Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

01/03/2007

Os Estados membros chegan a un acordo de mínimos sobre a promoción das enerxías renovábeis a nivel comunitario

Conclusións do Consello de Ministros de enerxía (15 febreiro)

Os Ministros responsábeis da política enerxética dos Estados membros reuníronse en Bruxelas o pasado 15 de febreiro e adoptaron un documento provisional para o Plan de acción europeo sobre enerxía que será debatido o 8-9 de marzo durante o Consello Europeo de Primavera.

A reunión do Consello de Ministros da UE tiña como punto principal preparar a contribución dos estados membros ante o Consello Europeo de Primavera (8-9 de marzo) no cal se quere adoptar o Plan de acción prioritario para unha política enerxética europea.

Durante a reunión, a Comisión europea, a través do Comisario Andris Piebalgs, tivo a oportunidade de presentar aos estados membros os documentos do "Energy Package" feito público o 10 de xaneiro e que incluía a Revisión Estratéxica da Enerxía Europea (SEER) e unha proposta de acción para a política enerxética europea (no que se incluía o Plan de Acción para a Eficiencia Enerxética adoptado pola Comisión en outubro de 2006). Posteriormente, os estados membros buscaron alcanzar un acordo sobre cada un dos temas incluídos no paquete enerxético.

Os temas centrais sobre os que xirou o debate foron, por un lado, a posición que tomaría o Consello de Ministros ante o "unbundling" do sector enerxético, isto é, a separación da producción e a distribución enerxéticas; e por outro, os obxectivos que marcaría o Consello en canto a introducción de enerxías renovábeis e biocombustíbeis.

Polo que respecta ao unbundling acordouse unha proposta moi xeral que dá gran capacidade de manobra aos Estados. O obxectivo perseguido era que este aspecto non bloquease toda a reunión.

Polo que respecta ao uso de enerxías renovábeis o Consello decidiu propor que en 2020, o 20% do consumo total de enerxía proceda de fontes renovábeis. Porén, en ningún momento se estabelece que esa porcentaxe sexa obrigatoria senón que se trata dun obxectivo que se pretende alcanzar.

O mesmo pódese dicir do obxectivo para os biofueis, posto que se supedita a obrigatoriedade dun mínimo do 10% (como foi proposto pola Comisión) no consumo do transporte a que a segunda xeración de biofueis estean comercialmente dispoñíbeis e que a Directiva sobre a calidade do fuel permita porcentaxes de mestura razoábeis.

Si houbo acordo no que respecta á necesidade de fortalecer a posición da UE nas relacións internacionais en temas enerxéticos (voz única da UE e novo acordo enerxético con Rusia), no papel da enerxía nuclear no futuro enerxético europeo e na seguridade de subministro enerxético (diversificando o número de provedores, estabelecendo mellores sistemas para xestionar posíbeis crises, estabelecendo un Observatorio Enerxético)


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante