Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

13/10/2020

O novo marco estratéxico da UE para a igualdade, a inclusión e a participación dos xitanos

5149F_1602598540_phpThumb_generated_thumbnail.jpg
O pasado 7 de outubro, a Comisión Europea presentou un novo plan de dez anos, que inclúe unha proposta de Recomendación do Consello, para apoiar aos xitanos na UE.
Os Estados membros deberán presentar as súas estratexias para a inclusión dos xitanos antes de setembro do ano que vén.

Bruxelas, 13 de outubro de 2020. Neste novo plan hai sete ámbitos clave de atención: igualdade, inclusión, participación, educación, emprego, saúde e vivenda. En cada ámbito, a Comisión propuxo novos obxectivos e recomendacións aos Estados sobre a maneira de alcanzalos, que servirán de instrumentos importantes para supervisar os progresos e velar por que a UE avance na prestación do apoio vital que seguen necesitando moitos xitanos que viven na UE.

Aínda que o obxectivo é a plena igualdade, a Comisión propuxo obxectivos mínimos para 2030, baseándose nos progresos realizados no marco actual. Entre eles :

Reducir nun 50 % como mínimo a porcentaxe de xitanos vítimas de discriminación.
Duplicar a porcentaxe de xitanos que presentan unha denuncia tras sufrir discriminación.
Reducir nun 50 % como mínimo a fenda de pobreza entre a poboación xitana e a poboación xeral.
Reducir nun 50 % como mínimo a fenda na participación na educación infantil.
Reducir nun 50 % como mínimo a porcentaxe de nenos xitanos que asisten a escolas primarias segregadas na metade como mínimo dos Estados membros cunha poboación xitana importante.
Reducir nun 50 % como mínimo a fenda de emprego e a fenda de xénero no emprego.
Reducir nun 50 % como mínimo a diferenza na esperanza de vida.
Reducir nun terzo como mínimo a fenda na privación de vivenda.
Garantir que o 95 % como mínimo dos xitanos teñan acceso á auga corrente.

Para alcanzar estes obxectivos, é fundamental que os Estados poñan en marcha as políticas adecuadas. A Comisión ofrece orientacións aos Estados e establece unha lista de medidas que deben adoptar os mesmos para acelerar os avances cara á igualdade, a inclusión e a participación dos xitanos. As orientacións e as medidas van desde o fomento de sistemas de apoio aos xitanos vítimas de discriminación ata campañas de concienciación nas escolas, o apoio á alfabetización financeira, o fomento do emprego dos xitanos nas institucións públicas e a mellora do acceso das mulleres xitanas á planificación familiar e a uns exames e controis médicos de calidade.

Próximas etapas
A Comisión pide aos Estados que presenten as súas estratexias nacionais como moi tarde en setembro de 2021 e que informen sobre a súa execución cada dous anos. A Comisión supervisará os avances cara aos obxectivos de 2030, baseándose na información das investigacións levadas a cabo pola Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e nas achegas da sociedade civil. Tamén levará a cabo unha avaliación intermedia en profundidade do novo plan de dez anos na súa totalidade.

Contexto
Aínda que se rexistraron algunhas melloras na UE, Europa aínda ten moito camiño por percorrer para lograr unha verdadeira igualdade para os xitanos. A marxinación persiste e moitos xitanos seguen enfrontándose a unha combinación de discriminación desproporcionada, antixitanismo e exclusión socioeconómica na súa vida cotiá.

O novo marco estratéxico da UE sobre os xitanos é a primeira contribución directa á aplicación do Plan de acción da UE contra o racismo 2020-2025 e forma parte do compromiso da presidenta Von der Leyen: unha Unión da Igualdade.

O novo marco estratéxico para a igualdade, a inclusión e a participación dos xitanos parte do actual Marco Europeo de Estratexias Nacionais de Integración dos Xitanos ata 2020. Tamén garda relación co traballo da Comisión noutros ámbitos como a estratexia sobre os dereitos das vítimas e a Estratexia para a Igualdade de Xénero.

Moitos dos ámbitos políticos relacionados coa mellora da igualdade, a inclusión e a participación dos xitanos son principalmente responsabilidades nacionais. Con todo, a UE desempeña un papel importante á hora de facilitar orientacións políticas, coordinar as medidas dos Estados, supervisar a aplicación e os avances, prestar apoio a través dos fondos da UE e promover o intercambio de boas prácticas entre os Estados.

Máis información: Comisión Europea 
Comentarios de prensa do Comisario Dalli - Marco estratéxico da UE para a igualdade, a inclusión e a participación dos xitanos

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante