Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

18/06/2019

Unión da Enerxía: A Comisión pide aos Estados membros que reforcen os seus plans de aplicación do Acordo de París

O Colexio de Comisarios reuniuse para debatir sobre a Unión da Enerxía e a situación xeral das relacións UE-Suiza. Fonte: © European Union 2019.png
  • A Comisión Europea sinalou que o proxecto actual de plans nacionais integrados de enerxía e cambio climático é insuficiente, tanto en materia das enerxías renovables como de eficiencia enerxética.
  • Os plans nacionais deben proporcionar claridade e previsibilidade ás empresas e ao sector financeiro dos Estados membros a fin de estimular os investimentos privados necesarios.
  • Estes plans tamén facilitarán a programación do financiamento dos Estados da UE con cargo ao próximo marco financeiro plurianual 2021-2027.
Bruxelas, 18 de xuño de 2019. A Comisión publicou hoxe a súa avaliación dos proxectos de plans dos Estados membros para aplicar os obxectivos da Unión Europea en materia de enerxía e, en particular, os obxectivos da UE para 2030 en materia de enerxía e clima.

A avaliación da Comisión conclúe que os plans nacionais xa representan un esforzo significativo, pero sinala varios ámbitos nos que é posible mellorar, especialmente no que se refire ás políticas específicas e individualizadas para garantir o cumprimento dos obxectivos de 2030 e para seguir avanzando cara á neutralidade climática a máis longo prazo.

A Unión Europea é a primeira gran economía que estableceu un marco xuridicamente vinculante para cumprir os seus compromisos en virtude do Acordo de París e é a primeira vez que os Estados membros preparan proxectos de plans nacionais integrados de enerxía e clima (PNEC). Nembargantes, cos plans que actualmente se quedan curtos tanto en termos de enerxías renovables como de contribucións á eficiencia enerxética, alcanzar os obxectivos xerais da UE en materia de clima e enerxía requirirá un aumento colectivo da ambición.

Na súa análise dos proxectos de plans nacionais, a Comisión examinou a súa contribución agregada ao logro dos obxectivos da Unión Europea en materia de enerxía e das metas para 2030. No seu estado actual, o proxecto de plans nacionais integrados de enerxía e cambio climático é insuficiente, tanto no que se refire ás enerxías renovables como á eficiencia enerxética. No caso das enerxías renovables, a diferenza podería chegar a 1,6 puntos porcentuais. En canto á eficiencia enerxética, a diferenza pode chegar a ser de 6,2 puntos porcentuais (se se considera o consumo de enerxía primaria) ou de 6 puntos porcentuais (se se considera o consumo de enerxía final).

A boa noticia é que os Estados membros dispoñen agora de seis meses para elevar o seu nivel nacional de ambición. As recomendacións da Comisión Europea e as avaliacións detalladas teñen por obxecto axudar aos Estados membros a ultimar os seus plans para finais de 2019 e a aplicalos eficazmente nos próximos anos. Os plans nacionais deben proporcionar claridade e previsibilidade ás empresas e ao sector financeiro para estimular os investimentos privados necesarios. Os plans tamén facilitarán a programación do financiamento dos Estados membros con cargo ao próximo marco financeiro plurianual 2021-2027.

O órgano executivo da UE tamén publicou novas directrices sobre a información das empresas en relación co clima, como parte do seu Plan de acción para un financiamento sustentable. Estas directrices proporcionarán ás empresas recomendacións prácticas sobre como informar mellor sobre o impacto das súas actividades no clima, así como sobre o impacto do cambio climático nos seus negocios.

A Comisión tamén acolleu con satisfacción a publicación de tres novos e importantes informes do Grupo de Expertos Técnicos sobre financiamento sustentable, que inclúen recomendacións clave sobre os tipos de actividades económicas que poden contribuír realmente á mitigación do cambio climático ou á adaptación ao mesmo (taxonomía).

Próximos pasos
A lexislación da Unión sobre a Unión da Enerxía esixe aos Estados membros que teñan debidamente en conta as recomendacións da Comisión ou que, en caso contrario, fagan públicos os motivos polos que non as teñen en conta. De aquí ao final de ano, os Estados membros tamén teñen que asociar ao público na preparación dos plans finais.

O prazo para a presentación dos plans finais conclúe o 31 de decembro de 2019. A comunicación da Comisión e as recomendacións adoptadas hoxe forman parte dun proceso de intercambio cos Estados membros que garantirá que para entón as versións finais dos PNEC serán suficientemente detalladas, sólidas e ambiciosas.

A Comisión Europea, partindo do excelente proceso de cooperación observado ata a data, está preparada para apoiar aos Estados membros nos seus esforzos por finalizar os seus plans nacionais de enerxía e clima de aquí ao final de 2019.

Debate sobre o estado das relacións entre a UE e Suíza
Así mesmo, o Colexio de Comisarios debateu hoxe a situación xeral das relacións entre a UE e Suíza. Reiterou que o Acordo Marco Institucional non se renegociará. Os Comisarios observaron a falta de progresos e, por tanto, o Colexio non viu a necesidade de tomar ningunha decisión. O Colexio reiterou a súa disposición para celebrar o acordo antes de que finalice o mandato desta Comisión.

Fotografía: Comisión Europea

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante