COREPER do venres 4 xa solicitara da Comisión un maior detalle na súa proposta. 

PRÓXIMOS PASOS

Nos próximos días espéranse novos documentos da Comisión e da Presidencia: A Comisión deberá responder ás solicitudes de información adicionais nos cinco puntos contidos na carta remitida a Tony Blair polo Presidente da Comisión Europea. O documento da presidencia pola súa parte debería centrarse nas tres áreas que o RU identificou coma máis problemáticas para acadar un acordo, é dicir: a corrección da estrutura do orzamento (aumento do gasto ligado a mellora-lo espírito competitivo), modernización do orzamento (introducción dunha cláusula de revisión do gasto e das prioridades do mesmo) e o revisión da decisión sobre recursos propios (regulación das contribucións dos EM). O resultado destas discusións será un novo punto de debate na próxima xuntanza de ministros de Relacións Exteriores o 21 de novembro.

Segundo se desprende das declaracións da Presidencia parece que non se presentará unha proposta detallada [con cifras e non con corchetes] até os primeiros días de decembro. No calendario ideal do RU o CAGRE dos días 12 e 13 debería servir para acadar un acordo case definitivo que debería ser pechado no Consello Europeo dos días 15 e 16 de decembro.

O Comisaria de Orzamento da UE Dalia Grubauskaité, foi moi crítica co enfoque da Presidencia, considerando que non é o momento de debates xerais senón que “necesitamos propostas concretas”.

En contra do esperado tralo cumio de Hampton Court o alto representante e secretario xeral do Consello Javier Solana non presentou un informe sobre as necesidades da Unión para desenvolver a súa política exterior común e as misións da Política da Seguridade. En calquera caso si que se espera un documento para a fin de novembro.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante